
Xunta e Mancomunidade da Comarca de Ourense asinan o convenio para a construción dunha escola infantil en Paderne de Allariz
[20-05-2019] A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente da Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense e alcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández, asinaron na delegación da Xunta de Galicia en Ourense o convenio de colaboración para a construción dunha escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul en Paderne. Ao acto tamén asistiu a delegada territorial, Marisol Díaz.
A sinatura do convenio era o último trámite administrativo que estaba pendente, despois de que a Asemblea da Mancomunidade de Concellos de Ourense aprobase o pasado 11 de abril o texto dese documento. Está previsto que a Xunta publique esta semana a licitación das obras, co obxectivo de que poidan comezar este verán.
O investimento previsto para a construción desta nova Galiña Azul é de 535.000 euros, dos que a Xunta -a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar-, achegará 410.000 euros (cun 80% de financiamento procedente de Fondos Feder da Unión Europea) e o resto, a Mancomunidade.
A construción da escola infantil de Paderne de Allariz, que cando estea rematada ofertará 41 prazas (3 unidades), servirá como recurso de conciliación da vida laboral e persoal de familias, non só do propio concello de Paderne de Allariz, senón tamén do resto dos municipios que integran a Mancomunidade ourensá, promotora co Consorcio da súa construción.
O novo centro, que se integrará na rede autonómica A Galiña Azul, será xestionada de acordo co modelo de cofinanciamento establecido no Acordo Marco asinado pola Consellería e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para ese tipo de centros do Consorcio, que está regulado pola Lei 2/2017, de 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.