* Receita para os inicios da escolarización

 

Tecendo a confianza

O proceso de familiarización e inicio da escolarización é moi complexo. Na nosa escola organizamos quendas, espazos, tempos e propostas. Variamos e flexibilizamos cada elemento en base ao benestar dos e das pequenas. Todo está pensado para as crianzas. Observámolas e imos vendo como responden. Os progresos que van facendo durante cada xornada, as dificultades que se van atopando. Imos vendo o que lles gusta, o que lles gusta menos. Estamos pendentes do que supón este espazo novo e descoñecido, que pode provocar temores, a dificultade de formar parte dun grupo onde se comparten persoas adultas, os ritmos das actividades cotiás,…Témonos que ir coñecendo. Temos que ir probando. Eles e elas van confiando. Cada día un pouquiño mais.

Contamos coas familias. Son imprescindibles no proceso. Aínda que elas nos contan, non é ata que inician na escola cando podemos ver. Solicitámoslles que intenten pasar o mais desapercibidas posible dentro do espazo. Son moi importantes para as súas fillas e fillos, ofrecen tranquilidade. As crianzas xa saben que están aínda que non miren. E, parecendo invisibles, o resto do grupo non se sinte invadido. Cando non é así, debemos reconducir. Velamos polo benestar de todo o grupo.

Ter que separarse dos fillos e fillas non é doado. En moitos casos é a primeira vez. Que duro é. Hai familias que viven a separación con tranquilidade, pero tamén as hai que o fan dun xeito un pouco mais traumático. O certo é que produce inquedanza deixar aos nosos pequenos e pequenas na escola infantil, e mais cando sentimos que choran cando nos imos. Fainos sentir mal e moitas veces repensar todo de novo. É normal. A escola entende perfectamente a situación. A escola vai levando a cabo estratexias para minimizar ao máximo as inquedanzas, que son diferentes en cada quen.

Non hai receitas máxicas para superar eses primeiros momentos agás a vontade de ir facendo camiño, familia e escola xuntas, unificando os criterios cun bo traballo en equipo, coordinado e complementario, con implicación e confianza. O que está claro e que para vós e nós o primeiro son as crianzas. Démonos tempo. Fabriquemos confianza. Confiemos!

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *