Arquivos mensuais: Febreiro 2020

*Programar na escola infantil . Parte 1

As teas e o vento, indispensabeis

 

É o momento de entrar na escola. As nenas e os nenos xa saben o que hai que facer. Prepáranse para iniciar o xogo. Sen zapatos. modos. A música que se escoita é moi tranquila e inunda o ambiente. As persoas adultas pasan desapercibidas na escola. A escola é dos nenos e das nenas. Hai diferentes propostas e cada quen pode dirixirse onde lle interese. Cada espazo da escola teno seu aquel ese día, e outra cousa diferente o outro día. Estamos nun espazo ou noutro. As veces precísase un espazo de descanso e de tranquilidade, outras veces é preciso correr, moverse, saltar e facer moitos movementos. E  ás veces todo á vez. Na escola hai para todos e todas. Está planificado.

Para realizar a planificación, antes temos en conta unha serie de principios básicos:

  1. Consideramos que cada neno e nena é único e individual, cunhas características, intereses e necesidades propias, e polo tanto a resposta educativa a ofertar será individualizada. Enriquécenos  a diversidade.
  2. Entendemos que cada unha das actividades do cotiá da escola teñen un carácter educativo e formador, polo que será levado a cabo sen presas e tendo en conta o carácter globalizado da aprendizaxe.
  3. O xogo é o elemento central, tamén o é o fomento da autonomía e a liberdade de moventento, que estimulará as súas potencialidades e que xunto á afectividade e á xestión da vida emocional, impregnará cada unha das accións que se leven a cabo na escola.
  4. O papel docente é de acompañamento desfrutando do desenvolvemento de cada unha das crianzas e propondo retos reais e alcanzables que fomenten a satisfacción do benestar persoal e que proporcionen o gusto por aprender, sendo a observación e a autoobservacion as ferramentas fundamentais para levar a cabo o noso traballo educativo. 
  5. A colaboración das familias na escola é moi importante para a elaboración das estratexias e respostas educativas mais axeitadas coas súas crianzas, establecendo os espazos e os momentos para partillar.

Moitas grazas, e até a próxima!