AULA AMARELA: DECEMBRO

Ola familias!

O mes de Decembro foi un mes moi especial, con actividades e visitas que nos trouxeron moita maxia e ilusión.

Contamos coa presenza de Papá Noel e dos Reis Magos, pero o que máis ilusión nos fixo foi compartir coas nosas familias unha mañá na escola cantando panxoliñas. Grazas por participar! Como vedes xa estiveramos antes practicando con adicación o noso toque de pandeireta!

Ao longo de todo o mes fomos introducíndonos no Nadal con diferentes propostas como a manipulación e transvase de elementos decorativos típicos desta época. A experimentación coa luz e a cor estivo presente a través de instalacións con luces e teas, ou na mesa de luz coa que nos quedamos abraiados xogando con fermosos bloques translúcidos.

Coma sempre, o xogo simbólico tamén tivo o seu protagonismo, gozamos especialmente coidando e aloumiñando bebés e xogando ás casiñas.

Neste mes introducimos un elemento máis que nos trouxo e traerá moitas aprendizaxes e bos momentos…as botas de auga! Tomámonos o noso tempo para prepararnos para saír ao xardín, descalzámonos, intentamos identificar as nosas botas e facemos intentos por poñelas autonomamente, aínda que somos pequeniños, somos moi capaces e pouco a pouco irémolo conseguindo! Xa vedes como disfrutamos no exterior!

Ata pronto familias!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *