*As acollidas. Momento privilexiado!

 

“ACONSELLÁMOSVOS ESCOITAR A MÚSICA MENTRES LEDES ESTE ARTIGO”

 

Para poder conseguir as acollidas que temos na nosa escola precisamos unha moi boa coordinación entre o equipo, pero fundamentalmente a colaboración activa de cada unha das familias.
No equipo sabiamos o que desexabamos conseguir, e as experiencias foron as que axudaron a delimitar mais este momento e perfeccionalo ata conseguir o que temos nestes intres. Tivemos especial interese en tratalo, pois consideramos que é un momento privilexiado e ás veces esquecido, aínda que con moitas potencialidades, así que, intentamos pensalo, reflexionalo, planificalo e construílo, dende o punto de vista das crianzas. Vaise construíndo pouco a pouco, buscando sempre estratexias de mellora precisas e adaptadas á realidade do momento.

acompañándoos na súa autonomía

acompañándoos na súa autonomía

Así, en liñas xerais pretendemos:
Que cando as crianzas entren na escola sintan “é a miña escola”
Entendemos que isto se ten que facer pouco a pouco, e a axuda das familias é fundamental. E interesante comentar que non é convinte que as crianzas se queden na escola á forza, polo que non debemos facer enganos ou dicirlles mentiras. Solicitámoslles que dende a casa se transmita información en positivo aos fillos e fillas sobre a escola: o ben que o van pasar, a cantidade de xoguetes que xa hai alí e que non precisan levar da casa, a cantidade de amigos e amigas que van ir á escola e nomealos, entre outros. Nós colocaremos fotos dos amigos e amigas da escola facendo calquera das actividades do cotiá, para que se favorezan conversas entre a familia: “que ben o pasas na túa escola”, “cantos amizades fas na túa escola”…

Izan observa as fotos do que fan os seus amigos e amigas

Izan observa as fotos do que fan os seus amigos e amigas

Ofrecer unhas acollidas cálidas e afectuosas.
Para conseguilo, cada un de nós organizase para acoller a cada crianza que entra na escola, ímola acompañando en todo o proceso. Asegurámonos de prestarlles toda a atención posible e estamos moi pendentes do que deciden. Ademais, haberá unha música tranquila que favorecerá a acollida e a estancia na escola nos primeiros momentos da xornada.

Precisa unha acollida envolvente

Precisa unha acollida envolvente

Se entenda este momento como un momento de aprendizaxe tan importante como calquera outro momento da escola.
Moitas persoas alleas (ou non) ao mundo da educación infantil cren que as aprendizaxes que fan as nenas e os nenos, parten das actividades que se fan na aula. Nesta escola, como comentamos en varias entradas deste blogue, consideramos que en calquera momento da escola se poden producir aprendizaxes, e o momento da acollida non é menos.
As crianzas que xa andan, aprenden que ao entrar na escola deben dirixirse ao sofá e quitar os zapatos, gardalos no moble, quitar o abrigo e intentar colgalo no seu percheiro. Nós estamos acompañándoos en todo momento, e observamos como se desenvolven ou a axuda que precisan. As mais pequenas van aprendendo a confiar en nós e, pasado un tempo bótanse aos nosos brazos, mentres as familias se centran nas pertenzas.

As familias colocan as súas pertenzas

As familias colocan as súas pertenzas

Pero non só aprenden as crianzas. Aprenden as familias e tamén aprendemos nós.
Ás familias aprenden:
1. Que na escola deben entrar sen zapatos, caladiñas, e con moito respecto ao espazo das nenas e dos nenos e, se nos teñen que dar información relevante referente as súas crianzas, fanno de xeito case imperceptible.
2. A andar polo espazo, sen interromper o xogo, xa que saben que as protagonistas da escola son as nenas e os nenos, non as persoas adultas.
3. E, si deciden quedar, aprenden a mirar, utilizando os espazos preparados, e desfrutando da súa crianza e do grupo, sentados dende unha cadeira.
4. Os lugares onde teñen que deixar a súas pertenzas e a comprobación das mesmas
5. Que para que non existan malos entendidos, deben transmitir a calquera das persoas encargadas de traer aos nenos e nenas á escola todo o que se espera deles.
As observacións que facemos nas acollidas proporcionan aos profesionais moita información sobre os estilos de relación familiar, tamén sobre a autonomía que teñen as crianzas, e outros aspectos que nos axudan a comprender e a actuar para favorecer aos individuos e ao grupo.

Escoita activa dos intereses e necesidades dende a acollid

Escoita activa dos intereses e necesidades dende a acollida

Un momento de comunicación privilexiada onde a escoita activa e as decisións das crianzas se tiveran en conta
Con cada acollida intentamos estar pendentes do que as nenas e nenos nos queren transmitir: a preferencia de que a familia se quede na escola, atendendo nos así ás pertenzas e as familias aos propios fillos e fillas; as dificultades nos procesos autónomos e a axuda que precisan; a necesidade de afecto,…Inténtase manter conversas e prestar toda a atención, aos seus desexos, intereses e necesidades, acompañándoos na preparación para entrar no espazo de xogo.

 

FAMILIAS, GRAZAS POR APRENDER TANTO!!!

UN SAUDIÑO!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *