Un dos eixos fundamentais da práctica educativa na educación infantil é partir do contorno máis cotiá e próximo do/a neno/a. Por iso na nosa programación temos recollidos temas como os castros, os curros e os faros por formar parte da tradición e patrimonio cultural do concello de Oia.
Nesta última semana os nenos e nenas acaban de descubrir os castros, as casiñas de pedra e palla onde viviron os nosos antepasados os celtas. Con anterioridade estivemos un tempo traballando as estancias propias das súas casas facendo unha pequena “réplica” das mesmas (recortando obxectos, mobles,…. de revistas e pegándoas na parte da casa correspondente).
Varias foron as actividades que levamos a cabo en relación aos castros, entre elas destacamos:
- Lectura comparativa de imaxes: as nosas casas e as dos celtas:
- Relato do conto “Os Bolechas queren saber que é un castro celta” e posterior diálogo:
- Observación, manipulación e diálogo sobre fotos de castros:
- Construcción dun castro celta entre todos onde aproveitamos para traballar os materiais de que están feitos, as texturas, as cores e as formas:
- Elaboración dun castro de xeito individual: co seu tellado de palla e as paredes de pedra (area con cola)
As crianzas quedaron entusiasmadas con todo o que aprenderon e co traballo feito. Ademais houbo familias que se implicaron moitísimo e levaron aos/ás seus/súas fillos/as aos “asentamentos castrexos” situados en Oia ou no concello colindante de A Guarda. Aquí podemos observar a un deles relatándonos a súa experiencia:
Esta mesma semana, e seguindo a mesma liña metodolóxica comezamos a traballar os cabalos e os curros; xa vos contaremos proximamente como foi a experiencia.
Ola dende a Escola Infantil de Boiro!
Gustoume moito este proxecto pola idea de traballar dende o entorno máis próximo aos nenos e nenas e tamén dende a nosa cultura. Ademáis parece que as crianzas están moi interesados/as no tema. Todas as actividades de experimentación tamén son estupendas. Moitas, moitas felicidades!!!