Fabiola García reafirma o compromiso da Xunta coas familias galegas e coa mellora da conciliación

[15-05-2019] A conselleira de Política Social, Fabiola García avogou hoxe, Día Mundial das Familias, por continuar a avanzar en medidas que faciliten compaxinar a vida familiar e laboral. Díxoo durante unha visita á escola infantil de Foz, pertencente á rede autonómica da Galiña Azul, na que afirmou que non se pode falar de familias sen abordar a cuestión da conciliación.

VISITA EI FOZ2 (15 MAIO 2019)

 

A conselleira de Política Social sinalou durante a visita que “ningunha muller nin ningún home deben ter que escoller entre a súa carreira profesional e unha vida familiar digna”.

Con este obxectivo, a Xunta oferta cada vez un maior número de prazas públicas en escolas infantís e en centros de atención á primeira infancia, tanto nos grandes como nos medianos e pequenos concellos de Galicia. Trátase de poñer a disposición dos fogares urbanos e das familias rurais recursos de calidade a un prezo razoable e sen que estas teñan que se desprazar longas distancias para acceder a eles.

Nesta xornada internacional das Familias, a conselleira reafirmou o apoio do Goberno galego ás mesmas e o compromiso coa conciliación, coa finalidade de “facer da nosa comunidade o mellor lugar para nacer”.