O día 2 de outubro haberá 10 anos que nos deixou Carlos Santos (técnico de atención educativa para quen nunca escoitara falar del), o proxecto da Rede de Escolas Infantís estaba nese momento nun proceso de cambio, estabamos nunha xornada de formación inicial (defendía con aínco a formación do profesorado e parecíalle fundamental dar a coñecer o proxecto da rede aos novos profesionais que se ían incorporando a ela), e foi Lois Ferradás, decano da facultade da USC naquel entón, mentor de moitos, quen se achegou a darnos a triste noticia; ao longo da xornada Isa enviaralle unha mensaxe de texto: “vai todo ben”, deulle tempo a que lla lerán como soubemos máis tarde, e a súa mensaxe reconfortouno nos seus últimos alentos.
É difícil non pensar de cando en vez, e máis agora nesta situación tan estraña que nos envolve a todas e todos, como sería a situación se estivera presente, estou segura que sobre moitas das cuestións que nos ocupan na actualidade matinaría algunha voltiña e intentaría atopar alternativas que reforzaran a importancia de garantir contextos de e para a infancia.
Co seu traballo, nun tempo curto porque non tivo oportunidade de máis, intentou por a semente dunha rede de escolas:
Que pensan na nena e neno como seres capaces de facer, respectando a súa autonomía, a súa curiosidade e a súa creatividade.
Abertas ás familias, que forman parte do proxecto educativo e onde a relación con elas ten o mesmo desexo: o benestar das súas cativas e cativos.
Que valoran o traballo en equipo, como unha forma de facer onde todo o equipo ten posibilidade de achegar ideas e propostas para mellorar e medrar no día a día.
Que participan e se integran na súa contorna, favorecendo as relacións cos concellos e aproveitando os recursos próximos como fonte de aprendizaxe para as crianzas e para os propios profesionais
E ao longo destes dez anos fomos regando dita semente, … na medida das nosas posibilidades, unhas con máis luz e auga se cabe ca outras, …
E seguimos nun proceso de construción, dunha forma de entender o ciclo 0–3 como unha etapa educativa en si mesma, intentando afastarnos da idea de garda e custodia das pequenas e pequenos pero tamén da idea de “canto antes mellor”, esforzándonos por defender unha etapa con identidade propia; a dos coidados.
Nun proceso de valorar a importancia da reflexión sobre o que estamos facendo, de documentar e avaliar as nosas propostas educativas para seguir mellorando no noso quefacer diario.
No percorrido deste proceso imos, pouco a pouco, recollendo o froito, este mes de setembro iamos falar sobre reflexionar os ambientes no 0–3 a outras e outros profesionais, un ambiente que intentamos que se caracterice por:
Devolver os tempos ás cativas e cativos, tempos para xogar, para medrar, para compartir experiencias, para rir e gozar cos seus iguais e cos seus adultos de referencia.
Asegurar o benestar das nenas e nenos.
Favorecer que as nenas e nenos teñan múltiples oportunidades de usar os seus sentidos aplicando as súas habilidades e destrezas físicas na exploración e manexo de obxectos do seu interese.
Ofrecer abundantes ocasións de utilizar e desenvolver as súas habilidades de movemento tanto no interior como no espazo exterior da escola.
Entre os moitos elementos a ter en conta para un ambiente de calidade está tamén o son, lembro que cando falabamos das visitas ás escolas, entre as súas preguntas estaba a de a que cheiraba a escola ou como era o seu ambiente acústico, consideraba importante ter en conta estes elementos a maiores doutros máis visibles como o exceso de decoración, a distribución dos espazos, a orde, ... a contaminación acústica é doada de evitar se o profesional ten claro o seu rol de acompañante, todo vai fiado, nada pode quedar á improvisación.
Compartimos coa rede este pequeno vídeo dunha infancia sonora, o son que pensamos lle gustaría ao noso compañeiro que reinara nas nosas escolas.
Un pequeno agasallo que sostén detrás o traballo en equipo das compañeiras e compañeiros da escola.
Cristina LLInares Francisco
Na elaboración do video participou todo o equipo da Escola infantil de Vigo Valadares e foi editado por Iria Costa Ruíz.
Ao longo deste curso 2020-21 e ante a situación epidemiolóxica na que nos vemos inmersas/os, queremos acompañarvos cunha serie de achegas sobre o emprego dos espazos exteriores, que vai ter que ser o noso espazo prioritario de acción educativa.
A concepción do espazo exterior en moitas ocasións estaba relegada a certos momentos da xornada e ao cumprimento de certas condicións metereolóxicas que permitisen, segundo o noso criterio o emprego do mesmo.
Na situación que nos atopamos agora mesmo esta concepción debe cambiar imperativamente debido á necesidade de que esteamos a maior parte do tempo no espazo exterior das nosas escolas desenvolvendo as nosas propostas educativas neste escenario de aprendizaxe. Por iso, é preciso trocar nalgún caso a perspectiva que temos sobre o exterior da propia escola e, noutros casos, ir enriquecendo as propostas do mesmo para desenvolver a nosa proposta pedagóxica de centro.
