A Xunta comeza a construción dunha nova escola infantil da rede “A Galiña Azul” en Mos

[06/04/2017] A Xunta de Galicia vén de iniciar a construción dunha nova escola infantil da rede autonómica “A Galiña Azul” no concello de Mos, que contará cunha capacidade máxima de 82 prazas e 6 unidades. Esta mañá, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CGSIB), Perfecto Rodríguez, o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo Gómez, visitaron a parcela onde estará emprazado ese novo centro -no parque empresarial de A Veigadaña- e constataron a total normalidade no arranque dos traballos, poucos minutos despois de que os técnicos fixeran a preceptiva acta de comprobación e replanteo.

O xerente do Consorcio, o delegado da Xunta en Vigo e a alcaldesa de Mos supervisaron o inicio das obras

O xerente do Consorcio, o delegado da Xunta en Vigo e a alcaldesa de Mos supervisaron o inicio das obras

A obra da nova escola infantil de Mos ten un orzamento de 683.606,44 euros e un prazo de execución de 11 meses. O investimento global desa actuación (incluíndo estudos, proxectos, dirección de obra e equipamento) é de máis de 1 millón de euros, dos que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social achegará en torno a 800.000, e o Concello de Mos, algo máis de 200.000.

Coa posta en servizo dese centro, prevista para o curso 2018-2019, o Concello de Mos duplicará a súa oferta pública de prazas para nenos de 0 a 3 anos, pasando das 82 que existen na actualidade (nas escolas da “Galiña Azul” de Coto Torrón e Porteliña) a 164.

O pasado 9 de agosto, cando o conselleiro de Política Social asinou coa rexedora de Mos o convenio de colaboración para a construción da escola, José Manuel Rey Varela resaltara que con esa nova infraestrutura o concello de Mos “pasará de ter unha ratio de cobertura do 22% ao 44%, polo que superará a media aconsellada pola Unión Europea”.

Os terreos nos que se asentará a nova escola infantil de Mos-A Veigadaña foron cedidos ao Consorcio polo Concello -durante 25 anos, prorrogables- e ocupan unha extensión de 1.720 metros cadrados.

Total Page Visits: 372 - Today Page Visits: 1