Arquivos mensuais: Decembro 2020

* Que ven o APALPADOR!!!!

 

Castañas

Estamos afeitos por estas datas a ver ao papá Noel por todas partes, mais na nosa terra, contamos cunha personaxe que ven da tradición, de cando non había centros comerciais, nin televisións, … Trátase dunha figura que aparece e se manifesta con diferentes nomes noutros lugares da área galego-portuguesa: Apalpador, Apalpa-barrigas, Pandegueiro, Pandigueiro ou mesmo en outros territorios como o Olentzero que visita ás nenas e nenos vascos, o leñador Esteru en Asturias,…No noso caso trátase dun home moi grande, de oficio carboeiro, que nas noites do 24 ou o 31 de decembro baixa das montañas do Courel ou dos Ancares para recorrer os fogares de Galiza. Ten unhas mestas barbas ruibas, pantalón de pana, camisa, chaleco, pucha na cabeza, zocos, un caxato e leva un grande saco ao lombo. Seique esas noites entra silenciosamente nos cuartos das nenas e dos nenos,  e lles apalpa as barriguiñas para ver se están mantidos. Se están dilles “así esteas todo o ano” e déixalles unha presa de castañas. Tamén deixa agasallos,   que leva no saco para os nenos e nenas galegas na noite de nadal ou de ano vello.

Esta lenda estaba  desaparecida, e foi recuperada pola tradición oral recollida. Fora substituída por outras foráneas,  importadas, que fixeron que a nosa propia fose case  esquecida por completo. Dende a escola consideramos que temos a obriga de darlle difusión e facer que os nosos pequenos e pequenas coñezan o propio, o noso, a nosa cultura e a nosa tradición. Coñecer é o mellor xeito de poñer en valor.

Deixámosvos un enlace para coñecer máis desta entrañabel personaxe, e aproveitamos para desexarvos unhas felices festas  e un  ano novo con moita saúde!!

Triloxía de Xoán G.