A Xunta licita as obras para a ampliación e reforma da escola infantil da rede a Galiña Azul en Cedeira

[17-02-2019] A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, publica hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia e no perfil do contratante do Consorcio a licitación das obras para a ampliación nunha unidade e a reforma da escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul no concello coruñés de Cedeira.

ESCOLA INFANTIL CEDEIRA2

 

As empresas interesadas en acometer a ampliación da escola infantil de Cedeira poderán presentar ofertas ata o próximo 13 de marzo e, posteriormente, o prazo de execución será de seis meses. Cando estea rematado, o centro de Cedeira incrementará en 20 o número de prazas ofertadas para nenos de 0 a 3 anos, pasando de 58 a 78, co que a taxa de cobertura pública para nenos desas idades nese concello será do 50,88%, moi por riba da recomendación da Unión Europea (33%).

O investimento total previsto para a realización destas obras é de 141.000 euros. Deles, o Consorcio -que xestiona o centro- desembolsará 100.000 euros (cunha achega do 80% procedente de Fondos Feder da Unión Europea), mentres que o montante restante, 41.000 euros, corresponderalle ao Concello de Cedeira.

As xestións entre a Consellería de Política Social e o Concello de Cedeira para a ampliación da escola infantil iniciáronse xa no ano 2014 e agora materialízanse en virtude do convenio de colaboración asinado por ambas partes en xullo do pasado ano 2018.

Nese documento, Consorcio e Concello decidiron introducir ademais outras melloras para a escola infantil, que foron demandadas polos pais e nais: o incremento do espazo das aulas, a reforma completa da cociña, a instalación dun sistema de ventilación natural na área de descanso para nenos de 0 a 1 anos ou elementos de protección no desnivel interior que existe entre plantas.

Todas esas actuacións se traducirán nunha notable mellora na prestación do servizo no centro da Galiña Azul de Cedeira, sempre co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar dos veciños do concello e da súa área de influencia