Arquivos mensuais: Marzo 2018

* MESMAS OPORTUNIDADES ?

formamos parte da proposta

formamos parte da proposta

As mulleres son a metade da poboación mundial, a pesar diso, as oportunidades económicas, de educación, de saúde, son desiguais. No ámbito laboral, as mulleres cobran menos que os homes, e ocupan menos postos de responsabilidade. Ademais, o reparto das tarefas da casa recae en maior medida sobre as mulleres e, por último, o mais arrepiante, é que non cesan os datos sobre violencias machistas en calquera estrato social e en calquera idade, incrementándose cada vez mais en parellas de adolescentes, acabando en asasinatos en moitas ocasións.

Como sociedade debemos preguntarnos:  que está a pasar?, que estamos facendo mal?, que debemos corrixir?, que podo facer eu como membro da sociedade para frear esas situacións?, que podo aportar?

Pensemos que ocorre dende os inicios:

Aínda que as nenas e os nenos nacen iguais, dende o momento de nacemento reciben unha serie de respostas familiares e do entorno diferentes segundo o seu sexo. As veces é consciente, e moitas veces é inconsciente. Esas respostas diferentes chámanse estereotipos de xénero. As consecuencias dos estereotipos de xénero son múltiples e moi negativas a nivel individual e a nivel social, xa que se transmite un modelo de home e muller determinadas, cuns xeitos concretos de comportarse que non son igualitarios, polo tanto, a sociedade non é igualitaria. Esa diferenciación inflúe moi negativamente no desenvolvemento de ambos, neno e nena, como persoas íntegras, pero moi especialmente no desenvolvemento das nenas, que son as que levan a peor parte.

Vexamos este vídeo: El desafío de la igualdad

As familias e a escola temos moitísima responsabilidade. Somos os primeiros axentes socializadores das nenas e dos nenos.

“Realizáronse múltiples experimentos con bebés que demostran como os adultos se comportan de forma diferente con eles dependendo de cal sexa o seu sexo. Por exemplo:

John Nicholson, autor de Homes e Mulleres, ata que punto son diferentes?, realizou o seguinte experimento: saíu á rúa cun bebé que sempre era o mesmo, ao primeiro presentou como “neno”. Os adxectivos recibidos foron “robusto”, “descarado”, “traveso” e “forte”. Pero na seguinte saída, en que o fixo como “nena”, os cualificativos foron “doce”, “preciosa”, “fermosa” e “encantadora”.

Outro experimento, realizado esta vez na Universidade de Sussex por Smith e Lloyd, consistiu en pedir a un total de trinta e dúas mulleres que xogasen cun bebé e observasen o seu comportamento. Cando se lles presentaba como “unha bebita”, a maioría escollía unha boneca pra interactuar con ela. E cando se lles dicía que era “un bebito”, elixían un martelo. Pero o máis revelador foi que cando o suposto neno daba mostras de inquietude, interpretábano como ganas de xogar a outra cousa. No caso da nena, entenderon que estaba enfadada e tentaban tranquilizala esmagándoa entre os seus brazos.

Estas e outras investigacións demostran que as expectativas dos adultos determinan a forma de relacionarse cos bebés en función do sexo.”

Mais aló do azul e do rosa, como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista dende a familia. Ana Torres Jack.

Debemos estar alerta ante as sinais que manteñan eses estereotipos de xénero, rexeitando calquera tipo de desigualdade por razóns de sexo, e velar por unha educación integral e igualitaria das nenas e dos nenos, velar pola coeducación.

Coeducación:

Que facemos na escola de Sobrado para romper coa desigualdade?

Coeducar, e tratar, na medida das nosas posibilidades, de romper con calquera estereotipo de xénero que observemos na nosa práctica docente, observar o trato e as expectativas das familias sobre os seus fillos e fillas,  calquera aspecto da comunidade educativa e do entorno que reflicta desigualdade, e intervir .

lidero o xogo

lidero o xogo

Se non o fixéramos así, a educación sería mixta. E na escola mixta, aprenden a integrar os roles que a sociedade prescribe para cada xénero, polo tanto trátase dunha educación con estereotipos, onde prevalece o masculino.

colaboración na limpeza

colaboración na limpeza

Na nosa escola coeducamos. Enriquecemos coas achegas femininas, as emocións e o empoderamento, que teñen un enorme valor. Educamos para ser persoas íntegras.

Nos nosos documentos de centro está recollida a coeducación. Esta afecta ao conxunto dos elementos humanos e materiais que forman parte da escola.

facemos equipo: un agarra o bote e o outro fai música

facemos equipo: un agarra o bote e o outro fai música

En liñas xerais podemos dicir que tratamos de poñer en valor as potencialidades das nenas, aumentando a súa seguridade, e a súa autoestima. Velamos por que xoguen a todos os xogos e en todas as propostas e, que tomen un papel activo nas mesmas. Coidamos que ocupen os espazos centrais, interiores e exteriores da escola, centrándonos especialmente naquelas que teñen mais dificultades en superar retos motores, ensuciarse; fomentamos a liberdade de movementos e animamos a probar experiencias. Acostumamos preguntarlles, e solicitamos, e respectamos a súa resposta, dándolle un papel activo na escola. Practicamos nas situacións que podemos coas respostas “non me gusta” e “non quero”.

facemos chuvia coas xestas

facemos chuvia coas xestas

Por outra banda, entre outras actuacións, esforzámonos en diminuír as respostas agresivas dos nenos, falándolles moi baixiño e solicitando que nos miren á cara cando lles falamos. Potenciamos a escoita activa e traballamos a tolerancia á frustración. Axudamos a que usen palabras para solicitar o que desexan e fomentamos que practiquen agarimos cara aos outros e outras. Dámoslle a oportunidade de xogar na periferia e desfrutar sen ser os protagonistas. Potenciamos e valoramos as solicitudes de colaboración, a tranquilidade e a aceptación da adversidade, o afecto, as emocións e as relacións persoais.

canto nos queremos!

canto nos queremos!

Tratamos de usar a linguaxe inclusiva oral e na escrita, e estamos pendentes de coidar as nosas expresións, minimizando o uso de diminutivos coas nenas, así como un ton de voz de mimo, e tratamos de utilizar cualificativos referidos á súa valentía, ás capacidades de facer por elas mesmas, e o poder de decisión, e pola contra, cos nenos tratamos de ofrecerlle expresións que enfaticen comportamentos de sensibilidade, evitamos usar cualificativos cos nenos que impliquen prepotencia, rompendo os papeis tradicionais.

afectividade mediante o tacto

afectividade mediante o tacto

Contámoslles contos con personaxes nos que os modelos ofrecen comportamentos non estereotipados, facendo que se convertan en axentes de cambio da desigualdade, e se caen nas nosas mans contos tradicionais, tratamos de “destripalos” para mudar o valor de cada un dos sexos, ofrecendo diferentes posibilidades e condutas alternativas ás tradicionais.

no centro da proposta

no centro da proposta

Os materiais, os espazos, os tempos, mesmo as nosas funcións na escola están pensadas desde esa perspectiva de xénero que axudan a romper, co noso pequeno grao de area, eses estereotipos que tanto dano fan á sociedade en xeral, e ás mulleres e ás nenas en particular.

observo e desfruto dos movementos da pequen

observo e desfruto dos movementos da pequena

Non hai que esquecer que as familias son o elemento clave. Dende a escola intentamos compartir con elas educación das súas fillas e fillos aportando unha visión coeducativa, a través dos encontros informais, das titorías e documentación que permita avanzar con calidade neste senso.

colaboración activa no xogo

colaboración activa no xogo

Ademais ao formar parte dunha sociedade, tratamos de influír no entorno, fomentando a linguaxe non sexista e inclusiva, facendo as nosas achegas e divulgando que o que non se nomea non existe: ás nenas hai que nomealas.

Lembrade:

“En lugar de dicirlle á túa filla que é unha princesa…proba a dicirlle que é: intelixente, líder, campioa, creativa, forte, valente, loitadora, capaz…

En lugar de dicirlle ao teu fillo que é un campión…proba a dicirlle que é sensible, encantador, tenro, xusto, solidario, colaborador, artista…”

Mais aló do azul e do rosa, como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista dende a familia. Ana Torres Jack.

Moito mais temos que facer!!!

Para saber mais:

http://www.inmujer.gob.es/areasTematicas/educacion/programas/docs/130PpropCoeducacion.pdf

https://especialistaenigualdad.blogspot.com.es/2014/03/mitos-y-verdades-sobre-el-8-de-marzo.html

https://www.youtube.com/watch?v=C1bI0UkhmQA

https://www.youtube.com/watch?v=K_9Ab3b3Vrk

https://www.youtube.com/watch?v=FxY79rz4xWA