Etiqueta: Formación

GRANDES FORMATOS 2013: TODAS E TODOS IGUAIS, TODAS E TODOS DIFERENTES

A relatora Gema Paniagua psicóloga nos equipos de Atención Temperá da Comunidade de Madrid,  compartiu cos Profesionais da Rede de escolas infantis de Galicia unha xornada formativa titulada: Todas e todos iguais , todas e todos diferentes.

Captura de pantallaDespois dunha conferencia plenaria,  as/os  asitentes  á xornada participaron  en distintos grupos de traballo  reflexionando e debatindo ampliamente sobre a temática da atención á diversidade.

DSC01120

Algunhas das  conclusións ás que se chegaron no transcurso da xornada foron:

   Escola Inclusiva

  • Todos os nenos e nenas teñen dereito a unha educación de calidade dende o seu nacemento sen nigún tipo de exclusión, e en igualdade de oportunidades, independentemente da súa etnia, xénero, condicións socioeconómicas e culturais, características específicas…Partindo deste principio, debemos reflexionar sobre a nosa concepción de escola e pensar que a diversidade é positiva e enriquecedora.

  • Debemos acoller esta idea como algo natural, no que o respecto polas pontencialidades de cada quen é a base de todas as nosas actuacións. Todo neno é competente para aprender e por isto, é preciso axustar en cada momento a nosa acción educativa de cara a desenvolver estas potencialidades existentes en cada un de nós.

  • Ser diferente é un dereito e un valor. Isto farase realidade se levamos a cabo actuacións dende a escola nas que se promova e se potencie plenamente o principio de inclusión, o que fai referencia a unha escola de, por, para e con todos e todas.

  • Os diagnósticos e criterios de avaliación non deben etiquecar senón que axudan a entender e poñer en valor os procesos, permitindo dar respostas máis axustadas ás diversas necesidades, chegando á construcción de escola como comunidade de aprendizaxe na que cada unha dos nenos e nenas teñen algo que dicir e algo que achegar.

  • É importante establecer un marco de relación coas familias para que perciban á escola como un lugar onde sentirse escoitadas e acompañadas, no que poidan compartir con outras familias e co persoal educativo dúbidas, opinións, intereses, inquedanzas..

Perfil inclusivo dos profesionais.

  • As actitudes e estilo educativo dos profesionais son fundamentais para facer viable unha verdadeira escola inclusiva.

  • É imprescindible ter unha actitude de respecto e valoración das características individuais, que se aproxime a cada nena e a cada neno dende a súa individualidade e as súas peculiaridades, non dende a distancia, dende un patrón preestablecido. Este debe ser un repecto auténtico e que, ademáis, o neno ou nena o perciban na nosa práctica diaria a través da nosa comunicación e conducta como profesionais.

  • Este respecto debe nacer dunha actitude de fondo do profesional da educación, pero tamén do seu coñecemento das características e circunstancias relevantes de cada un dos nenos e das nenas da escola, polo que o contacto e a comunicación bidireccional coa familia resulta esencial.

  • O profesional debe poñer en valor os progresos individuais por sí mesmos e non en comparación cun patrón ideal.

A práctica educativa dende unha escola inclusiva.

  • O estilo educativo non se limita a actitudes na relación personal senón que debe poñerse de manifiesto na organización e proposta pedagóxica.

  • Evitar as propostas homoxeneizadoras, sendo necesario fomentar a diversidade de propostas ou actividades, asegurando a cada neno e nena un acompañamento educativo para estimular o seu progreso persoal. Trátase de fuxir de consignas xeneralizadas para toda a dinámica da aula nas que todos fan o mesmo, no mesmo momento e ao mesmo ritmo. Potenciando o xogo individual ou en pequeño grupo e plantexando propostas abertas e flexibles que acollan diferentes interpretacións e intereses e se adapten aos diferentes ritmos persoais.

  • Acompañar ao neno ou a nena significa estar dispoñible, respectar a súa iniciativa, non adiantarse e non facer cousas por él ou por ela, darlle a axuda que demande e a que o adulto considera imprescindible.

 

 

 

GRANDES FORMATOS 2013: A CREACIÓN E CONSTRUCIÓN NA ESCOLA INFANTIL DO AMBIENTE EDUCATIVO

Nesta xornada formativa, María Antonia Riera Jaume, experta na pedagoxía aplicada e psicoloxía da educación da Universitat de les Illes Balears, compartiu cos profesionais da Rede de Escolas Infantís de Galicia, unha conferencia plenaria sobre esta temática e, a continuación, en cada un dos distintos grupos de traballo realizados coas persoas asistentes reflexionouse, debatiuse e espuxéronse unha serie de cuestionamentos e visións sobre o ambiente educativo na escola infantil 0-3. Para rematar a xornada formativa, elaboráronse unhas conclusións, a partir das achegas do conxunto de participantes e da relatora .

foto 2 ambientes

Cando falamos de planificación ambiental, de seguido xorden cuestións como: Que entendemos por ambiente?, crear un ambiente agradable é algo máis que decorar? Cómo organizamos os espazos, materiais e tempos?, que posiblidades de xogo ofrecen os nosos espazos?, que tipo de relacións posibilitan?, que situacións de seguridade e benestar se dan ?, que situacións emocionais e cognitivas se permiten?…Todas estas cuestións e outras se plantexaron no inicio da xornada.

foto1 ambientes

E con posterioridade á xornada, puidemos concluír que:

  • Para planificar verdadeiros ambientes de aprendizaxe nas escolas infantís 0-3, é necesario ter en conta tres eixos-chave: o espazo, o tempo e as relacións.
  • O espazo, non é un simple “contedor, “ senón unha rede de relacións entre adultos, nenos e nenas, obxectos, materiais e acontecementos. Falar de espazo-ambiente no ámbito escolar é falar de valores, da identidade da comunidadade, das aprendizaxes que se queren promover e das relacións que se establecen.
  • Cada escola ten a súa propia identidade e existe en relación a un pasado e a un presente. Tal e como di Anna Lía Galardini: ”o espazo revela a pedagoxía e a pedagoxía maniféstase no espazo”.
  • Na construción do ambiente, familias, nenos, nenas e profesionais pensan, coidan e transforman os contextos educativos, é importante que se faga de xeito reflexivo e creativo, procurando evitar espazos só decorativos, espazos-lixo,mortos, neutros ou colonizados polos patróns estéticos da cultura globalizadora, paralizadores da expresión, para así favorecer as relacións, as percepcións sensitivas, o movemento, a exploración, en fin… a pluralidade das belezas da vida.
  • Para o deseño de ambientes de calidade nas escolas podemos ter en conta diversos parámetros, tales como:
  1. Identidade: unha escola entendida como lugar de pertenza dunha comunidade cultural e pedagóxica, con espazos de comunicación e encontros, de transicións entre dentro e fora, e sempre respectando a idiosincrasia propia dos diversos grupos de nenos e nenas e adultos.
  2. De relacións: xerando intercambios de relacións e circularidade de ideas entre todos os seus habitantes. Procurando a horizontalidade dos espazos, entendendo que todos son educativos, buscando a transparencia, nos que todos poidamos facer visible o que está sucedendo en cada un destes espazos, e sempre dentro das posibilidades arquitectónicas da escola.
  3. Constructividade: empregando materiais e equipamentos que motiven a curiosidade e o desexo de aprender, promovendo lugares e situacións que poidan proxectar, plantexar hipótesis, resolver problemas e buscar estratexias de acción diversas, onde o neno poida construir o seu propio percorrido cognitivo, a partir dunha diversidade de propostas nos distintos espazos da escola.
  4. Polisensorialidade: combinando de xeito equilibrada estímulos sensoriais diversos, buscando paisaxes equilibradas dende o punto de vista sensorial e perceptivo, ricas en olores, sons , texturas…, e sen saturacións.
  5. Transformabilidade: concebindo os espazos da escola con capacidade para transformarse e adaptarse en función das necesidades e intereses dos nenos e adultos, espazos plurifuncionais.
  6. Narración: creando espazos que conten, que falen do que se vive na escola, que documenten o que se fai, o que se di, construindo unha conciencia colectiva de diálogo continuo.
  • É fundamental que a planificación educativa sexa respectuosa cos tempos e ritmos da infancia, xa que moitas veces caemos nun activismo frenético, de tal xeito que lle roubamos aos nenos a posibilidade de profundar nas experiencias e aprendizaxes, e de ser eles mesmos os protagonistas da creación do ambiente.

En palabras de L. Malaguzzi, “ as relacións entre nenos, traballadores e pais, o espazo no que se estruturan, e os tempos nos que se realizan, determinan a calidade e identidade da propia escola”.

 

 

GRANDES FORMATOS 2013: A CREACIÓN DO PENSAMENTO MUSICAL

No curso: “A creación e a construción na escola infantil 0-3 do ambiente educativo e o pensamento musical” tivemos a gran sorte de poder contar coa colaboración de Paulo Lameiro, quen comezou a traballar con bebés en 1998, baseándose na teoría de aprendizaxe de Edwin E. Gordon.

Paulo brindounos unha gran mostra do seu traballo con nenas e nenos (incluíndo un taller para bebés), achegándonos ao ámbito da educación musical, un aspecto ás veces inexplorado por diferentes medos, inquedanzas ou por non saber como tratala con cativas e cativos tan pequenos.

