Etiqueta: Acción formativa

GRANDES FORMATOS 2013. O xogo na escola infantil 0-3: O pensamento simbólico

Hoxe compartimos con vós algunhas ideas da xornada formativa O xogo na escola infantil 0-3: O pensamento simbólico. Nesta ocasión, acompañounos Elena Lobo Aleu, psicóloga e orientadora do equipo de atención temperá de Torrelodones, da Comunidade Autónoma de Madrid, que compartiu unha conferencia na que afondou no fantástico mundo do xogo.

o_xogo_na_ei_0-3_o_mundo_da_heuristica_e_o_pensamento_simbolico_foto_n_21_12_copiar

O xogo nos máis pequenos é unha necesidade, é a actividade fundamental que debemos favorecer e provocar, observar e escoitar. Forma parte da condición do ser humano, polo que o consideramos como unha conducta espontánea que move ás nenas e nenos a interactuar cos demais e cos obxectos por curiosidade innata e polo simple pracer de facelo. DSC_1724_copiar

A esencia deste tipo de xogos de imitación está na capacidade de simbolizar, isto é, de crear situacións mentais e combinar feitos reais con feitos imaxinarios, caracterizándose por un tipo de asimilación, asimilación do real ao eu.

 Que é o xogo simbólico?

É experiencia vital. Posibilítalle aos nenos/as transformar, crear outros mundos, vivir outras vidas, xogar a ser outros e, en definitiva, a saber que existen formas de pensar e sentir diferentes á propia.

Ten un papel moi importante no desenvolvemento da personalidade e de moitas das súas habilidades: cognitivas, sociais, comunicativas ou afectivas.

A escola é o lugar onde tamén se aprende a vivir,  e o xogo simbólico é un espazo de ensaio para a aprendizaxe da vida. Simbolizar, representar, ser quen non son para aprender a ser quen son.

Cal é a súa finalidade?

As nenas e nenos xogan por pracer, para expresar agresividade, para controlar a ansiedade, para adquirir experiencias, para establecer contactos sociais, para integrar a súa personalidade, para comunicarse cos demais, expresar sentimentos,….

Xogar é aprender a ser libres. Os nenos e as nenas necesitan liberdade para decidir o seu xogo. Tradicionalmente os/as profesionais solemos utilizar unha metodoloxía moi directiva no xogo, sendo fundamental que os/as pequenos/as teñan liberdade para decidir, o como e a que xogar nun marco de propostas variadas.

Cal é o papel do adulto?

Debe ser o de planificar, organizar, observar, facer un seguemento e documentar, así como interpretar e valorar todo o observado. Os adultos só participarrán no xogo cando sexa necesario,  facilitando axudas puntuais cando se precisen para establecer determinados límites, animar ou motivar á algún pequeno ou pequena, reorganizar materiais, etc.

Que precisan para xogar?

1. Un espazo seguro e pracenteiro. Que lle permita o contacto ocular e cercanía corporal co adulto. Un ambiente ordenado, tranquilo, non ríxido.

Algunhas orientacións para as distintas etapas do desenvolvemento

  • Etapa 0-1: centrado na exploración multisensorial e motriz.
  • Etapa 1-2: espazos facilitadores das novas necesidades de maior movemento e exploración.
  • Etapa 2-3: incorporación de espazos mais variados para a simbolización – socialización.
  1. Un tempo propio. Mentres dure o seu interese polo xogo e respectando o ritmo individual de cada nena e neno.

En canto aos materiais

É moi importante facilitarlles distintos tipos de materiais, tanto representativos como non representativos, ás veces un material non representativo como pode ser unha folla, un pau ou unha tea, ofrécenlle ao neno infinitas posibilidades de xogo creativo. Estes materiais débense presentar de xeito atractivo e motivador.

Os xoguetes non son os provocadores do xogo, o xogo é unha manifestación do seu mundo interior.

  • Etapa 0-1: Observación e manipulación. Diversidade de texturas, olores, sabores, sons, e posibilidades móbiles, así como espello para poder observarse, recoñecerse. A exploración e xogo co propio corpo.
  • Etapa 1-2: Materiais múltiples e variados para manipular, explorar e experimentar, de refugallo, da natureza, do contorno, etc..
  • Etapa 2-3: Xoguetes que favorezan a actividade simbólica ( reproduccións do mundo familiar, oficios, animais, transportes, imaxes, historias, contos , obxectos reais da vida cotiá, da hixiene, da natureza, marionetas, disfraces , materiais para modelar, construir e destruir, apilar,….

