A Xunta porá a disposición das familias máis de 22.400 prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís de 0 a 3 anos

A XUNTA PON A DISPOSICION[08/03/2017] A Xunta de Galicia porá a disposición dos pais e nais galegos de nenos e nenas de 0 a 3 anos no próximo curso escolar 2017-2018, 22.439 prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís. Esta cifra supón que, un ano máis, a comunidade autónoma superará a ratio aconsellada pola Unión Europea situándose nun 38% de cobertura, un punto máis que o ano pasado. Delas, 9.739 son prazas públicas en centros xestionados directamente pola Consellería de Política Social, tal e como recollen as resolucións para a adxudicación de prazas para o curso 2017-2018 publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Santiago, 8 de marzo de 2017-. A rede de escolas “A Galiña Azul” dependentes directamente da administración autonómica estará formada no próximo ano escolar por 166 escolas –entre as que xestiona a Axencia Galega de Servizos Sociais e as do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar- e sumará 123 prazas máis, coa apertura de dous novos centros: a escola infantil de Arteixo-Río Tambre, que ofertará 82 prazas, e a de Burela-Os Castros, que ofertará 41.

Como novidades principais da resolución da Axencia Galega de Servizos Sociais –para as súas escolas-, contémplase a apertura dunha escola por localidade nos diferentes períodos vacacionais de Nadal e Semana Santa, independentemente da demanda existente. Elimínase a necesidade de ter unha demanda mínima de 15 nenos/as para a súa apertura nestes períodos. Cómpre destacar tamén que ata este momento era preciso a xustificación baseada en motivos laborais ou enfermidades graves, mentres que a partir de agora, nos casos de enfermidade admitirase calquera motivo de saúde que impida o coidado da nena ou do neno. Ademais, por primeira vez, neste caso tanto nas escolas xestionadas pola Axencia, como nas dependentes do Consorcio, existirá a posibilidade de solicitar un traslado de centro dentro dun mesmo concello por motivos de cambio de domicilio ou lugar de traballo e fóra dos prazos ordinarios.

Así o indicaron o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, e a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, quen realizaron unha visita esta mañá á escola infantil Nuestra Señora del Sagrado Corazón (Lugo), da rede “A Galiña Azul”. No transcurso dela, e con motivo do Día Internacional da Muller, lembraron que as escolas infantís e todos os recursos de conciliación postos en marcha pola Xunta de Galicia contribúen á incorporación e continuidade da muller no mercado laboral e á compatibilización da vida familiar e profesional.

A atención á infancia, o apoio ás familias e favorecer a conciliación son algunhas das liñas estratéxicas da Xunta e, as escolas infantís, son un dos piares fundamentais para facer máis doado que os pais e nais poidan compaxinar a vida laboral, familiar e social.

Prazas financiadas con fondos públicos

Ademais, esta rede autonómica complétase coas prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos que están sostidas con recursos públicos da Xunta de Galicia nos centros educativos dependentes de entidades de iniciativa social -con 2.623 prazas-, coas prazas concertadas –nesta convocatoria ofértanse 424-; a través do Bono Concilia, que outorgou ata a data preto de 2.600 axudas; e das Casas Niño, que poñen a disposición das familias 150 prazas.

A esa listaxe hai que engadir as prazas en escolas infantís municipais e as que xestionan entidades como o Sergas e as universidades. Deste xeito, a rede galega de escolas infantís disporá de 22.439 prazas no vindeiro curso, unha cifra que resulta da suma de prazas públicas das escolas infantís que dependen directamente do Consorcio e da Axencia, máis aquelas nas que participa no seu financiamento a Xunta de Galicia.

Presentación de solicitudes

Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia, os interesados teñen desde o 9 de marzo ata o 10 de abril (ambos incluídos) para presentar as solicitudes de adxudicación de praza nas escolas infantís. As listaxes provisionais de admitidos e de agarda, publicaranse o 9 maio e poderanse consultar nas propias escolas infantís onde se solicitara a praza, así como nas páxinas web da Consellería de Política Social e do Consorcio. A sección “Anuncios” desta páxina web recolle a resolución do Consorcio publicada hoxe no DOG.

Total Page Visits: 565 - Today Page Visits: 1