Isto implicaría sacar todos os momentos ao exterior, cando sexa posible. Podendo desenvolver calquera momento coas nenas e nenos neste espazo (momento de xogo, momento de comedor, momento de cambio, momento de descanso, …).
Esta concepción de que é posible extrapolar a acción educativa ao exterior é preciso de ser valorada en cada contexto polas posibilidades e/ou limitacións que cada escola poida ter.
Outro dos elementos necesarios de facer partícipes da nosa acción educativa son as familias. As cales, coma sempre, terán que estar informadas desta proposta pedagóxica que poderemos ir desenvolvendo ao longo do curso, tendo como núcleo principal o espazo exterior da nosa escola, trasladando os seus beneficios, non soamente para o momento circunstancial que nos toca vivir se non a nivel xenérico para o desenvolvemento saudable das pequenas e pequenos.
Sempre temos certos límites (reticencias) á hora de empregar este espazo en función da situación meteorolóxica na que nos atopemos e establecer fórmulas que nos permitan o desfrute do exterior como eixe principal da nosa acción pedagóxica coas nenas e nenos da escola. Imos cada ano facéndonos máis conscientes da prioridade do emprego do exterior na escola e da necesidade primordial de estar os pequenos o maior tempo posible neste espazo. Por iso, é preciso informar ás familias e incorporar á dotación de recursos das pequenas roupa de abrigo, calzado de exterior, roupa de auga,… que nos permita o aproveitamento máximo das nosas infraestruturas de exterior.
Xogar ao aire libre aporta multitude de beneficios para o desenvolvemento e saúde integral da persoa, ademáis de proporcionar grandes posibilidades de exploración e aprendizaxe a todos os niveis. Resaltar que no exterior é máis fácil manter as distancias de seguridade, xa que as infeccións transmítense con máis dificultade e o contacto co aire e osol fortalece as defensas, polo tanto constitúen espazos máis seguros que a propia aula.
De acordo coa observación que veñen realizando as/os grandes pedagogas/os, mestras/es ao longo da historia de pedagoxía, escribindo e describindo que o ser humano ten unhapredisposición xenética cara ao mundo natural. Isto implica unha diversidade de aspectos no proceso de desenvolvemento do ser humano que dende xa hai máis de 20 anos a ciencia vén confirmando. As evidencias científicas realizadas mediante probas obxectivas e investigacións de como funciona o noso cerebro como as repercusións no noso desenvolvemento, veñen a certificar estas intuicións iniciais, así como as interacións e interdependencias existentes entre as súas diferentes funcións e os organismos que nos conforman a nivel físico, psíquico e social.
Recollendo as evidencias que os científicos levan informando e divulgando neste últimos anos é preciso poñer o foco máis que nunca nestas primeiras idades e a súa necesidade de estar no espazo exterior e en contacto coa natureza. Se non traballamos cara a esta dirección, os expertos xa veñen avisando/alertando, prodúcese unha afectación na saúde integral do ser humano (no sistema nervioso; nos cambios neurolóxicos; nas conexións neuronales; no equilibrio e re-equilibrio psíquico, psicolóxico, físico, social;…).
A posibilidade de que as nenas e nenos estean no exterior suporá unha potenciación das súascapacidades e unha activación dos mecanismos neurolóxicos e fisiolóxicos que fan que a pequena ou pequeno estea nun estado de sintonía consigo mesma/o (a natureza adáptase aos diferentes momentos madurativos e á diversidade dos mesmos) e co que lle rodea, o que inflúe cientificamente nun desenvolvemento saudable.
Citamos algúns dos beneficios nos pequenos e pequenas:
Incrementa o benestar e mellora o estado de ánimo.
Fortalece o sistema inmunolóxico e incrementa as defensas
Reduce a ansiedade e o estrés (menos cortisol).
Mellora a capacidade cognitiva e dos procesos atencionais e a concentración.
Facilita unha aprendizaxe directa, empírica e autónoma (capacidade de observación e experimentación -método científico -).
Aumenta a confianza, autoestima e as habilidades sociais (capacidade de negociación co medio e cos outros, descubrimento das posibilidades e límites, empatía, solidariedade, compaixón, participación, colaboración,…).
Potencia o xogo simbólico e proporciona actividades menos estruturadas que facilitan a imaxinación e a creatividade
Potencia a curiosidade como eixe motivacional para a aprendizaxe.
Mellora as habilidades motoras.
A través das accións físicas mellórase a capacidade cognitiva (xera endorfinas, disposición para a aprendizaxe a través de activar os procesos de concentración-atención,…).
A actividade física en espazos exteriores e naturais prevén o sobrepeso.
Aumenta a vitalidade xeral do neno/a.
Proporciona grandes posibilidades de exploración e movemento que axudan a que aprendan do mundo que lles rodea (capacidade nos procesos de aprendizaxe).
Activa os sentidos e desenvolve as súas habilidades perceptivas, grazas a multitude de estímulos que se poden atopar.
