* SILENCIO, por favor!! Estamos escoitando ás crianzas!

Xa é o inicio do curso. A escola escoita a información que ofrece a familia sobre a actualidade de cada unha das propias crianzas. Hai moita información, o que lles gusta, o que non lles gusta, os xogos preferidos, os momentos onde parece que teñen mais sono, mais fame, o mellor momento para xogar e iniciar a escola…con toda esa información imos organizando os horarios, os espazos, os elementos e os momentos do cotiá no período de familiarización.

Escola de Sobrado, horta. Setembro

Realmente que todo empece e remate no exterior é un éxito, e que as familias poidan acompañar aos seus fillos e fillas é o mellor. Pouco a pouco a familia vai desaparecendo da escola. E as crianzas van estando cada vez mais tempo tranquilas sen elas. Como pasan mais tempo na escola vanse incorporando actividades do cotiá, como hixiene, almorzo, e as normas que lle son inherentes, que ademais pronto son asumidas e practicadas por eles e elas. Sen darnos conta imos facendo toda a nosa xornada.

Na maior parte dos casos é así. Pero hai ocasións que non todo é tan doado.
Hai nenos e nenas que teñen problemas para entrar e quedar na escola, choran cando se ven sen a súa familia, outros protestan parece que por ter algún tipo de incomodidade (sono, fame …), outros non queren saber nada de normas (lavar as mans antes de comer…), outras non toleran ben a frustración, e incluso hai os e as que protestan cando a familia os veñen buscar… Pois ben ante todas estas situacións a escola debe dar resposta. E está claro que a resposta ten que ser individualizada. Non a todos e todas lles pasa o mesmo, non todos precisan o mesmo. En ocasións a resposta axeitada pode estar en nós ou na nosa man, polo que o equipo educativo vai facendo observacións para atopar a mellor solución ao respecto, establecendo as estratexias de mellora educativas necesarias para conseguir o obxectivo proposto, analizando e axustando até dar coa solución. Mais, ás veces a solución non está na nosa man e precisamos a colaboración da familia. Cando colaborades con nós a situación mellora tanto…!!


Non debemos esquecer que hoxe en día para moitos nenos e nenas, a escola é case o único lugar onde se atopan con outras crianzas. E como nos dí o pedagogo Francesco Tonucci, a verdadeira necesidade das crianzas é xogar con outros nenos e nenas libremente. Tanto a escola infantil como as familias deberíamos telo en conta. Por iso precisamos propoñer unha variedade de ambientes para que o xogo sexa mais rico e polo tanto teñan mais experiencias de xogo e,  polo tanto,  mais aprendizaxes (relacionarse, compartir, xestionar, escoitar, cooperar, expresarse, actuar, probar, experimentar, …). A colaboración familia-escola e a atención aos intereses e necesidades das crianzas de xeito individual pola nosa parte, achéganos a poder escoitar o seu mundo interior, poder facer acompañamento a cada unha das súas conquistas confiando nas súas competencias e capacidades.

Que a pandemia non limite o xogo nin a escola !!

Moitas grazas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *