A Xunta publica a licitación dos traballos de construción dunha escola infantil da Galiña Azul en Paderne de Allariz

[06-06-2019] A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, publica hoxe no perfil do contratante do Consorcio e na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación das obras de construción dunha escola infantil en Paderne de Allariz, que se integrará na rede autonómica A Galiña Azul e que ofertará 41 prazas e 3 unidades.

SINATURA CONVENIO EI PADERNE ALLARIZ (20 MAIO 2019)

 

A licitación para a adxudicación das obras do novo centro permitirá que os traballos poidan comezar este verán, logo de que a conselleira de Política Social, Fabiola García, asinase o pasado 20 de maio coa Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense o convenio de colaboración necesario para poder executalas. Con anterioridade, o pasado 11 de abril, a Mancomunidade ourensá aprobara ese acordo.

O investimento total previsto para a construción da escola infantil de Paderne de Allariz é de 535.000 euros, dos que a Xunta de Galicia, a través do Consorcio, achegará 410.000 euros (cun 80% de financiamento procedente de fondos Feder da Unión Europea) e o resto, a Mancomunidade.

O novo centro servirá como recurso de conciliación da vida laboral e persoal das familias, non só do propio concello de Paderne, senón tamén para o resto de municipios que integran a Mancomunidade, que promoveu xunto co Consorcio esta actuación. A escola integrarase na rede autonómica A Galiña Azul.

A escola será xestionada de acordo co modelo de cofinanciamento establecido no Acordo Marco asinado pola Consellería e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para ese tipo de centros do Consorcio.