Sincroniza o estado físico coa acción motivada que vai desenvolver.
Non debemos esquecer que, ao igual que os espazos interiores, os espazos exteriores precisande planificación, espazos versátiles e coidados que ofrezan diversas e múltiples posibilidades. Para esta planificación centrada no xogo pensada para os diferentes momentos madurativos e nos biorritmos individuais das pequenas e pequenos (momento de xantar, descanso, hixiene, …) iremos facilitando, a través do blog e das vosas achegas, propostas que axuden a mellorar, enriquecer, crear,… diferentes zonas e ambientes de xogo.
“Los espacios exteriores de la escuela son recursos educativos en potencia. Entre otras cosas son lugares privilegiados de contacto entre el centro educativo y el territorio, el social y el natural” .Penny Ritscher.
O venres 27 de Abril a directora da Escola Infantil de Sobrado dos Monxes, Mª del Pilar Pájaro Naveira, participou como relatora nun encontro co alumnado do Ciclo Superior de Técnico en educación infantil do CIFP Anxel Casal- Montealto, invitada pola profesora María López Avendaño.
O motivo da charla foi compartir a visión da infancia e as distintas experiencias que se desenvolven nesta escola infantil e que as/os estudantes coñecen a través do blogue , así como xerar un espazo de reflexión e debate sobre as prácticas educativas e a metodoloxía activa e participativa empregada nesta escola.
A través dun obradoiro práctico reflexionaron sobre diversas concepcións da infancia, a escola, e a familia, así como sobre as persoas profesionais da escola infantil. Posteriormente desenvolveron unha posta en común entre todas e todos as participantes, Pilar amosoulles o proxecto da escola infantil de Sobrado, os principios básicos e as liñas metodolóxicas do centro, así como os criterios comúns que como equipo educativo foron adoptando dende os momentos iniciais do funcionamento da escola para a práctica docente e organización da escola. Para acadar unha maior dinamización e argumentación no debate utilizouse material de vídeo e fotografías sobre diferentes aspectos e momentos da escola.
Rematou a xornada coa solicitude por escrito da valoración da xornada, na que se puido comprobar a satisfacción das persoas asistentes e o cumprimento das expectativas que tiñan sobre a charla.
Moitas grazas a Mª del Pilar Pájaro Naveira, e ao equipo da EI de Sobrado por poñer en valor as boas prácticas no 0-3.
A Educación Infantil (0-3) Entre a teoría e a práctica.
A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deseñou dúas xornadas formativas co 0-3 como protagonista. Estas xornadas tiñan como destinatarios principais ao alumnado do Grao de Educación Infantil, tamén outros/as profesionais da educación.
O ciclo 0-3, habitualmente o gran esquecido durante os estudos de Educación Infantil, foi o punto escollido onde facer fincapé nestas xornadas formativas. O descoñecemento por parte de mestras e mestres sobre o traballo no 0-3, fai que sexa necesario dar presencia ao primeiro ciclo, que se considera o berce da educación das nenas e dos nenos, por iso é preciso coñecer a base teórica e facer visibles as boas prácticas educativas nas primeiras idades.
Nestas xornadas abordáronse dúas pedagoxías de referencia cunha ampla base teórica e tamén práctica. Destas dúas pedagoxías e doutras beben as escolas infantís para fundamentar a elaboración das súas propostas pedagóxicas.
A primeira xornada, celebrouse o 20 de abril de 2018 co título “Pedagoxía Montessori: Axúdame a facelo eu mesmo/a”
Esta pedagoxía tan de moda na actualidade, ten xa moito tempo. María Montessori que naceu en Italia o 31 de agosto de 1870 e morreu o 6 de maio de 1952, foi a primeira muller italiana que se graduou como doutora en Medicina. A través das súas experiencias con nenos en risco social, comezou a fundamentar unha metodoloxía, onde o xogo se concibe como a principal actividade da nena e do neno. As súas ideas innovadoras que ían a contracorrente da pedagoxía da época, tiñan unha base científica, cun coñecemento baseado na observación sistemática e continuada que lle confiren valor e pertinencia.
Lois Ferradás Blanco, profesor do departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC, foi o encargado de facer a “Presentación daPedagoxía Montessori:axúdame a facer eu mesmo”. Neste relatorio abordouse a bibliografía de María Montessori así como os principios e métodos da súa pedagoxía, facendo referencia á visión na actualidade da pedagoxía Montessori.
José Pablo Franco López, profesor de Pedagoxía e Didáctica da USC, foi o relator da ponencia “O xogo con bloques de madeira:acción e pensamento”. Os xogos de construcións nas primeiras idades son unha proposta de actividade habitual das nenas e dos nenos. Construír e deconstruir forma parte do desenvolvemento infantil por tanto o material que apoia este xogo parece unha cuestión fundamental e a ter en conta polas profesionais. Os bloques de madeira adquiren unha relevancia neste xogo polas nocións de cantidade, medida, forma, peso, establecemento de relacións ou accións motrices que xorden. Neste sentido a forma de empregar os bloques ten que ver cun momento do desenvolvemento e cun tipo de xogo. O rol da educadora e educador na preparación, observación e tipo de intervención do xogo do neno é a clave para unha axeitada práctica educativa.
