Arquivos mensuais: Maio 2020

* Carvalho Calero

 

E moi complicado definir unha figura tan importante como Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado hoxe, día das Letras Galegas, nesta humilde entrada de blogue.

Seguro que xa tivestes información sobre el a través dos diferentes medios, mais desexamos seleccionar algunha información  que é de interese para a nosa escola.

Interésanos dar a coñecer de Carballo Calero o proxecto pedagóxico avanzadísimo que levou a cabo durante 15 anos como director do colexio Fingoi en Lugo, dende o 1950 até o 1965, no que poñía en práctica o coñecemento para a vida,  a idea de que as persoas se educaran como persoas libres de xeito integral. Pensemos que nesas alturas, en plena dictadura, as escolas, tanto relixiosas como púbicas, eran memorísticas e sen conexión coa realidade próxima. Polo que, inspirándose na Institución Libre de Enseñanza, e tendo en conta que estaba recoñecido como un centro de ensino experimental non homologado, e que o alumnado tiña que examinarse por libre, puxo en marcha ese proxecto pedagóxico.  Ese proxecto estaba centrado nos ciclos da natureza, era científico, de coeducación, de ensino globalizado e personalizado, con profesorado implicado e comprometido con reflexión sobre a práctica para dar resposta ás diferenzas individuais e ás  necesidades e retos educativos, onde a cultura como o teatro e a literatura en galego era introducida.   E fixádevos de que época estamos a falar!.  Moitas veces andamos á procura de referentes pedagóxicos, e témolos ben preto de nós!. É importante comentar que todo este proxecto levouno a cabo sen poder figurar como director, xa que a súa situación de pertenza ao bando dos perdedores da guerra,  impedíalle exercer cargos. 

Outro aspecto que desexamos dar a coñecer é que durante toda a súa vida dignificou a lingua galega.  Pensade que con só 17 anos, sendo un brillante estudante universitario de Dereito, empezou a formar parte do Seminario de Estudios Galegos (institución creada para estudar e divulgar o patrimonio cultural galego,  e para formar investigadores, unha universidade galega), onde admirou e se relacionou cas mellores e maiores persoalidades galeguistas,  chegando a elaborar o anteproxecto do primeiro Estatuto de Autonomía.  Liderou o partido galeguista na súa terra natal. Coa guerra civil,  todo se truncou!. Mais a súa erudición,  cultura e o seu minucioso e inxente traballo de estudo, investigación e produción, converteuno no mellor coñecedor do idioma de noso en todas as súas dimensións. Será  solicitado  no ano 1965, para dar as primeiras aulas  de lingua e literatura galega na Universidade. Toda unha vida velando pola  lingua e literatura  galega, un referente.  Desexamos que a lingua galega estea presente en todos os ámbitos da nosa vida, na nosa escola, no noso entorno. O galego para todo. O noso deber e compromiso como escola  é usala, normalizala e protexela. Dende aquí invitamos ás familias  que a  usen, que a falen, que lle ofrezan aos seus fillos e fillas o dereito da lingua propia. 

 

A  persoa mais capacitada para planificar a lingua galega e mantela con boa saúde, era Carvalho Calero. Consideraba que para que o galego fora unha lingua normalizada, de uso normal en todos os ámbitos, no culto, no común, no científico e técnico,… unha lingua normal que deberían usar as persoas galegas, habería que reducir a distancia entre o galego e o portugués. Achegármonos os países lusófonos. Baseándose na historia da lingua galega, retomando o proceso natural que ela debería seguir.  A lingua galego-portuguesa, naceu no norte e avanzau cara o sur, impoñéndose á mozarabes da Lusitania, e logo foi polo mundo grazas a expansión marítima.   Mais ocorreu un feito histórico: a nosa zona quedou dividida por unha fronteira política cando se creou o reinado de Potugal. A parte norte ficou  isolada e colonizada polo reino castelán, influenciando a  fala e ortografía.

E,  aínda que non foi o primeiro en defender esta postura, xa que dende o século XIX,  había autores que o facían, D. Ricardo Carvalho Calero é  principal pensador e fundador do reintegracionismo moderno,  defendendo que  isto aseguraría unha xanela de oportunidades e, facilitaría a supervivencia do galego. 

Mundo lusófono

Tal e como está a situación da nosa lingua é preciso que a usemos, que a fagamos competitiva e normalizada, que a desconfinemos e solicitemos o seu uso en calquera ámbito da vida. Mais sería moi interesante, aproveitando o ano de Carbalho Calero ir achegándonos pouco a pouco ao galego internacional. Intentarémolo na nosa escola!

De Carballo a CarvalhoPremede nos seguintes enlaces:

 

CONTO BOLECHAS

AGAL DESCUBRINDO O GALEGO INTERNACIONAL

CARVALHO CALERO, VIDA E OBRA

 

Obrigada!!