A partir deste momento tivemos a oportunidade de vivenciar, reflexionar e  debatir sobre diferentes aspectos básicos da pedagoxía musical:

  • Os primeiros anos de vida son cruciais para establecer as conexións para un desenvolvemento musical óptimo, xa que o potencial dunha persoa está na súa máxima altura cando nace.
  • Dende o cuarto mes de xestación o feto escoita, e “todos os afectos e emocións lle chegan en forma de son”. O latexo da súa nai, a súa voz e a súa respiración encherán os primeiros momentos de ”su fortísima memoria intrauterina”, e logo comezará a percibir outros sons procedentes do exterior.
  • importante para o bebé é conectar o son cos afectos, coas emocións. Non existe unha música máis axeitada que outra para os bebés, e as obras musicais deberán ser ricas dende o punto de vista melódico, armónico e tímbrico.
  • Os arrolos cumpren unha función moi importante e existen en todas as culturas pero non cubren todas as necesidades, temos que ir máis aló. Son o cordón umbilical sonoro que nos une co resto da comunidade, teñen o seu obxectivo en aspectos de vínculo afectivo e dimensións relacionais entre bebé e adulto.
  • Repertorio vocal para bebés sen palabras. A voz humana é o mellor instrumento que temos de maneira natural; o modelo para a crianza será o adulto do que aprenderá a distinguir a voz falada da voz cantada. Importante é “cantar sen palabras” (papapa, brrrr… partindo dos sons que producen inicialmente os meniños), xa que é esencial para concentrarse na música, non nas palabras. Se partimos de escoitar os sons que  as crianzas emiten, atrevéndonos a cantalos dende unha gran variedade diferencial nos modos e tonalidades que empregamos, estamos axudándolles a que coñezan mellor as diferenzas entre os sons que escoitan.
  • As pezas serán curtas para non perder a capacidade de sorpresa e coidaremos as nosas entoacións sen introducir tons aos que os nenos e nenas non poden chegar.
  • As audicións serán moito máis efectivas se van acompañadas da voz e a interaccción directa dos adultos e non tan só escoitadas a través dun medio audio-visual. As sensacións e expresións faciais do adulto e os movementos corporais(indicadores físicos non verbais) son vitais para poder transmitir a importancia da música aos meniños, se perciben que para nós é algo importante tamén o será para eles. Non deberemos forzar ás nenas e nenos a escoitar música, nin a moverse. Non debemos moverlles nós as súas partes do corpo, senón deixar que se movan eles ou mantelos nos nosos brazos mentres bailamos. Así desenvolverá unha mellor consciencia corporal rítmica, relaxada e non ríxida.O adulto acompaña á crianza na  súa aprendizaxe musical a través doexemplo directo, o xogo e o movemento sempre baixo un clima de afectividade. Ofreceremos oportunidades de escoitar música acústica, música instrumental en directo para que podan percibir os sons e as vibracións do instrumento así como as expresións do músico ao tocar. Coidaremos como soa un reproductor de música de CD ( volume, claridade) cando non sexa posible esa escoita en directo. Para que todo isto sexa posible resulta imprescindible a reflexión e o traballo en equipo e conxunto nas escolas coas crianzas, coas familias, co contorno e coa comunidade educativa de cara a favorecer, promover e potenciar un pensamento musical que vai máis aló do que se entende xeralmente por música.

GRANDES FORMATOS DE FORMACIÓN 2013

Ao longo do ano 2013 desenvolvéronse varias accións formativas  dirixidas ao persoal da Rede de Escolas Infantís de Galicia, nas que se abordaron temáticas  de gran interés para a pedagoxía da infancia no 0-3  como : A creación e a construción na escola infantil do ambiente educativo e do pensamento musical, o pensamento simbólico e o mundo da heurística, a atención á diversidade, o xogo e o cotiá e a piscomotricidade. Dándose tamén a coñercer diversas experiencias  educativas  en sintonía coa infancia como as que desenvolve o Instituto Loczy de Budapest e o “Centro Singular Experimental de Innovación Psicopedagógica e Integración O Pelouro” en Caldelas de Tui.

Para o desenvolvemento das mesmas contamos coa participación de relatores e relatoras  que, hoxe por hoxe, son  grandes referentes no ámbito educativo como : Bernard Aucoutourier, Genma Paniagua, Elena Lobo, Mónica Guerra, Mª Antonia Riera Jaume, Paulo Lameiro, Javier Abad, Rosa Vidiella, Teresa Ubeira, Teresa Godall, Eszter Mozés, ...entre outros.

Estes grandes formatos de formación foron dirixidos a un grupo amplio de profesionais das escolas infantís de 0 a 3 anos. Tendo unha asistencia nalgún deles que chegou a alcanzar as 400 persoas, chegando, na globalidade de todos estes eventos, a ter cerca de mil profesionais do 0-3 formándose nas temáticas sinaladas anteriormente e cos seus respectivos expertos.

Así pois, e debido ao gran valor educativo que tivo  cada unha  destas accións  formativas  queremos difundir e ir compartindo coas e cos profesionais da infancia  e coa comunidade educativa, en xeral, as impresións e reflexións, así como a documentación xerada no transcurso das mesmas.