Escola Infantil Santiago-San Roque
Loli Santiso, directora da escola infantil de San Roque, contou a través de experiencias como se desenvolve e se entende a práctica educativa no 0-3 no seu centro. Esta escola bebe dos principios metodolóxicos da pedagoxía de Montessori, como un referente do traballo educativo nas primeiras ideades, tamén ten como referencia outras pedagoxías, axustándoas ao contexto propio da escola. O relatorio baseouse no rol do educador e educadora para o desenvolvemento da autonomía das nenas e dos nenos de diferentes idades, atendendo aos diferentes momentos. Focalizouse no grupo de bebés e na práctica do descanso. Tamén se mostrou un dos piares básicos que fundamentan a proposta pedagóxica da escola e do proxecto educativo da Rede das escolas infantís, a idea de escola aberta ás familias mostrando momentos de acollida e despida ou saídas e aberta ao contorno próximo.
Escola Infantil Santiago-San Roque
A segunda desenvolveuse o venres 27 de abril de 2018. O título foi “Pedagoxía Pikler-Loczy: Moverse en liberdade”
A Pedagoxía Pikler a diferencia da Pedagoxía Montessori, apenas é coñecida tanto no ensino universitario como no traballo práctico das escolas.
Esta Pedagoxía, xorde con Emmi Pikler, pediatra húngara nacida o 9 de xaneiro de 1902 en Viena, morreu o 6 de xuño de 1984. Ao igual que María Montessori, Emmi Pikler foi máis alá do establecido na súa época. Como pediatra observaba aos nenos e nenas e rexistraba de forma sistemática e científica o seu desenvolvemento. Os seus amplos estudos deron lugar a unha sabedoría contrastada en relación ao desenvolvemento da motricidade global, facendo fincapé na transcendencia do movemento libre e na creación dunhas condicións óptimas nos coidados de atención persoal, momentos moi pensados para favorecer o benestar das nenas e dos nenos.
O relatorio Presentación da pedagoxía Pikler-Loczy: Moverse en liberdade, desenvolveuno José Pablo Franco López. Nel fixo unha presentación da persoa de Emmi Pikler que desenvolve unha pedagoxía moi pensada, estudada e baseada na observación do desenvolvemento dos nenos e nenas. Esta pedagoxía segue a ser unha gran descoñecida, cuestión curiosa pois resulta unha referencia clave para coñecer en profundidade o desenvolvemento integral dos nenos e nenas nos dous primeiros anos. Foi ela quen abordou as posturas intermedias que o neno e a nena realiza con precisión durante o desenvolvemento motriz nesta primeira etapa da infancia. Para que sexa así é preciso darlle liberdade ao movemento creando un ambiente coas condicións axustadas ás necesidades de nenas e nenos. Os coidados que se realizan a cativos e cativas son outros aspecto considerado fundamental nesta pedagoxía.
Escola infantil de Tui
A directora da escola infantil de Tui, Cristina Llinares relatou a experiencia do seu centro. A súa proposta pedagóxica bebe da pedagoxía Pikler-Loczy. Na charla abordou a necesidade de crear un ambiente de escola coas mellores condicións de benestar para que se produza aprendizaxe significativo. Mostrouse o traballo con bebés onde o equipamento que se utiliza atende a deixar aos nenos e nenas con liberdade de movemento. Neste sentido certos elementos como “hamacas” ou “bumbos” están descartados da práctica educativa. A vestimenta ou incluso estar descalzos atende a favorecer esa liberdade de acción e respecto ao ritmo de cada unha e un .
Na mesma liña favorecer o tránsito abrindo as portas entres as aulas tamén é outra proposta metodolóxica pensada para atender ao respecto dos ritmos e a liberdade de elección das e dos cativos. Neste respectuoso coidado cara á nena e ao neno móstrase como se xestiona o momento de comedor que atende a favorecer a autonomía. O espazo exterior xoga un papel moi importante na vida cotiá da escola, non fai falla falar dos beneficios do saudable de gozar do aire libre, ou manter contacto coa natureza e material que produce.
Nesta escola Cristina conta que se intenta documentar todo o posible, tanto para o equipo da escola como para as familias, a través de documentos de centro, proxectos e propostas de actuación, que lles permitan coñecer o que se fai, cando ou porqué. Deste xeito fanse partícipes e colaboradoras da vida da escola. O blogue do centro é un reflexo de todo o que alí acontece.
Escola infantil de Tui
É preciso agradecer a Lois Ferradás, a Pablo Franco e as persoas organizadoras dasxornadas da USC ter en conta ás escolas infantís 0-3, dando a presencia e a importancia que ten o primeiro ciclo. A universidade ten unha gran labor na formación das e dos futuros profesionais onde o 0-3 aínda está pouco tratado e valorado. Agradecer tamén aos equipo e ás direccións das escolas de San Roque e Tui por amosar as súas boas prácticas. Tamén por facer unha gran labor de traballo que require de esforzo, adicación e constancia por avanzar na mellora da prácticas educativas.
