Xoán García é o avó de Mateo, un pequeno da aula dos trens que está iniciando o seu derradeiro curso na Escola. No lonxano curso 07-08, cando Mateo estaba na aula dos bebés, Xoán se achegou ao centro para contarnos un conto co galo do 23 de abril “Día Mundial do libro e dos dereitos de autor.”
Aquel conto que o seu avó escribira iluminou a cariña de crianzas e de adultos. Hoxe, pasado o tempo, queremos que as novas familias que formades parte da Comunidade Educativa da Escola Infantil Fene disfrutedes, tamén, da beleza deste conto:
Lede con atención e repetide todo o subliñado.
RATIÑO
Lonxe, moi lonxe,moi lonxe,
Cerca, moi cerca moi cerca,
Había un longo buraco
No que vivía RATIÑO.
RATIÑO con oito irmáns
E os seus queridos papás,
a familia Rataplás,
saían tomar o Sol
Polas tardes, un pouquiño.
RATIÑO non tiña pelo,
Pois era un rato noviño
e o sol quentáballe a pel
e poñíao mouriño.
Protexido cunha verza
Da horta do tío Farruco
Marabillado quedou
Cando oíu cantar ao cuco.
Cu-cú, cu-cú, cu-cú
“Entre marzo e abril,
sae o cuco do cubil”,
dixo súa nai Ratalinda.
Ao cuco – cuco – cunqueiro,
Cantareiro e saltarín.
Ao cuco – cuco – cunqueiro,
Voador e peregrín:
Cucando, saltando
Voando, eu o vín.
Cando o sol ía marchando
tras os montes de Ferrol,
dixo papá “Ratovello “:
Ala!, ratiños todos,
Que xa vai ser noite pecha,
Recollede os xoguetes.
Imos á casa.
E, un a un,
Foi chamando neles.
Ratiño……….Si papaiño.
Raticida……..Agora.
Ratibrón…….Aquí estou.
Ratchula…….Si.
Ratulón………Xa vou.
Rataforte…...Vai.
Ratulador……Son eu o do rabo de color
Ratoxoguetón…Oh!, pai…agarda un pouquiño que aínda hai unha pinga de día.
Veña metédevos dentro que anoitece, e de noite, todos os gatos son pardos e non os vemos, e eles a nós si, con eses ollos como luces que brilan e queiman.
Familia Rataplás, todas e todos dentro, dexeron os papás ao mesmo tempo.
Ducharse, cear, ver un pouquiño os Lunnis e a durmir, que mañá é día de escola.
Vale mamá. Vale papá…Biquiños…múa,múa.múa.
XOÁN GARCÍA
En Perlío Fene, a 23 de Abril