As “Maletas Viaxeiras” xa comezaron a súa andaina polas Escolas Infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

IMG_20160411_104540-1As “Maletas Viaxeiras” xa comezaron a súa andaina polas Escolas Infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Dende inicios do mes de Abril deste ano, o persoal das escolas infantís ten á súa disposición este novo recurso. Trátase dunha biblioteca itinerante que contén diferentes libros de referencia para a actualización científica e didáctica das e dos profesionais do primeiro ciclo de Educación Infantil.

Ao redor de 600 libros se distribuen en 50 “Maletas Viaxeiras”, que permanecerán en 50 escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar durante 2 meses, e despois deste tempo, viaxarán a outros tantos centros da Rede. Esta proposta rotativa posibilita que as e os profesionais das escolas infantís dispoñan dunha ferramenta moi valiosa, que lles axude a repensar e mellorar a súa práctica educativa, o que repercute nunha mellora na atención educativa aos nenos e nenas e as familias das escolas infantís.

Esta iniciativa está tendo unha acollida moi boa por parte das e dos profesionais que traballan nas escolas infantís, pois é un recurso que motiva a cada persoa na súa mellora e capacitación profesional e promove, a nivel grupal, unha reflexión conxunta en relación coas boas prácticas educativas nas escolas infantís.

Total Page Visits: 276 - Today Page Visits: 1