Cando nos plantexamos a modificación dun espazo na escola e, neste caso do espazo de sesta na aula de bebés, temos que analizar e concretar cal vai ser a mellor distribución do espazo e dos elementos dos que dispoñemos para a súa organización.
É preciso facer unha xuntanza previa coas familias para argumentar cal vai ser a nova disposición do espazo e o por que do queremos levar a cabo explicando a importancia e os beneficios que vai ter para os seus fillos e fillas. Podemos aproveitar a xuntanza inicial de curso por aula ou ben a xuntanza do primeiro trimestre para expoñelo e coñecer a súa opinión.
É importante, antes de facer o cambio, analizar varias cuestións;
– Por que trasladamos aos bebés do berce ao colchón?
– Cando é o momento no que facemos o traslado do berce ao colchón?
– Cal é o rol do adulto en todo o proceso?
– Cal é o beneficio do mesmo para todos os implicados?
– Por que trasladamos aos bebés do berce ao colchón?
O colchón no chan, nun inicio colocase para que o bebé poida moverse con liberdade sen que resulte un perigo para o mais pequeno. É unha forma de que o neno ou nena interactúe co ambiente e comece a coñecer o seu entorno máis próximo, neste caso a aula de descanso da escola.
– Cando é o momento no que facemos o traslado do berce ao colchón?
O colchón no chan non se soe poñer para que durma nas súas primeiras semanas de vida, onde o neno ou nena pode correr risco dos demais iguais, posto que aínda non é quen de controlar os seus movementos. Nun primeiro momento, soemos empregar o berce como alternativa ao colchón no chan.
Non hai un momento preciso nin unha idade concreta para facer o cambio, neste caso como en tódolos cambios que se producen na escola en canto ao espazo, temos que ter en conta o momento evolutivo dos pequenos e pequenas. Cando consigan desprazarse sen axuda, ben co arrastre ou gatexo e sexan capaces de chegar ao colchón por sí sós podemos proceder ao cambio.
– Cal é o rol do adulto en todo o proceso?
Nun primeiro momento, a función principal do educador ou educadora é preparar o espazo de tal xeito que sexa seguro para os máis pequenos e pequenas.
Asegurarémonos que cando coloquemos o colchón no chan que este esté ben aillado e que teña unha superficie branda ao seu carón para que o neno ou nena poida baixar e subir sen ningún tipo de perigo.
O espazo debe estar decorado de xeito sinxelo e ordeado, empregando cores claros ou neutros de xeito que a estancia dos bebés sexa prancenteira, transmita tranquilidade e que sexa un espazo para desprazarse libremente. A importancia da orde radica en axudarlle ao pequeno ou pequena a ter puntos de referencia para poder ubicarse dentro do propio cuarto de sesta, por iso non convén demasiado mover os mobles de sitio, pois o feito de atoparse e devolver as cousas o mesmo lugar transmítelle estabilidade e estrutura.
Recomendase que o entorno se adapte ao nivel de desenvolvemento do neno ou nena, creando espazos que permitan liberdade de movemento dende que son moi pequenos para potenciar o seu desenvolvemento integral.
Os nenos e nenas máis pequenos precisan dun ambiente que favorezca o descanso e o sono, son eles quen nos mostran determinados indicios da chegada de este momento, nos temos que observalo para coñecer cal é o “momento preciso”. É moi importante empregar a información recollida das familias para poder orientarnos mentres non teñamos coñecemento das rutinas e costumes dos bebés.
O rol da educadora e educador, despois de ter claro a organización do espazo, será o acompañamento dos bebés en todo o proceso: o antes, o durante e o despois do momento de sesta.
– Cal é o beneficio do mesmo para todos os implicados?
Neste caso, temos dous axentes que se benefician directamente da reorganización do espazo de sesta, por unha banda os nenos e nenas e por outra banda as educadoras e educadores.
– Nenos e nenas
Unha vez que os máis pequenos e pequenas comezan a conquistar pouco a pouco o seu corpo, e comezan a ser conscientes do uso do mesmo: mans, pernas, boca…, creando así un grado máis de autonomía, o colchón a ras do chan serviralles para poder moverse libremente e cubrir as súas novas necesidades que serán exactamente a de comezar a exercitar e practicar toda a súa parte motriz e facelo dun xeito seguro.
Deste xeito, co colchón no chan o bebé poderá entrar e saír por si só tan pronto como estea preparado para gatexar, sen necesidade de chorar ou gritar para pedir axuda. Os berces con barrotes non permiten a adquisición deste nivel de independencia.
Isto está en consonancia coa idea de que a liberdade de movemento é crucial para o desenvolvemento do neno e da nena.
