
Feijóo erixe a Galicia como un “fogar alleo ás incertezas e idóneo para nacer, vivir e progresar”, nunha visita á nova escola infantil do Castiñeiriño
[26-02-2018] O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, erixiu hoxe á nosa comunidade como un fogar alleo ás incertezas e idóneo para nacer, vivir, traballar e progresar, durante a súa visita ás instalacións da escola infantil do Castiñeiriño, que nace da man da Fundación Amancio Ortega (FAO) e froito dunha fecunda colaboración institucional.
O presidente da Xunta asegurou na súa intervención na escola do Castiñeiriño que Galicia se está a esforzar para achegar solucións á situación demográfica que padece, situación que, recordou, comparte con outras sociedades avanzadas. “A gran liña divisoria que existe na nosa época é a que separa aos que se esforzan por atopar solucións, daqueles outros que se deleitan en agrandar os problemas”, subliñou Núñez Feijóo.
Ao fío diso, reivindicou o galeguismo cordial que impregna a convivencia na nosa comunidade e que distingue a traxectoria de Carlos Casares, autor do libro de contos que da nome á rede de escolas infantís de Galicia ‘A Galiña Azul’ e na que se integrará a escola infantil do Castiñeiriño.
“Nesta Galiña Azul do Castiñeiriño, unha parte desa Galicia do futuro empezará a camiñar, a falar e a entenderse”, proclamou o presidente da Xunta en alusión aos 82 nenos e nenas que encherán esas instalacións.
A continuación, sinalou que a busca da estabilidade, a práctica da moderación e o esforzo por achegar certezas son factores esenciais para acadar a continuidade xeracional. Neste sentido, recordou que Galicia conta no actual curso escolar 2017-2018 cun total de 23.516 prazas públicas ou sostidas con fondos públicos en escolas de 0 a 3 anos. A esta cifra engadiranse as 82 novas prazas públicas da escola do Castileiriño, que entrarán a funcionar no curso que ven e que farán que Galicia continúe cunha ratio de cobertura por riba do aconsellado pola Unión Europea (33%), pasando do 40,8% ao 41%.