* Escoitar Jazz dende os inicios

 

Instrumentos de jazz

Despois dunha boa temporada sen poder acceder ao blogue da nosa escola,  por motivos relacionados co período de confinamento que nos está  tocando vivir, desexaríamos retomalo de novo, aproveitando que hoxe,  30 de abril, celébrase o día internacional do Jazz, música moi relacionada co facer da nosa escola. 

De sobras son coñecidos os beneficios da música en xeral para o desenvolvemento das nosas crianzas.  Aínda que non se fixera referencia a  investigacións científicas sobre o tema,  calquera persoa que se relaciona cun bebé ou con nenos e nenas pequenas,  sabe que a música, as cancións de berce, as cantigas …teñen moito interese para elas e eles. Influen  no seu estado de ánimo, chegando a calmalos até quedarense durmidos en ocasións, ou mesmo facéndolles arrincar un sorriso nas situacións mais complicadas. Axúdalles a entender o mundo, o entorno, … Pero ademais, as investigacións dinnos que a música inflúe enormemente no desenvolvemento intelectual, sensorial, auditivo, da fala e incluso da actividade motora das nosas nenas e nenos. Dende bebés xa se van preparando  as competencias necesarias para a aprendizaxe e a apreciación da música. Lévanse a cabo (teoría do aprendizaxe musical de Edwing E. Gordon) co mesmo proceso utilizado para a  adquisición da fala,  así que é importante aportarlles aos nosos nenos e nenas ambientes ricos en experiencias musicais de calidade, non tendo que infantilizar a música para que  se poida desfrutar ou asimilar.  Elas e eles son quen de desfrutar da música tradicional, dunha sonata de música clásica, dun tema de rock, ou mesmo dun tema de jazz sen llo ter que simplificar,  dende que nacen.

Pero  que pasa co Jazz en especial?

O jazz é un xénero musical que se caracteriza ( básicamente e por abreviar) por notas e xiros inesperados, amosando a beleza da improvisación, falándonos de que aínda que algo non estea planificado, permítese facer, …e desfrutar, e incorporar, e conxugar,… polo tanto fálanos da liberdade  de actuación, de tolerancia, de adaptación ao diferente, da riqueza do diverso, do heteroxéneo. Axuda a que se vaia gañando na cofianza, na experimetación e no descubrimento, do valor de atreverse, de afirmarse, de participar, de formar parte, … Ten un carácter cambiante, vai buscando a sorpresa nos seus ritmos e nas súas  melodías, propicia a atención, a concentración,  e vai  predispoñendo o ouvido á escoita activa, a escoita con atención, a aprender diferentes linguaxes e diferentes linguas;   Céntrase no que ocorre no momento, sen importar o pasado nen o futuro, centrándose na felicidade do agora, do que ocorre no momento, no proceso, no importante …

Un estudioso do Jazz explicaba ” cando nalgunha ocasión me preguntaron que era o jazz ,contei que era como unha mesa redonda de discusión, nela habería varios participantes e poñeríase un tema en riba da mesa, e logo cada persoa iría dando a súa opinión sobre o tema e aportando, así sería como se explicaría o jazz , como un diálogo entre varios músicos”. 

Como no jazz, a nosa escola é un espazo no que se pretende que cada unha das persoas que participan da mesma  aporten o mellor de cada quen  e desfruten do proceso,   aprendendo unhas  persoas das outras.  As crianzas, as familias, nós…

Na nosa escola, como sabedes, é a música que máis nos  acompaña en moitos dos momentos importantes, que nos axuda a facer a envoltura que nos permite acompañar aos vosos fillos e fillas a unha dimensión diferente á propia casa e á propia familia,   na autonomía, na  diferenciación dos outros e outras ,  nas posibilidades, na calma, na relaxación, na confianza, así como tamén na creación ou no descubrimento.  Axúdanos a acadar un clima tranquilo durante a xornada , que da cabida a improvisación, así cando se precisa facer cambios por mor do grupo, das situacions individuais, permite a liberdade de incorporar, eliminar, sustituir, …adaptándonos as novas situacións tolerando  a diversidade, incluíndoa e respectándoa, dándolle resposta precisa e actualizada, procurando o desfrute na experimentación, no descubrimento, na participación e a satisfacción de estar aprendendo,  sempre na consecución do que se vai realizando.  A  sorpresa e o asombro, como no jazz, forman parte do ritmo da xornada, elaborando ocasións favorecedoras de  atención.  Céntrase no que ocorre no momento, no proceso,  no importante … eliminando o fracaso e a atención aos  resultados,  intentando ofrecer un espazo de diálogo, de tranquilidade e de calma onde todas as persoas aportamos para a súa creación.

Dicir que aparte de jazz,  escoitamos outra  moita  música como  a tradicional galega, de moito interese para as crianzas,  a música clásica…  e incluso o silencio, e a discriminación auditiva de sons que nos proporciona a natureza e o entorno da escola de  Sobrado que  atrae a atención dos pequenos e pequenas. Constitúe  todo isto uns dos recursos que nos acompañan no desenvolvemento  nesta etapa tan importante.

Aproveitemos este tempo de confinamento e de estar na casa para que non deixen de escoitar música de calidade. Poñámoslle  un pouquiño de jazz aos nenos e nenas! 

Moitas grazas

Aquí van uns temas de jazz galego  e outros que escoitamos na escola:

 

 

Un agarimoso e jazzístico saúdo!!

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *