Arquivos diarios: 10 Outubro, 2017

* Algo do que escoitamos cando entramos pola porta da nosa escola de Sobrado

Cando no inicio da nova andaina pensabamos na visión da nosa escola, tiñamos claro que o coidado dos estímulos auditivos era un dos elementos a ter en conta. A nosa idea era propiciar unha escola relaxada, cálida e acolledora. Desexabamos romper co ruído que se escoita en moitas escolas tradicionais, onde se oen moitos choros e berros, voces dos adultos, ben das familias, ben do persoal docente, que superan aos nenos e nenas, e outros sons ruidosos que nos impiden oír os xogos, as risas e os descubrimentos das pequenas e pequenos.

Entendemos, pola contra, que o silencio é o ritmo que marca a infancia para levar a cabo internamente algo que lles resulta relevante, polo que desexamos que se respecte absolutamente. Intentamos potenciar ese proceso interno de aprendizaxe eliminando os máximos ruídos posibles, entendendo que o silencio e unha boa práctica para concentrarse, para encontrarse con eles e elas mesmas, e para relaxarse.

Como profesionais da infancia potenciamos ese silencio intervindo o mínimo posible. Conseguimos así percibir, entender e respectar, fomentando a escoita activa a todas as súas expresións, intereses e necesidades. O ton de voz que utilizamos na escola é moi baixo, claro, seguro e afectuoso.

Desfrutamos dos sons que produce a natureza e o noso contorno en Sobrado, como se puido observar na primeira entrada deste blogue, e facemos unha selección de temas musicais que se escoitan na entrada á escola, música clásica ou jazz, que potencian o ambiente acolledor que pretendemos, pero tan só nese momento.

Cando as persoas adultas gardamos silencio e observamos, dámonos conta que os nenos e nenas nos regalan momentos inesquecibles.