O bebé aprende a delimitar o seu espazo, o seu corpo e as súas capacidades. O neno ou nena xa é un ser pensador e isto permitiralle que obteña confianza en si mesmo e chegue a dominar ben o seu corpo. Ademais, potenciase a comunicación entre iguais, a afectividade “de bebé a bebé” creando un vínculo de “coidado mutuo”.
Escola Infantil Ferrol-Esteiro
-Educadoras e educadores
Neste caso, o beneficio fundamental e máis importante é a cercanía e acceso que temos cara os máis pequenos e pequenas, o que nos permite estar preto de máis dun neno á vez podendo manter un contacto físico e visual que non nolo permite o berce.
Así, os bebés séntense acompañados e á súa vez fomentamos ese grado de autonomía, independencia e movemento libre que non poden conseguir co berce, sen esquecernos de que non é o mesmo ser autónomos que deixalos sós.
O respecto polo ritmo de cada neno ou nena é importantísimo. Algúns bebés soen durmir moito tempo mentres que outros espertan con moita asiduidade. Isto permítenos estar preto en todo momento duns e outros.
Ademais, facilita o control postural e movemento do adulto.
Ao longo do mes de novembro desenvolvéronse varias xuntanzas educativas no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar coas direccións de todas as escolas da Rede, nestes encontros abordáronse temáticas de gran interés para a pedagoxía da infancia 0-3.
Organizáronse catro obradoiros prácticos relacionados coa liña metodolóxica das escolas infantís da Rede:
–Dinamización e coordinación: estratexias e ferramentas.
-Propostas de xogo.
-Alimentación, hixiene e descanso.
-A observación e avaliación.
O obxectivo destas xornadas consistía fundamentalmente en xerar un espazo de encontro e debate para reflexionar e compartir liñas comúns de actuacións no día a día das escolas, ademais de achegar ferramentas e recursos ás direccións dos centros que lles axuden na súa labor como dinamizadoras e coordinadoras dos equipos educativos.
A través deste tipo de xuntanzas promóvese o traballo en Rede, fomentando e potenciando a liña metodolóxica común e característica do proxecto educativo das escolas infantís. En próximas publicacións afondaremos nos contidos e conclusións de cada un dos obradoiros.
O martes 13 de xuño de 2017 visitou a escola infantil de Tui, Cristina Elorza, que actualmente traballa en Bilbao no equipo para a avaliación e a investigación educativa (ISEI) cunha ampla experiencia na educación infantil e primaria. Tamén traballou en asesoramento, formación do profesorado e tarefas relacionadas co desenvolvemento curricular. Habitualmente publica artigos en diferentes revistas educativas e participa activamente en MRP Adarra; tamén pertence ao Consello de Dirección da revista Aula de Infantil e, é codirectora da colección Biblioteca de Infantil. Acompaña a visita María Luísa Abad, docente que traballaba en orientación educativa na Consellería de Educación e con experiencia na educación infantil. Un dos seus títulos, moi coñecido nas escolas infantís xestionadas polo Consorcio é o Manual para coeducar na escola infantil, formando tamén parte da formación de profesionais realizada no 2008 nun curso “Para Helena un tren e para Marcos unha boneca. A igualdade de xénero na escola infantil”
Esta visita tivo como finalidade o coñecemento da realidade da escola infantil de Tui, sobre todo en relación ao funcionamento dos espazos. Este centro destaca por ter unha concepción do espazo ampla, onde todos se poden empregar e teñen potencial educativo. Esta forma de traballar ten repercusión nas escolas infantís xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e noutros ámbitos educativos de carácter nacional, pódese ver no seu blogue ou en publicacións na revista Aula Infantil, xa que Cristina Llinares, directora da escola infantil, forma parte do consello asesor de Graó. Algúns documentos de centro publicados son:
Outros espazos na escola infantil.
Abrir as portas da aula. Espazos de xogo alternativos
Repensar o patio da escola como espazo educativo.
O espazo exterior na escola infantil: un reto educativo.
A entrada á escola infantil, un lugar de acollida.
O xardín dos sons.
Cristina Llinares fixo un percorrido polas instalacións do centro educativo con Cristina Elorza e Luísa Abad, contando como se concibe cada lugar, para que se emprega e a conexión que existe entre todos na dinámica diaria da escola; vendo in situ o funcionamento dos espazos, xa que a vida da escola estaba en pleno movemento: nenos e nenas interactuando, familias participando e equipo educativo da escola acompañando as accións.
Neste percorrido Cristina Llinares falou de cada un dos espazos do centro para poder trasladar a concepción e as dinámicas de uso dos mesmos:
– a entrada exterior ao centro, destacando o horto da escola, onde cativos e cativas, familias e equipo coidan, participan e gozan dunha experiencia compartida co cultivo de diversas hortalizas ou prantas aromáticas; un panel de imaxes onde se captan todos os momentos significativos acontecidos durante o curso escolar nos grupos de nenos e nenas de 2-3 anos, deixando unha pegada de historias de desenvolvemento compartido.
