A directora da “Galiña Azul” de Tui participou na IV Xornada de Escolas Infantís Municipais de Almansa (Albacete)

[23/02/2015] XORNADAS DE ALMANSA (25 MARZO 2017)A directora da escola infantil “A Galiña Azul” de Tui (Pontevedra), xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Cristina Llinares Francisco, participou o pasado 25 de marzo na IV Xornada de Escolas Infantís Municipais “Escolas creativas, escolas divertidas”, ás que asistiron case 150 profesionais da educación.

Llinares intervíu en dous dos relatorios desa xornada, titulados “Como elefantes nunha cacharrería” e “Espazos que inspiran”, co argumento principal de que a creatividade é produto das experiencias cotiás, elementos centrais para lograr que os nenos/as crezan felices e, polo tanto, potencialmente creativos.

A directora da “Galiña Azul” de Tui defendeu tamén a idea de que a creatividade e a imaxinación necesitan axuda para desenvolverse, o que só será posible en contornas favorables a esa idea.

Neses relatorios describíu como se pensan eses ambientes na escola e onde se desenvolven as situacións da vida cotiá que fomentan, estimulan e propician a autonomía, a liberdade de movementos, a toma de decisións…, elementos fundamentais para o posterior pensamento creativo.

Ademais, falouse dunha atención de coidado, consentida nos detalles, os espazos que convidan ao movemento autónomo, agrupamentos que enriquezan as interaccións entre iguais, materiais que animen a crear, adultos dispoñibles que observan e responden ás necesidades das nenas/os, como ingredientes que promoven a adquisición dun óptimo desenvolvemento da infancia.

XORNADAS DE ALMANSA2 (25 MARZO 2017)Concretamente, no primeiro relatorio abordáronse unha serie de ideas que parten da confianza, o respecto dos tempos e dos ritmos, a non proxección de expectativas, o dereito a equivocarse ou o favorecemento da autonomía e da motivación.

No segundo relatorio, os protagonistas foron a organización da escola, o traballo en equipo, os materiais non estruturados, as propostas de xogo de libre circulación, a vida no exterior, a entrada como lugar de acollida, a horta, a biblioteca, a importancia do movemento autónomo, os momentos da vida cotiá e outros aspectos centrados nas dinámicas de traballo na “Galiña Azul” de Tui.

Total Page Visits: 646 - Today Page Visits: 1