Arquivos mensuais: Outubro 2020

*Miremos dende os seus ollos. Que vemos?

Os primeiros días de este setembro foron moi agradables. Todo no exterior. A nai, o pai, o avó, avoa … acompañan. O tempo non chega a nada, e todo o que hai é novedoso e entretido. Vanse con gañas de volver ao día seguinte. Pouco a pouco se van incorporando amigos ou amigas na escola. Poucas. E acompañadas por algún membro da súa familia. Até chegar a un día no que as familias, aínda que volven, xa non están na escola. Son momentos duros!!

Fagamos un sinxelo exercicio: poñernos no lugar dos nenos e nenas. Miremos dende os seus ollos. Que vemos? Podería ser algo de isto: nin mamá nin papá están, hai outros nenos e nenas moi rápidos e que chegan antes aos xoguetes, cando os demais choran ou berran moito póñenme nervioso/a, non me entenden, teño fame, teño sono, teño desgusto, enténdenme á primeira, aténdenme, chego a onde desexo, podo xogar con outros nenos e nenas, podo facelo só/a, … Aparecen unha serie de situacións que provocan emocións que non sempre son agradables e poden producir malestar, cansazo, nerviosismo, …

Acougo

Pouco a pouco empezan a contar con nós, pasan os días e as semanas e vámonos entendendo, imos  comprendendo. As observacións axudan a entender e a descubrir as oportunidades de acción educativa  e as respostas,  buscando aquel puntiño mais aló, enriquecendo. Dentro desas observacións encóntrase a relación interpersoal  coas persoas adultas da escola, con nós. Observamos se as nenas e nenos se encontran ben con nós na escola, se parecen sentirse queridos, aceptados e valorados pola nosa parte, é intentamos contribuír e establecer as estratexias pertinentes para  que establezan un apego seguro.

As relacións de apego dos primeiros anos, teñen unha peculiaridade especial, porque contribúen a definir un certo estilo de aproximación coas relacións de apego que se teñan ao longo da vida e  incluso poden confirmar ou modificar patróns de relacións aprendidos das nais e dos pais.

Aloumiño

Ofrecer un apego seguro significa ofrecerlles confianza e sensibilidade, escoita e resposta, amosarse dispoñibles ofrecendo contacto cando se precisa e respondendo de xeito sincrónico ao estado emocional de cada un delas e deles.

Que agradable é observalos tanto individualmente como dentro do grupo!. Como se relacionan, como xogan, como se van afacendo ás actividades do cotiá, …que ben!! Isto que pode parecer, aos ollos das persoas adultas, algo sen importancia, é un proceso tan difícil!. Difícil tarefa, intentamos estar á altura!

até a próxima!