Arquivos mensuais: Xaneiro 2020

*Pantallas, crianzas e sentido común

As pantallas forman parte do seu xogo

 

Non podemos negar os dispositivos tecnolóxicos. Os telemóveis, as tábletes, as pantallas en xeral forman parte da nosa vida. Pero tamén forman parte da vida das crianzas. Non é raro ver a crianzas moi pequenas absortas mirando unha pantalla en calquera momento do día e en calquera lugar, sendo as persoas adultas as que llelas proporcionamos, ouvindo argumentos do estilo “así déixame facer cousas”, “é que eu quero que se estimule”, “axúdalle a tranquilizarse”. Pero, será bo? Será certo?

Na primeira etapa da infancia o sistema nervioso estase formando, e o xeito mais eficaz de funcionamento é a través do movemento e da estimulación física repetitiva. Ademais, as crianzas precisan de experiencias sensoriais e da interacción con outras persoas. Cando as conectamos a unha pantalla, facemos todo contrario!!!.

Moitos pediatras a nivel internacional e mesmo a OMS aconsellan que cando menos tempo pasen as crianzas fronte a unha pantalla moito mellor, e aínda que hai expertos que aseguran que non hai probas suficientes para apoiar o establecemento dos límites de tempo, aínda que si os contidos, moitos empezan a falar de crianzas con problemas de autocontrol, que como están habituados á distracción, a recompensa constante e a estímulos moi intensos, cústalles ser pacientes ou aprender a esperar, creando a falsa idea das cousas instantáneas e ao momento, entre outras cuestións de orde psicolóxica, fisiolóxica e do desenvolvemento.

Pero o que realmente nos fai desconfiar é que os fillos e fillas das persoas visionarias dixitais de Silicom Valley (sede das grandes compañías tecnolóxicas), educan ás súas crianzas sen pantallas, incluso até a adolescencia. Cal será o motivo??

Moitas grazas  por ter esta reflexión en conta

 

Motricidade libre=crianzas autónomas!!

Postura previa ao gateo

Postura previa ao gateo

Colocar aos bebés en posicións que non conseguen por si mesmos é un grande erro que as persoas adultas debemos corrixir. É dicir, nin sentalos se non o fan por si mesmos, nin agarralos polos brazos para que anden, nin poñelos boca abaixo para que gateen, nin colocalos arriba do tobogán cando aínda non saben por si mesmos…Cando o facemos, entre outras cuestións, estamos obstaculizando a súa evolución natural, facendo que se salten etapas fundamentais e interferindo negativamente no seu desenvolvemento motor, ademais de facer que non desenvolvan a súa autonomía.

Se preguntamos ás familias ou as persoas profesionais da educación infantil que adoitan levar a cabo esas prácticas, as súas razóns, obtemos respostas do tipo “sempre se fixo así”, “aquí faise así”, “por costume”… ou mesmo razóns do tipo “para que aprenda a sentarse”, “para que aprenda a andar”, “para que aprenda…” Observamos por esas respostas que, ou ben non se fixo unha reflexión sobre este aspecto, e se está actuando de xeito inconsciente, ou ben, se pensa que si as crianzas chegan a andar gatear, comer, subir, …é grazas ás nosas ensinanzas.

Elixe o movemento necesario dentro do seu repertorio

Polo que non temos mais remedio que recordar a importancia de facer reflexións sobre o manexo das crianzas e a consecuencia do mesmo e, por outra banda, dicir que as crianzas xa veñen programadas xeneticamente para moverse e para chegar a ser bípedes. Polo que, deixando que aprenda só sen axuda, acompañándoo en cada conquista, facemos que non só mellore a súa motricidade, tamén a súa autoestima e o seu autoconcepto. Criaremos e atenderemos a nenas e nenos saudables, autónomos e libres.

O beneficio de respectar a súa evolución nótase na seguridade e na fluidez dos seus movementos. Practican e practican. Todo estará no seu rexistro persoal que pode encontrar cando o precise.

Que precisa unha crianza para poder desenvolver a súa motricidade de xeito autónomo e libre?

  • Que se coloquen nunha posición que poida realizar por si mesmo.

  • Que se respecte a súa postura no espazo e que se  colla no colo  cada vez que precise.

  • Que a súa roupa non lle impida nin limite nada

  • Que confíen nas súas capacidades e que lle deixen facer

    Practica con calma e confianza

Moitas grazas!!!