Arquivos mensuais: Setembro 2019

* Receita para os inicios da escolarización

 

Tecendo a confianza

O proceso de familiarización e inicio da escolarización é moi complexo. Na nosa escola organizamos quendas, espazos, tempos e propostas. Variamos e flexibilizamos cada elemento en base ao benestar dos e das pequenas. Todo está pensado para as crianzas. Observámolas e imos vendo como responden. Os progresos que van facendo durante cada xornada, as dificultades que se van atopando. Imos vendo o que lles gusta, o que lles gusta menos. Estamos pendentes do que supón este espazo novo e descoñecido, que pode provocar temores, a dificultade de formar parte dun grupo onde se comparten persoas adultas, os ritmos das actividades cotiás,…Témonos que ir coñecendo. Temos que ir probando. Eles e elas van confiando. Cada día un pouquiño mais.

Contamos coas familias. Son imprescindibles no proceso. Aínda que elas nos contan, non é ata que inician na escola cando podemos ver. Solicitámoslles que intenten pasar o mais desapercibidas posible dentro do espazo. Son moi importantes para as súas fillas e fillos, ofrecen tranquilidade. As crianzas xa saben que están aínda que non miren. E, parecendo invisibles, o resto do grupo non se sinte invadido. Cando non é así, debemos reconducir. Velamos polo benestar de todo o grupo.

Ter que separarse dos fillos e fillas non é doado. En moitos casos é a primeira vez. Que duro é. Hai familias que viven a separación con tranquilidade, pero tamén as hai que o fan dun xeito un pouco mais traumático. O certo é que produce inquedanza deixar aos nosos pequenos e pequenas na escola infantil, e mais cando sentimos que choran cando nos imos. Fainos sentir mal e moitas veces repensar todo de novo. É normal. A escola entende perfectamente a situación. A escola vai levando a cabo estratexias para minimizar ao máximo as inquedanzas, que son diferentes en cada quen.

Non hai receitas máxicas para superar eses primeiros momentos agás a vontade de ir facendo camiño, familia e escola xuntas, unificando os criterios cun bo traballo en equipo, coordinado e complementario, con implicación e confianza. O que está claro e que para vós e nós o primeiro son as crianzas. Démonos tempo. Fabriquemos confianza. Confiemos!

 

* Decálogo de boas prácticas

Cando se chega á escola de Sobrado descóbrese outra forma de facer. En Sobrado o protagonista real é o neno/a. Nós non facemos, se non que observamos o que eles fan co que nós propoñemos. A observación é a ferramenta básica e a partir dela faranse propostas educativas. A nosa voz, a nosa presenza, o noso xogo para a ser dependente das necesidades dos nenos. Ó principio resulta difícil despois de coñecer outras escolas nas que a asemblea, as rutinas, etc, prima o papel do educador como presentador pero, unha vez que se coñece esta pedagoxía o difícil é volver ao anterior”. Vanesa Gómez Rey, educadora infantil

argallando cos paus

Argallando cos paus

A coordinación entre os membros dun equipo na escola é fundamental, pero coñecendo os recursos persoais cos que conta esta escola, a nosa coordinación é fundamental. Ademais, os nosos principios metodolóxicos esixen que a práctica educativa teña unhas características específicas. Facemos un pequeno resumo, a modo de decálogo, para que se teñan en conta antes de iniciar a túa experiencia laboral na escola infantil de Sobrado.

1. Daráseche indicacións do funcionamento e da organización da escola previas a cada momento. Flexibilizarase calquera das nosas funcións para mellorar a fluidez do traballo. Presta moita atención as indicacións do outro membro do equipo, deixando as experiencias previas apartadas e empápate deste facer.

2. Deberás ocupar unha posición no espazo que che permita observar ao conxunto, sen interromper os xogos, intentando ser invisible.  Sentada na cadeira é a mellor opción. Tanto as familias como as crianzas saben perfectamente o que teñen que facer e como.

3. O teu ton de voz será mais baixo que o das crianzas. Favorecemos así o ambiente tranquilo. Fálalles con normalidade.

4. Recibiras información sobre:

– As propostas presentadas, e solicitaráseche, seguramente, colaboración para levar a cabo outras propostas en función das necesidades e intereses que se observen.
– A intervención individualizada que precisa cada quen: nas comidas, hixiene, sestas, solución de conflitos ou problemas, e calquera outra situación.

5. Escoitarás as súas demandas activamente, preguntándolles que lles ocorre, colocándote á súa altura, mirándolles aos ollos intentando entender a situación, e ofreceraslle a resposta mais axeitada posible, contando co apoio do equipo educativo, se é preciso.

6. Estarás moi atenta ao manexo coidadoso do seu corpo, do mesmo xeito que che gustaría que a ti mesma te trataran, anticipándolles todo o que lle vas facer coa máxima delicadeza, gañando a súa confianza no teu bo facer. Pretendese que a atención sexa o mais individualizada posible.

7. Confiamos nas capacidades das crianzas, polo que non limitamos os seus movementos. Se percibes que hai risco nas súas accións, deberás estar mais pendente e atenta, pero xamais limitar. As nenas e nenos coñecen as súas posibilidades e aprenden facendo.

8. Intervirás:

a). Cando te conviden a formar parte do seu xogo
b). Antes que se produza unha agresión evidente, evitando danos e establecendo as estratexias pertinentes (tratadas no seo do equipo).
c). Se fas moitas intervencións durante a xornada é preciso analizar que está a ocorrer na propia práctica educativa, revisaranse  espazos,  materiais,  tempos,…facendo as adecuacións pertinentes.

9. Recorda que a afectividade é básica nestas idades, pero serán eles e elas quen soliciten ou nos dean permiso. Non te preocupes se non che fan caso e non te teñen en conta. Iso hai que ir ganándoo co tempo.

10. Os protagonistas da escola son as nenas e nenos, nunca as persoas adultas.

Burato tapado con area

Outras achegas para mellorar a nosa practica educativa :

“ As crianzas non son todas cortadas polo mesmo patrón. Cada neno e nena é un mundo, coa súa propia personalidade e con carácter único. Respecta as diferenzas e intenta cada día coñecer un pouco mais de cada un.” Mercedes Carro, nai dun pequeno.

“O traballo do persoal da escola de Sobrado desenvolverase coa menor intervención posible. A súa labor será observar ás crianzas e elaborar propostas nos diferentes espazos considerando o que precisen e respectando as súas decisións . As crianzas son as donas da escola”. Mónica Loureiro, educadora infantil