Membros do Equipo de Atención Educativa explican o proxecto da “Galiña Azul” a futuros educadores
[29/03/2017] O pasado 16 de marzo, Isabel Río Salgado e Teresa Quelle Vidal, dúas das integrantes do Equipo de Atención Educativa do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade, impartiron unha charla sobre o proxecto educativo da rede de escolas infantís de Galicia “A Galiña Azul” ao alumnado do ciclo formativo de Educación Infantil do CIFP Politécnico de Lugo, na capital da muralla romana.
O obxectivo desta actividade era achegar aos futuros educadores/as infantís información sobre o funcionamento dos centros que xestiona o CGSIB, facendo especial fincapé nos piares básicos que sustentan o proxecto educativo na nosa rede:
- a concepción da nena/o como principal protagonista das súas aprendizaxes
- a escola entendida como espazo aberto de encontro e afianzamento das relacións sociais
- a participación como forma básica de funcionamento
- a colaboración coas familias
- o seguimento dunha liña metodolóxica que teña en conta ás necesidades reais dos pequenos/as de 0 a 3 anos
- ou a importancia do traballo en equipo e do traballo en rede..
No transcurso da xornada, despois de ver un vídeo sobre o día a día nunha das escolas, as dúas membros do Equipo de Atención Educativa do Consorcio participaron nun obradoiro práctico no que reflexionaron e debatiron amplamente sobre todas esas cuestións e tiveron ademais a ocasión de compartir e resolver moitas dúbidas e inquedanzas dos asistentes.