– A entrada da escola, lugar de acollida, de mostra e recollida de materiais, paneis de información, documentación, … que vai mudando e incorporando elementos que son importantes no día a día da escola.
– A biblioteca, local que resultaba insuficiente como sala de persoal, transformouse nun pequeno obradoiro, ao que poden acceder pequenos grupos de nenos para gozar cos libros.
– O corredor con paneis informativos e de documentación, materiais de observación e experimentación, colgadores e lugar para o calzado, para o exercicio da autonomía en vestirse e desvestirse, calzarse e descalzarse.
– As aulas, onde cada unha ten equipamento e material pensado para os nenos /as de cada idade, sendo o lugar de referencia de cada grupo de cativos e das súas educadoras, pero tamén serven como espazos compartidos durante algún tempo por nenos medianos e maiores.
– A sala multiusos, utilízase sobre todo como comedor e como sala de motricidade. O seu funcionamento óptimo require dun plan moi pensado e coidado de utilización que todos respecten.
– A cociña e lavandaría. Mesmo estas dependencias cumpren unha función educativa xa que todos os días o persoal de servizos xerais deixa axudar aos nenos e nenas que, por quendas, poñen as mesas do comedor ou colaboran na xestión do lavado da roupa.
– O espazo exterior, fundamental na proposta educativa do centro e lugar privilexiado para o movemento dos grandes grupos de músculos (motricidade grosa), correr, andar en bici, experimentación con materiais que mollan ou manchan, … A choiva ou o frío no son un impedimento para que os nenos e nenas saian ao exterior, a non ser que estea un tempo realmente tormentoso. Isto resólveno para os cativos maiores poñéndose a súas botas de auga e roupa de abrigo, tomando o tempo preciso, sen présas, gozando do proceso e apostando pola autonomía nas accións dos nenos. Conta con diversidade de materiais cotiás que se preparan cada día.
A reflexión compartida con Cristina Llinares na que ademais de Cristina Elorza e Luisa Abad, participaron Lois Ferradás, profesor do departamento de didáctica e organización escolar da Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaborador dende o inicio do proxecto educativo da Rede de escolas do Consorcio, sendo gran coñecedor da realidade das escolas e, tamén tres persoas do equipo de atención educativa (Teresa Saco Coya, José Pablo Franco López e Herminia Piñón), versou sobre esta concepción dos espazos na escola infantil de Tui, que non deixan de ser similares a outros das escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este uso dos espazos fai que o máis salientable deste centro é o ambiente. Nel respírase unha atmosfera calma, chea de luz que cheira a fresco, cunha sensación cálida e acolledora que transmite emoción e ilusión en cada recuncho. Este ambiente é así porque está pensado e mimado nos detalles polo equipo da escola. Neste sentido os valores fundamentais que suxeitan o proxecto educativo da escola son: o traballo compartido; o esforzo continuo na busca da mellora; o diálogo constante e a cooperación; o respecto das diferenzas e a atención á diversidade; a visión das potencialidades persoais; o coidado, implicación e adicación en cada acción que se desenvolve,etc.
Mostra desta concepción é o panel de imaxes dos nenos e nenas do grupo de idade de 2-3 anos que está na entrada da escola
Todo sempre enmarcado nunha concepción de comunidade educativa, onde todos os axentes, especialmente as familias, están presentes e son importantes colaboradoras na labor de axuda no desenvolvemento e benestar das nenas e nenos. A escola está emprazada nun entorno inmellorable preto do centro cívico, do instituto e do centro da vila de Tui, o que permite que entorno entre na escola e a escola estea no medio social, cultural e educativo. Cristina Llinares comenta un dos proxecto “Contadas” que se leva a cabo co instituto de ensinanza secundaria, no cal as mozas e mozos veñen á escola contar contos aos cativos e cativas con moito éxito pola participación e implicación para ambas partes.
Cristina Llinares resalta que o que primeiramente propiciou este uso dos espazos foi a falta de espazo suficiente, de aí concebir todos os lugares con potencial e uso educativo, de cara a atender e poder dar resposta á diversidade de necesidades e ritmos de nenas e nenos. Por iso na escola infantil de Tui, todos os espazos empréganse e teñen unha utilidade que vén determinada por unha proposta educativa, tanto os exteriores (entrada ao centro, horto ou patio) coma os interiores (entrada, biblioteca, corredores, sala multiusos, cociña, lavandaría,…). Todo o equipo aporta para que cada espazo sexa importante e teña contido; exemplos disto son: o coidado pola orde e a estética, dando protagonismo á escoita e ao silencio, con posibilidade e liberdade de escolla por parte das cativas e cativos, cun papel por parte do persoal educativo centrado nas relacións einteraccións que se producen entre adulto e neno e que revisten de calidade os espazos, este tipo de acción vese napresenza da educadora máis alá da física, está plenamente na acción dos pequenos e pequenas, atendendo todo o que acontece.
Os catro piares do traballo que poden resumir o traballo educativo desta escola son:
Un proxecto de escola sinxelo, claro, explícito e ben documentado que pón o acento na acollida e no respecto a cada neno e a cada nena.
