A Xunta ampliará a oferta da escola infantil de Pontedeume e mellorará a atención aos nenos de 0-3 anos

[06-06-2019] A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, publica hoxe no seu perfil do contratante e na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación para adxudicar as obras de ampliación e mellora da escola infantil municipal de Pontedeume. Esta intervención permitirá aumentar a oferta do centro en 33 prazas, de tal xeito que poderá pasar de 41 (3 unidades) a 74 (5 unidades).

CHALE ROSA (EI PONTEDEUME)

Esta actuación ten a súa orixe nun convenio de colaboración entre o Consorcio e o Concello de Pontedeume, asinado en novembro de 2016. Con posterioridade, foi necesario modificar o proxecto para axustarse aos requirimentos técnicos e unha vez tramitadas todas as autorizacións sectoriais por parte do consistorio, asinouse un engadido ao convenio, que agora permite a licitación da obra.

A ampliación e mellora da escola de Pontedeume suporá un investimento total de 674.000 euros. Deles, o Consorcio desembolsará 400.000 euros (cunha achega do 80% dos fondos Feder) e, o montante restante corresponderalle ao Concello de Pontedeume, que tamén se encargou da redacción e aprobación do proxecto.