Arquivos mensuais: Novembro 2020

*Escola infantil si, “guardería” non! … Algunha cuestión!

As propostas teñen en conta os intereses diferentes

Aínda que a expresión “gardería” ou “guarde” segue a ser utilizada por moitas persoas cando se refiren á escola infantil, é importante comentar que se trata de conceptos totalmente diferentes. En primeiro lugar dicir que o termo “guardería” está en desuso (aínda que a siga a usar moita xente e incluso os medios). As “garderías” foron tradicionalmente aqueles espazos dedicados a gardar aos nenos e nenas, e os traballadores deses establecementos dedicábanse ao seu coidado. As escolas infantís, non teñen nada que ver. O seu obxecto é o desenvolvemento integral e harmónico das nenas e nenos, nos distintos planos – físico, motor, emocional, afectivo, social e cognitivo-, e procurar aprendizaxes que fan posible o devandito desenvolvemento, tamén ofrecen apoio á función educativa da propia familia e facilitan a conciliación.

Moitas veces dende as escolas protestamos e corriximos cando o ouvimos o termo que non nos corresponde, mais cremos que a mellor forma de que se elimine é dando a coñecer e explicando que é o que nós facemos dentro da escola, que nada ten que ver con gardar a ninguén.

Comentar que ofrecer atención educativa ao primeiro ciclo de educación infantil en Galicia implica seguir unha normativa específica de obrigado cumprimento. As escolas infantís do Consorcio, contamos ademais cun proxecto educativo marco, aínda que son os equipos educativos das escolas quen o concretarán nun proxecto educativo propio e mediante unha proposta pedagóxica que será desenvolta na propia practica docente.

A escola infantil de Sobrado conta cun proxecto educativo no se optou por un tipo de metodoloxía na que o neno e a nena están no centro. Nós non somos protagonistas, pero estamos sempre presentes, observamos atentamente para coñecer en profundidade. Preparamos os espazos cada día en función da proposta planificada, e esa proposta deseñase a partir da observación diaria de cada un dos nenos e das nenas da escola. Os elementos, materiais, espazos, tempos,… teñen unha razón de ser. Os nenos e nenas mergúllanse no seu propio xogo guiados polo seu interese, e nós estamos pendentes de que os elementos do espazo renoven o seu interese, recollemos os materiais que o grupo non emprega, colocamos outros, cambiamos de espazos, … Fomentamos a súa actividade autónoma. Acompañamos con palabras as accións das pequenas e dos pequenos para facelas conscientes do que fan, ofrecemos mensaxes claras, anticipámonos a súa acción, axudamos a tomar conciencia deles mesmos e mesmas, dos outros e do mundo que os e as rodea, e buscamos a súa cooperación, establecendo unha relación privilexiada que promova a actividade autónoma. Observamos, rexistramos, documentamos e establecemos estratexias e propostas tratadas no seo do equipo. Compartimos coas familias nas titorías, buscamos solucións en conxunto, chegamos a acordos, imos revisando e valorando. E mediante estratexias que melloran un vínculo seguro intentamos que as nenas e nenos da nosa escola se sintan persoas queridas, valoradas e aceptadas.

Moitas grazas e até a próxima!

Interese diferente no mesmo espazo