* Ilusión para o novo curso

 

Vaia curso mais raro este! Tantos cambios houbo, tantas presas, tantos apuros,…e de repente,  todo se para. Todos e todas para casa. Agardamos expectantes. A  ver que pasa.

O equipo da escola  poñémonos en contacto de seguida . Imos  traballar de outro xeito, dende a distancia, nas nosas propias casas. Entendemos  que isto pode ser unha grande oportunidade. Para a reflexión individual e a posta en común, para a reflexión e o diálogo. Para o análise das posibilidades da nosa realidade e  apostar polo conxugar das capacidades persoais, para planificar e ofrecer unha escola coa maior calidade posíbel. Temos tempo!

Analizamos e repensamos o tipo de escola que queremos ofrecer, reflexionando sobre a misión da mesma ou para que serve a escola infantil. Tamén pensamos sobre a visión da escola ou como queremos que sexa vista. Pensamos e compartimos as propias experiencias. Analizamos as estratexias que como profesionais debemos levar a cabo para conseguir o que desexamos e ir achegándonos ao ideal de escola que perseguimos.   Tamén tratamos sobre a infancia en xeral, en clave de potencialidades e de capacidades, e como suxeitos activos que teñen uns dereitos que deben ser tidos en conta e escoitados, e por suposto o noso rol docente, ou o tipo de  profesionais que desexamos transmitir, que queremos ser, que debemos ser segundo os argumentos pedagóxicos mais respectuosos coa infancia . E, polo tanto,  as estratexias educativas que están á nosa man para poder acadar todo o que formulamos, sabendo que moito parte de nós, e en que en nós está o cambio.

Creando e desfrutado

 

Xa de volta á escola (aínda sen nenos nin nenas) puxémonos mans á obra con todo aquelo que se estivera reflexionando e planificando. E, a chegada do protocolo de actuación para as escolas infantís fronte ao coronavirus, confirmou gran parte do noso modo de facer na escola (andar descalzos no interior, uso do exterior todo o ano, …) mais, aínda que supuxo ter en conta aspectos relativos á protección e a prevención, posibilitou abrir a mente a novas posibilidades da nosa realidade.  Foron tempos para limpar, organizar, rexeitar, arranxar, …no interior da escola e tempos que repensar e ampliar as posibilidades do exterior. Traballo duro, intenso e en equipo.

Ampliando o exterior

Arranxando e coidando a horta

 

O concello de Sobrado sempre colaborando

 

 

A nova herbiña do novo exterior!!!!!

 

A herbiña medrando

 

 

Sentimos  pena polas crianzas que remataron, sen despedidas, dun xeito tan diferente: un agarimo moi grande para todas e todos eles!!

Sentimos esperanza de que todo isto se supere canto antes, e que non se impida o contacto, o achegamento físico, os aloumiños, tan necesarios para a aprendizaxe e o desenvolvemento!

Temos moita ilusión para o comenzo!

 

Feliz agosto  e moita saúde!

Vémonos en setembro!

 



 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *