Motricidade libre=crianzas autónomas!!

Postura previa ao gateo

Postura previa ao gateo

Colocar aos bebés en posicións que non conseguen por si mesmos é un grande erro que as persoas adultas debemos corrixir. É dicir, nin sentalos se non o fan por si mesmos, nin agarralos polos brazos para que anden, nin poñelos boca abaixo para que gateen, nin colocalos arriba do tobogán cando aínda non saben por si mesmos…Cando o facemos, entre outras cuestións, estamos obstaculizando a súa evolución natural, facendo que se salten etapas fundamentais e interferindo negativamente no seu desenvolvemento motor, ademais de facer que non desenvolvan a súa autonomía.

Se preguntamos ás familias ou as persoas profesionais da educación infantil que adoitan levar a cabo esas prácticas, as súas razóns, obtemos respostas do tipo “sempre se fixo así”, “aquí faise así”, “por costume”… ou mesmo razóns do tipo “para que aprenda a sentarse”, “para que aprenda a andar”, “para que aprenda…” Observamos por esas respostas que, ou ben non se fixo unha reflexión sobre este aspecto, e se está actuando de xeito inconsciente, ou ben, se pensa que si as crianzas chegan a andar gatear, comer, subir, …é grazas ás nosas ensinanzas.

Elixe o movemento necesario dentro do seu repertorio

Polo que non temos mais remedio que recordar a importancia de facer reflexións sobre o manexo das crianzas e a consecuencia do mesmo e, por outra banda, dicir que as crianzas xa veñen programadas xeneticamente para moverse e para chegar a ser bípedes. Polo que, deixando que aprenda só sen axuda, acompañándoo en cada conquista, facemos que non só mellore a súa motricidade, tamén a súa autoestima e o seu autoconcepto. Criaremos e atenderemos a nenas e nenos saudables, autónomos e libres.

O beneficio de respectar a súa evolución nótase na seguridade e na fluidez dos seus movementos. Practican e practican. Todo estará no seu rexistro persoal que pode encontrar cando o precise.

Que precisa unha crianza para poder desenvolver a súa motricidade de xeito autónomo e libre?

  • Que se coloquen nunha posición que poida realizar por si mesmo.

  • Que se respecte a súa postura no espazo e que se  colla no colo  cada vez que precise.

  • Que a súa roupa non lle impida nin limite nada

  • Que confíen nas súas capacidades e que lle deixen facer

    Practica con calma e confianza

Moitas grazas!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *