
No curso: “A creación e a construción na escola infantil 0-3 do ambiente educativo e o pensamento musical” tivemos a gran sorte de poder contar coa colaboración de Paulo Lameiro, quen comezou a traballar con bebés en 1998, baseándose na teoría de aprendizaxe de Edwin E. Gordon.
Paulo brindounos unha gran mostra do seu traballo con nenas e nenos (incluíndo un taller para bebés), achegándonos ao ámbito da educación musical, un aspecto ás veces inexplorado por diferentes medos, inquedanzas ou por non saber como tratala con cativas e cativos tan pequenos.
A partir deste momento tivemos a oportunidade de vivenciar, reflexionar e debatir sobre diferentes aspectos básicos da pedagoxía musical:
- Os primeiros anos de vida son cruciais para establecer as conexións para un desenvolvemento musical óptimo, xa que o potencial dunha persoa está na súa máxima altura cando nace.
- Dende o cuarto mes de xestación o feto escoita, e “todos os afectos e emocións lle chegan en forma de son”. O latexo da súa nai, a súa voz e a súa respiración encherán os primeiros momentos de ”su fortísima memoria intrauterina”, e logo comezará a percibir outros sons procedentes do exterior.
- O importante para o bebé é conectar o son cos afectos, coas emocións. Non existe unha música máis axeitada que outra para os bebés, e as obras musicais deberán ser ricas dende o punto de vista melódico, armónico e tímbrico.
- Os arrolos cumpren unha función moi importante e existen en todas as culturas pero non cubren todas as necesidades, temos que ir máis aló. Son o cordón umbilical sonoro que nos une co resto da comunidade, teñen o seu obxectivo en aspectos de vínculo afectivo e dimensións relacionais entre bebé e adulto.
- Repertorio vocal para bebés sen palabras. A voz humana é o mellor instrumento que temos de maneira natural; o modelo para a crianza será o adulto do que aprenderá a distinguir a voz falada da voz cantada. Importante é “cantar sen palabras” (papapa, brrrr… partindo dos sons que producen inicialmente os meniños), xa que é esencial para concentrarse na música, non nas palabras. Se partimos de escoitar os sons que as crianzas emiten, atrevéndonos a cantalos dende unha gran variedade diferencial nos modos e tonalidades que empregamos, estamos axudándolles a que coñezan mellor as diferenzas entre os sons que escoitan.
- As pezas serán curtas para non perder a capacidade de sorpresa e coidaremos as nosas entoacións sen introducir tons aos que os nenos e nenas non poden chegar.
- As audicións serán moito máis efectivas se van acompañadas da voz e a interaccción directa dos adultos e non tan só escoitadas a través dun medio audio-visual. As sensacións e expresións faciais do adulto e os movementos corporais(indicadores físicos non verbais) son vitais para poder transmitir a importancia da música aos meniños, se perciben que para nós é algo importante tamén o será para eles. Non deberemos forzar ás nenas e nenos a escoitar música, nin a moverse. Non debemos moverlles nós as súas partes do corpo, senón deixar que se movan eles ou mantelos nos nosos brazos mentres bailamos. Así desenvolverá unha mellor consciencia corporal rítmica, relaxada e non ríxida.O adulto acompaña á crianza na súa aprendizaxe musical a través doexemplo directo, o xogo e o movemento sempre baixo un clima de afectividade. Ofreceremos oportunidades de escoitar música acústica, música instrumental en directo para que podan percibir os sons e as vibracións do instrumento así como as expresións do músico ao tocar. Coidaremos como soa un reproductor de música de CD ( volume, claridade) cando non sexa posible esa escoita en directo. Para que todo isto sexa posible resulta imprescindible a reflexión e o traballo en equipo e conxunto nas escolas coas crianzas, coas familias, co contorno e coa comunidade educativa de cara a favorecer, promover e potenciar un pensamento musical que vai máis aló do que se entende xeralmente por música.
Comentarios recentes