Arquivos mensuais: Outubro 2019

*Educar no momento da alimentación

xogar a comer

 

Nas escolas adóitase planificar o momento de comedor en base a dous aspectos: onde se come, é dicir, o espazo físico que se vai usar, agrupamentos,… e cando se come, ou o que é o mesmo, a elaboración e organización de quendas en función das idades, dos grupos…, xa que o que se come, xa non depende de nós. Pero, van quedando moitos elementos da planificación en ocasións esquecidos, ou no mellor dos casos a criterio do bo facer dos e das profesionais.

Cando se fai unha reflexión en grupo, moitas veces aparecen cuestións sobre o carácter asistencial ou educativo, outras sobre os desexos das familias con respecto á comida ou a autonomía das crianzas, outras sobre as prácticas que ocorren nestes momentos por parte das persoas do equipo educativo, outras sobre a falta de recursos, pero moi poucas veces sobre as diferenzas de ritmos, intereses, necesidades…de cada unha das nenas e nenos que temos na escola, tendendo a homoxeneizar e a optar pola rixidez nas decisións que tomamos.

Para facer unha boa planificación deberíase chegar a elaborar a visión do momento da alimentación, no seo do equipo educativo, aprender de experiencias respectuosas, des-aprender e desprenderse de aquelas estratexias pouco respectuosas que usaron con nós cando eramos crianzas (xa que na maioría das veces facémoslles o que nos fixeron) e marcar unha serie de obxectivos compartidos, coas estratexias mais axeitadas para acadar esa visión de comedor e alimentación na escola.

O primeiro paso é a auto-observación.

Cal é o noso ton de voz?; Cal é a nosa posición no espazo?; permitímoslles elixir ou decidir?; Utilizamos chantaxes, ameazas, subornos para conseguir que coman, do estilo “se non comes voume enfadar” “vas ir comer cos bebés” “se non comes non che dou auga” “se non comes vas ser pequena” ou mesmo enganos como meter a culler con comida cando contan co chupete ou coa auga?; preguntámoslles se precisan a nosa axuda ou metemos a culler na súa boca sen mais?; estamos pendentes das súas miradas ou facemos que sexa un mero trámite da xornada da escola, mentres falamos entre as persoas adultas?; temos estratexias para os momentos de espera?; escoitamos o que nos din ou o que nos queren dicir?, coñecemos as accións que realizan para expresar o que desexan ou o que non? …


O que temos claro é que non debemos obrigar nin forzar a comer, do contrario estamos actuando en contra da súa vontade. Isto non é respectuoso, é violento. Non é educativo, non é asistencial. É unha imposición!!.


Non fagamos con elas e eles o que non quixeramos que nos fixeran a nós!

Moitas grazas compañeiras e compañeiros polo interese e a reflexión na propia práctica. Moitas grazas familias.

Para saber mais de alimentación respectuosa:

Algo más que comer