Arquivos mensuais: Maio 2018

* Algo que percibimos, sentimos, observamos … pode ser o elemento iniciador da estratexia transformadora

Creamos o presente blogue coa intención de poder compartir o noso proxecto educativo. Dar a coñecer como vemos a infancia, como entendemos o papel de docente de infantil, ou como entendemos a escola, eran os nosos obxectivos. Pensamos que as persoas destinatarias serían as familias e o entorno do concello de Sobrado pero, pouco a pouco, empezamos a recibir mensaxes de seguimento por parte de outras escolas e profesionais da nosa rede, de estudantes da Educación Infantil, e outras persoas con inquedanzas sobre o primeiro ciclo da educación infantil.

alumnado do CIFP Ánxel Casal-Montealto.

Alumnado do CIFP Ánxel Casal-Montealto.  Moitísimas grazas polo voso interese e atención.

A intencionalidade do blogue está, polo tanto, obtendo resultados. Estamos compartindo o noso xeito de traballar (e un pouco o noso xeito de ser). Pero o obxectivo non só é compartir, tamén é influír para que se produzan cambios nas miradas das familias cara os seus fillos e fillas, cara a escola e cara a nosa profesionalidade, e cambios nos profesionais da educación infantil. Tratamos de amosar que se pode facer. Que non veñen dados. Que non é doado. Que hai que construílo. Que todas e todos temos que aprender, errar, avaliar, probar, observar. Que é un constante e dinámico proceso de construción. Que a fórmula máxica é contar con mente aberta, motivación e implicación.

Menos mal que as temos a elas e a eles para recordar como se debe mirar para entender,  e  como se debe esperar. Observar e aprender.

 

Moitas veces as presas, as tensións, as presións, os tempos,… poden facer que nos esquezamos, pero pode ocorrer que algo que escoitamos, algo que vemos, algo que oímos, algo que percibimos, algo que sentimos, algo que lemos … se converta no elemento iniciador da estratexia transformadora.

O poder de transformación que exerce un libro

O poder de transformación que exerce un libro (JORGE MENDEZ BLAKE)

Para saber mais: http://culturainquieta.com/es/arte/instalaciones/item/13535-una-audaz-instalacion-demuestra-el-poder-de-transformacion-que-puede-tener-un-libro.html