Frases para pensar:                           Xogando para vivir, vivir para xogar.”

                                        “ Mente e corazón abertos, guiados polas necesidades do neno”

                                                                                “ Menos é máis.”

 

 

 

GRANDES FORMATOS 2013: A CREACIÓN DO PENSAMENTO MUSICAL

No curso: “A creación e a construción na escola infantil 0-3 do ambiente educativo e o pensamento musical” tivemos a gran sorte de poder contar coa colaboración de Paulo Lameiro, quen comezou a traballar con bebés en 1998, baseándose na teoría de aprendizaxe de Edwin E. Gordon.

Paulo brindounos unha gran mostra do seu traballo con nenas e nenos (incluíndo un taller para bebés), achegándonos ao ámbito da educación musical, un aspecto ás veces inexplorado por diferentes medos, inquedanzas ou por non saber como tratala con cativas e cativos tan pequenos.

A partir deste momento tivemos a oportunidade de vivenciar, reflexionar e  debatir sobre diferentes aspectos básicos da pedagoxía musical:

  • Os primeiros anos de vida son cruciais para establecer as conexións para un desenvolvemento musical óptimo, xa que o potencial dunha persoa está na súa máxima altura cando nace.
  • Dende o cuarto mes de xestación o feto escoita, e “todos os afectos e emocións lle chegan en forma de son”. O latexo da súa nai, a súa voz e a súa respiración encherán os primeiros momentos de ”su fortísima memoria intrauterina”, e logo comezará a percibir outros sons procedentes do exterior.
  • importante para o bebé é conectar o son cos afectos, coas emocións. Non existe unha música máis axeitada que outra para os bebés, e as obras musicais deberán ser ricas dende o punto de vista melódico, armónico e tímbrico.
  • Os arrolos cumpren unha función moi importante e existen en todas as culturas pero non cubren todas as necesidades, temos que ir máis aló. Son o cordón umbilical sonoro que nos une co resto da comunidade, teñen o seu obxectivo en aspectos de vínculo afectivo e dimensións relacionais entre bebé e adulto.
  • Repertorio vocal para bebés sen palabras. A voz humana é o mellor instrumento que temos de maneira natural; o modelo para a crianza será o adulto do que aprenderá a distinguir a voz falada da voz cantada. Importante é “cantar sen palabras” (papapa, brrrr… partindo dos sons que producen inicialmente os meniños), xa que é esencial para concentrarse na música, non nas palabras. Se partimos de escoitar os sons que  as crianzas emiten, atrevéndonos a cantalos dende unha gran variedade diferencial nos modos e tonalidades que empregamos, estamos axudándolles a que coñezan mellor as diferenzas entre os sons que escoitan.
  • As pezas serán curtas para non perder a capacidade de sorpresa e coidaremos as nosas entoacións sen introducir tons aos que os nenos e nenas non poden chegar.
  • As audicións serán moito máis efectivas se van acompañadas da voz e a interaccción directa dos adultos e non tan só escoitadas a través dun medio audio-visual. As sensacións e expresións faciais do adulto e os movementos corporais(indicadores físicos non verbais) son vitais para poder transmitir a importancia da música aos meniños, se perciben que para nós é algo importante tamén o será para eles. Non deberemos forzar ás nenas e nenos a escoitar música, nin a moverse. Non debemos moverlles nós as súas partes do corpo, senón deixar que se movan eles ou mantelos nos nosos brazos mentres bailamos. Así desenvolverá unha mellor consciencia corporal rítmica, relaxada e non ríxida.O adulto acompaña á crianza na  súa aprendizaxe musical a través doexemplo directo, o xogo e o movemento sempre baixo un clima de afectividade. Ofreceremos oportunidades de escoitar música acústica, música instrumental en directo para que podan percibir os sons e as vibracións do instrumento así como as expresións do músico ao tocar. Coidaremos como soa un reproductor de música de CD ( volume, claridade) cando non sexa posible esa escoita en directo. Para que todo isto sexa posible resulta imprescindible a reflexión e o traballo en equipo e conxunto nas escolas coas crianzas, coas familias, co contorno e coa comunidade educativa de cara a favorecer, promover e potenciar un pensamento musical que vai máis aló do que se entende xeralmente por música.