Saída dos alumnos das escolas da “Galiña Azul” de Marín ao XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

[03/04/2017] Os grupos de 2-3 anos das dúas escolas infantís da rede “A Galiña Azul” de Marín (San Pedro e Seixo) achegáronse o pasado 13 de marzo ao XVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil “O mundo que queremos”, que tivo lugar do 10 de marzo ao 2 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Os 38 nenos (19 de cada aula de 2-3 anos desas escolas) participaron nos obradoiros preparados para esas idades e disfrutaron dun conta-contos, acompañados por varias familias usuarias das escolas, que participaron activamente e se implicaron nas actividades.

Nenos das escolas de Marín participando nun contacontos no Salón do Libro de Pontevedra

Nenos das escolas de Marín disfrutando dun contacontos no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Nas escolas entenden que o conto é un recurso motivador para os pequenos, como fonte de descubrimento e axuda para o desenvolvemento integral dos nenos. De feito, a escola infantil de San Pedro leva a cabo hai dous anos un gran traballo dende a biblioteca do centro, achegando os libros ás familias.

A temática elixida nesta edición como leiv motiv do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, “O mundo que queremos”, coincide ademais de cheo cos valores que os responsables das escolas cren como importantes para fomentalos entre os pequenos dende idades moi temperás: o respecto polos nosos maiores, a educación ambiental, a educación vial ou a igualdade entre xéneros.

O feito de que se tratara dunha saída e actividades conxuntas de dúas escolas ao mesmo tempo é importante tamén porque potencia a convivencia entre nenos de distintos centros e fomenta o traballo en rede.

Total Page Visits: 608 - Today Page Visits: 1