Fabiola García sinala que a coordinación entre institucións foi fundamental para dotar a Arteixo dun Centro Interxeracional “de primeirísimo nivel”

[13-05-2019] A conselleira de Política Social, Fabiola García, subliñou que o Centro Interxeracional de Arteixo, que inclúe escola infantil, centro de día e residencia de maiores, é un espazo “pioneiro e de primeirísimo nivel”. Para facelo realidade foi fundamental a colaboración entre a Xunta de Galicia, o Concello de Arteixo (que contribúe ao financiamento e dispón de 32 prazas municipais na residencia) e a Fundación Amancio Ortega (que construíu e equipou o centro).

VISITA CI ARTEIXO (13 MAIO 2019)

Na súa visita, Fabiola García incidiu en que esta colaboración debe servir de exemplo, posto que é necesario a implicación tanto de entidades como administracións públicas para garantir uns recursos de calidade, así como alternativas de conciliación reais para as familias.

Neste sentido, a conselleira explicou que esta infraestrutura é un lugar no que os seus usuarios non só poderán compartir saberes e valores, senón tamén beneficiaranse dunha atención axeitada a cada franxa de idade. Así, reafirmou o compromiso do Executivo autonómico tanto no coidado das persoas maiores, como no dos galegos do día de mañá.

A escola infantil ofrece 82 prazas, nas que hai matriculados 76 nenos e nenas. O centro de día e a residencia puxéronse en marcha en febreiro. Mentres nesta última están todas as súas 64 prazas asignadas, no centro de día están vacantes 16 das súas 40 prazas e non hai lista de espera.