Etiqueta: Da reflexión a acción

A quen tiña a infancia na voz

O día 2 de outubro haberá 10 anos que nos deixou Carlos Santos (técnico de atención educativa para quen nunca escoitara falar del), o proxecto da Rede de Escolas Infantís estaba nese momento nun proceso de cambio, estabamos nunha xornada de formación inicial (defendía con aínco a formación do profesorado e parecíalle fundamental dar a coñecer o proxecto da rede aos novos profesionais que se ían incorporando a ela), e foi Lois Ferradás, decano da facultade da USC naquel entón, mentor de moitos, quen se achegou a darnos a triste noticia; ao longo da xornada Isa enviaralle unha mensaxe de texto: “vai todo ben”, deulle tempo a que lla lerán como soubemos máis tarde, e a súa mensaxe reconfortouno nos seus últimos alentos.

É difícil non pensar de cando en vez, e máis agora nesta situación tan estraña que nos envolve a todas e todos, como sería a situación se estivera presente, estou segura que sobre moitas das cuestións que nos ocupan na actualidade matinaría algunha voltiña e intentaría atopar alternativas que reforzaran a importancia de garantir contextos de e para a infancia.

Co seu traballo, nun tempo curto porque non tivo oportunidade de máis, intentou por a semente dunha rede de escolas:

  • Que pensan na nena e neno como seres capaces de facer, respectando a súa autonomía, a súa curiosidade e a súa creatividade.

  • Abertas ás familias, que forman parte do proxecto educativo e onde a relación con elas ten o mesmo desexo: o benestar das súas cativas e cativos.

  • Que valoran o traballo en equipo, como unha forma de facer onde todo o equipo ten posibilidade de achegar ideas e propostas para mellorar e medrar no día a día.

  • Que participan e se integran na súa contorna, favorecendo as relacións cos concellos e aproveitando os recursos próximos como fonte de aprendizaxe para as crianzas e para os propios profesionais

E ao longo destes dez anos fomos regando dita semente, … na medida das nosas posibilidades, unhas con máis luz e auga se cabe ca outras, …

E seguimos nun proceso de construción, dunha forma de entender o ciclo 0–3 como unha etapa educativa en si mesma, intentando afastarnos da idea de garda e custodia das pequenas e pequenos pero tamén da idea de “canto antes mellor”, esforzándonos por defender unha etapa con identidade propia; a dos coidados.

Nun proceso de valorar a importancia da reflexión sobre o que estamos facendo, de documentar e avaliar as nosas propostas educativas para seguir mellorando no noso quefacer diario.

No percorrido deste proceso imos, pouco a pouco, recollendo o froito, este mes de setembro iamos falar sobre reflexionar os ambientes no 0–3 a outras e outros profesionais, un ambiente que intentamos que se caracterice por:

  • Devolver os tempos ás cativas e cativos, tempos para xogar, para medrar, para compartir experiencias, para rir e gozar cos seus iguais e cos seus adultos de referencia.

  • Asegurar o benestar das nenas e nenos.

  • Favorecer que as nenas e nenos teñan múltiples oportunidades de usar os seus sentidos aplicando as súas habilidades e destrezas físicas na exploración e manexo de obxectos do seu interese.

  • Ofrecer abundantes ocasións de utilizar e desenvolver as súas habilidades de movemento tanto no interior como no espazo exterior da escola.

Entre os moitos elementos a ter en conta para un ambiente de calidade está tamén o son, lembro que cando falabamos das visitas ás escolas, entre as súas preguntas estaba a de a que cheiraba a escola ou como era o seu ambiente acústico, consideraba importante ter en conta estes elementos a maiores doutros máis visibles como o exceso de decoración, a distribución dos espazos, a orde, ... a contaminación acústica é doada de evitar se o profesional ten claro o seu rol de acompañante, todo vai fiado, nada pode quedar á improvisación.

Compartimos coa rede este pequeno vídeo dunha infancia sonora, o son que pensamos lle gustaría ao noso compañeiro que reinara nas nosas escolas.


Un pequeno agasallo que sostén detrás o traballo en equipo das compañeiras e compañeiros da escola.                                                                   

                                                                                                   Cristina LLInares Francisco

        Na elaboración do video participou todo o equipo da Escola infantil de Vigo Valadares e foi editado por Iria Costa Ruíz.