os contos da pardeluca

  

 

OS CONTOS DA PARDELUCA

 

 

A súa orixe..

 

 

 

Pardeluca, a nosa protagonista, ten de nai á Pardela, (un ave que os nenos e nenas de Oleiros coñecen porque nas súas migracións ten parada obrigada nas nosas praias), e de pai a aqueles e aquelas que forman parte desta comunidade escolar e traballan, traballamos para que estes nenos e nenas vivan e beban dun contorno en entendemento, no que a aprendizaxe non se limita a coñecer, senón que vai máis aló, e nos chama a valorar e respectar a todo e todos/as os que nos rodean.

 

Pardeluca, pardela pequena, sae do ovo, rompe a casca, aquí, no calor da escola, despois de semanas e meses nos que a súa incubación se desenvolvía entre as lóxicas preocupacións:

 

¿nacerá? ¿non nacerá?

 

 e as preguntas propias do acontecemento:

 

¿Como vai ser? ¿que desexamos para ela?…

 

na nosa mente: un proxecto de futuro, e uns esmerados e didácticos coidados que lle van dando forma; creamos expectativas, unhas finalidades xerais, e outras máis específicas, imaxinamos posibilidades, e preparamos a “canastilla” con todo o preciso, o que Pardeluca vai necesitar na súa medra: uns recursos humanos (que se  fundamentan, neste caso, na interacción e colaboración dos participantes), uns recursos materiais (que abren un camiño máis da presenza das TICS na escola infantil), e unha Metodoloxía (global, en tanto que contempla tódalas áreas do desenvolvemento e a súa confluenza no ambiente de medra da nosa pequena ave; e activa: posto que nos interesa o involucramento dos nenos e nenas nesta medra)

 

na súa herdanza: pardeluca anticipa unhas marcadas ansias de saber e investigar,  que beberán do interese e a necesidade constante de  preguntarse sobre todo o que a rodea, que buscarán establecer conexións significativas entre o que xa coñece e o que é novo para ela; todo o cal condicionará que medre modelándose a si mesma, puidendo apuntar, incluso, a derroteiros pedagóxicos inesperados, e daí a súa forza e o seu potencial.  

 

 

O nacemento…

 

 

De momento, agroma unha incipiente silueta, e comentamos, con orgullo, nada máis vela, por vez primeira, o seu parecido para cos seus pais:

 

recio peteiro e ás ventureiras, sinal inequívoco do seu carácter aberto ao mundo,

ollos grandes, inquedos e curiosos, dispostos a retelo  todo,

e patas lixeiras e resoltas, arroutadas na experiencia motriz da aprendizaxe                              

 

E xa está, xa a temos aquí, traendo o pan debaixo da á, que alimenta obxectivos, contidos, unha metodoloxía,.. pero sobre todo, un achegamento máis da escola á casa, porque a Pardeluca é ave de familia, e como tal, sabe da importancia de facer os primeiros vos rodeados polos que non só nos proporcionan alimento senón que nos dan o apoio afectivo e estimulación fundamentais para un desenvolvemento óptimo.

 

A presentación en familia, aos pais e nais, faise polo tanto imprescindible, e daí extensiva a todos os achegados e achegadas que desexan participar do acontecemento,  e neste contorno é no que Pardeluca, na escola e na casa, xunta aos pequenos e pequenas, debe aprender a coñecerse, a tomar conciencia da súa identidade como pardela, como é o seu corpo e como utilizalo, gañar a confianza necesaria para buscar alimento por si mesma, comunicarse cos demais, e decidirse a explorar o mundo nunha viaxe de “aprender descubrindo”.  

 

 

Só nos queda desexarche unha boa medra Pardeluca!!!

 

 

Eu son…

a pardeluca

vivo en Oleiros, nun castelo entre ondas e areas

son amiga de todos e todas

e o meu voo non ten fronteiras

ves ás miñas ás?

E as patas retranqueiras?

Xa me coñeces un pouco..

.. achégate á miña beira

Xogaremos e aprenderemos

 conmigo..

serás o que queiras.

 

 

 

 

Papás, mamás, avós e avoas,… Benvidos a.. os contos da pardeluca

un proxecto de aprendizaxe na casa e na escola

unha ponte máis de unión entre os dous ambientes nos que se desenvolve a actividade dos nenos e as nenas

 a informática será , nesta ocasión, a porta de entrada no contorno familiar

a pardeluca, a nosa protagonista, guiará ás crianzas por unha rede de camiños (a lóxica, a arte, a natureza,…) que lles axudarán a coñecer mellor o contorno que nos rodea.

Iremos, coma sempre, do máis sinxelo ao complexo, facendo que a aprendizaxe discorra por unha canle de progresións.

Comezaremos por pedirvos papá e mamá, que nos axudedes a descubrir á pardeluca:

  Na páxina de galescolas, no blogue da Pardela

  Entra co teu fillo/a en proxectos en familia, e “contos da pardeluca”, e pincha en “conto primeiro”.

  Vai axudando ao teu fillo/a a que cliquee paseniñamente para que vaiades comentando conxuntamente o que vaia ocorrendo.

  Incorporádevos ás accións que pardeluca vos indique (salta bache,…) e sobre todo desfrutade, porque é un momento de compartir unha experiencia en familia.

Grazas pola vosa indispensable colaboración e por ser parte activa en tódolos elementos da educación dos pequenos e pequenas.

Non esquezades que para nós é importante contar coas vosas suxestións con cada novo proxecto. Facédenolas chegar…

.

COMEZA A AVENTURA…..pincha aquí contos-da-pardeluca-conto-primeiro

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *