O magosto é a festa de exaltación da castaña que leva asociados moitos elementos presentes en diversos ritos e tradicións da nosa zona. Enténdese como unha merenda-cea no mes de novembro nos días próximos ao día de defuntos ou polo San Martiño. Despois de xantar, a partir das tres, comézase a facer os preparativos. Iníciase a andaina camiño do monte, atopándose con outras familias ou grupos de amigos, búscase o lugar axeitado (descampado, encrucillada, longa laxe de pedra, onde o lume non poida facer mal), todos van cantando e disfrutando do día de outono. Búscase fruma, fentos secos, piñas ou palla para prender o lume.
Acéndese o lume, inicialmente produce moito fume, pero logo a larada aumentará de volume e todos/as se achegan enfeitizados/as polo seu embruxo. Picaremos as castañas para que despois non rebenten no lume.
Cando o lume se apague por si só, amorearemos as brasas, poñeremos unha parrilla e nela unha lata con buratos na que iremos colocando as castañas xa picadas. Mentres isto se vai facendo, os demais participantes preparan o sitio onde comelas e fan cucuruchos con papel para poder levalas. A festa non sería tal sen contar con xogos populares, bailar, contar contos, cantar,…
Nós dende a escola faremos diversas actividades para festexar esta tradición:
- Asamblea: falamos do Magosto (que saben os/as nenos/as da tradición, se probaron as castañas, elementos da festa,…)
- Saída: ir coas crianzas a recoller castañas, ourizos, follas,… e observar a natureza nun lugar preto da escola.
- Mural do castaño: pegamos nun debuxo dun castaño os materiais recollidos na saída.
- Facer cucuruchos de papel de periódico e xogar a meter moitas e poucas castañas.
- Establecer a diferenza entre froitos secos (castañas, noces, avelás,…) e froitos carnosos (laranxa, mazá, pera,…).
- Conto “Historia dunha castaña”: escoitar o conto, escenificalo e facer un pictograma relacionado coa historia.
- Reproducir oralmente ditos, refráns, poesías e cancións relacionadas co Magosto: DITOS, RETAHÍLAS, REFRÁNS E CANCIÓNS.doc
- Libro viaxeiro: receitas con castañas. Exemplos: RECETARIO.doc
- Manualidades con castañas: facer colares, bonecos e diferentes animais (vermes, paxaros, xoaniñas, ourizos,…) con castañas.
- Festa do Magosto: toda a comunidade educativa participaremos nela con xogos, contos, cancións e, por suposto, CASTAÑAS!!!!!