Arquivos mensuais: Xuño 2020

*Avaliamos??

Pintura Maternidade. Leandro Lamas

 

Nestas alturas de curso, entre xuño e xullo, o equipo da escola de Sobrado realizaba reunións onde se comentaba a evolución do desenvolvemento de cada unha das nenas e dos nenos da escola. Falabamos das crianzas, de como chegaran á escola nos inicios e como estaban nese momento, axudabámonos con fotos e materiais, de todo o curso, e case sempre nos emocionabamos cos avances conseguidos das nosas neniñas e neniños.

Como medran, canto aprenden…que rápido pasa o tempo!!

Case sempre precisabamos colaboración das familias ou mesmo planificabamos traballos en conxunto entre as dúas partes, para resolver certas cuestións que afectaban directamente a os seus propios fillos e fillas. Para iso planificabamos as titorías. Nelas, a escola aportaba toda a información coa que contaba de determinada situación e solicitaba a visión da familia ao respecto, reflexionábase sobre un establecemento de estratexias a levar a cabo encamiñadas á mellora do benestar do neno ou da nena, marcábanse uns obxectivos e un compromiso de accións pensadas e compartidas.

Con todo isto facíase un informe que se entregaba ao final do mes, ao final do curso.

E agora? que pasa este curso???

Pois como a escola se fechou no mes de marzo, o equipo educativo non temos información das crianzas para elaborar un informe final. A atención educativa estivo a cargo exclusivo das familias e son elas, sodes vós, as que tedes a visión completa da situación dos vosos fillos e fillas neste momento. Sería absurdo entregarvos un informe no que valorásemos aos nenos e nenas coas observacións recollidas até o mes de marzo, xa que nestes momentos xa non sería válida. Os nenos e nenas medran e xa están noutro momento de desenvolvemento, logo de todos estes meses. Así que, teredes que ser vós mesmas, familias, quen teñades que facer a valoración final do curso se queredes, e podedes apoiarvos en esta serie de orientacións.

Primeiro hai que saber o que precisamos valorar. Propoñémosvos que vos centredes nos seguintes aspectos: os psicomotores, relativos as destrezas corporais; a comunicación, a capacidade de facerse entender e o interese e comprensión do que escoita; as relacións sociais, coas persoas coñecidas, descoñecidas,…;a autonomía, interese por facer por propia iniciativa, e as emocións, como defende os seus intereses, como xestiona os conflitos, …

Para poder avaliar a progresión e o desenvolvemento, deberemos pensar como estaban as nosas fillas e fillos no inicio do confinamento, e como están agora, usando os nosos recordos, vídeos, fotos, visións do resto da familia

Coa valoración facemos unha análise da evolución da nosa nena ou neno. Observamos que aspectos se desenvolven con fluidez e cales precisarían de algún tipo de estratexia de mellora. Buscar as posibles solucións en familia e mesmo permitirnos colaboración, sería óptimo !!!

Recordade que para que un neno ou nena ande, fale, escoite, controle esfínteres, defenda os seus intereses, sexa autónomo, … o único que precisa é que se lle dea a oportunidade, con afecto, agarimo e tenrura, coa comunicación necesaria, con escoita mutua, con respecto e empatía, apoiando e ofrecendo retos para estimular os logros, e establecendo os límites necesarios para acadar un control das emocións e do propio comportamento. Reflectindo, en definitiva, un modelo educativo que nutra.

Moito ánimo familias e contade con nós para calquera tipo de cuestión educativa que consideredes!!