Este proxecto formúlase, mantense e dinamízase por un equipo ben coordinado e guiado por unha dirección moi consciente do seu papel de guía do proxecto da escola.
Un estilo de traballo en equipo, con responsabilidades claras, baseado no diálogo, sempre en progreso, … que inclúe a todo o persoal da escola.
Unha apertura ás familias e a outros axentes da comunidade, fundamentado no diálogo, o intercambio de información, onde se pide e se ofrece colaboración.
Para finalizar, faise fincapé no proceso de identificar e dar a coñecer as que consideramos boas prácticas na educación dos nenos e nenas máis pequenos, como é o caso da escola infantil de Tui, coa intención ou o desexo de inspirar prácticas semellantes en outros contextos educativos.
Escola infantil de Tui 13 de xuño de 2017. Grazas a todo o equipo da escola!!
Xogar ao aire libre é moi importante para favorecer o desenvolvemento positivo dos nenos e nenas. Non obstante, nas escolas infantís minusvaloramos con moita frecuencia este tempo de xogo nos espazos exteriores. Pensamos que as actividades por así decilo “serias” e “importantes” son as que se desenvolven dentro das aulas, e consideramos o xogo no exterior como tempo de “recreo” ou un pequeno descanso para as educadoras/es.
Atopamos con facilidade razóns para non saír cos nenos/as ao patio ou ao xardín, cando noutros países cunhas condicións metereolóxicas moito máis adversas que as nosas, os pequenos/as saen a xogar ao exterior diariamente e teñen moito máis contacto coa natureza.
Porén cando os espazos exteriores das escolas están ben pensados e deseñados e os/as profesionais que nelas traballamos nos facemos conscientes da importancia que teñen para os pequenos/as, o xogo ofrece oportunidades ilimitadas de experimentación, de aprendizaxes de gran riqueza que non se poden substituír en espazos pechados.
EI Baiona
A actividade ao aire convértese neste sentido nun gran laboratorio de aprendizaxes ecoñecementos porque nos permite entrar en contacto cunha gran variedade de estímulos e sensacións: o paso das estacións que cambia a paisaxe e a nosa forma de vestir, os cambios de tempo e a temperatura que se poden dar nun mesmo día, o vento que move as follas das árbores e nos acaricia as meixelas, a posición do sol que cambia durante o día, as sombras.., as nubes que atenúan a luz do sol…,o sol que seca a herba mollada…,a auga da chuvia que forma as charcas…, o roce das plantas, o canto dos paxaros, o ruído dun avión, o olor da herba ou das flores…etc.
EI Meira
Os espazos exteriores constitúen ademáis un hábitat privilexiado do xogo libre, que nos permite gozar da liberdade de movementos, do pracer de correr pequenos riscos en espazos máis amplos, máis irregulares e con novos retos, así como xogar e experimentar con elementos como a area, a terra, ás follas, a auga…,dun xeito diferente e moito máis enriquecedor que no interior.
O xogo ao aire libre favorece tamén a socialización e o traballo en equipo xa que se exercitan habilidades tan importantes como negociar, compartir, cooperar…, manterse xunto aos outros nenos e nenas ou buscar a soidade, compartir xogos ou quedarse tranquilamente observando, alonxarse do adulto ou reunirse con él, etc.
EI Meira
Repensar a organización e os materiais que temos nos espazos exteriores das nosas escolas, así como as dinámicas de xogo que propoñemos, resulta sumamente importante, sendo necesario proxectar espazos exteriores cuidados que contemplen diferentes zonas de xogo, con elementos variados, que faciliten e enriquezan as actividades dos pequenos/as: pavimentos diferentes para poder circular, desniveis, area que se poda humedecer, auga para regar, arbustos diferentes, flores para cuidar ou pequenos hortos, árbores que cambian segúndo as estacións, elementos para o xogo motor que permitan trepar, subir, deslizarse, saltar, pasar por debaixo, metererse dentro, etc; con xoguetes e materiais que estimulen o xogo, non só caldeiros e pás, senon moldes, botes, caixas, rodas, pelotas, triciclos…etc. Cuidando sempre a estética e garantizando a seguridade.
EI Muros
EI Baiona
Máis información no libro:
Ritscher, P.(2006). El jardín de los secretos. Barcelona. España. Octaedro
Os Centros de Recursos comezaron a súa andaina neste curso escolar. Trátase dun proxecto que busca achegar recursos educativos ás escolas e aos seus profesionais. As escolas de OurenseBarrocás, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo, Viana do Bolo, Ferrol, Silleda e Culleredo O Burgo, convírtense nos centros neurálxicos para a xestión do acceso a estes recursos, estando adscritas a eles todas as escolas de xestión directa da nosa rede.
É a través do sistema de xestión Kóha, e tras darse de alta e rexistrarse como usuarios, que se pode acceder ao catálogo público cos recursos existentes na actualidade.
O fondo bibliográfico consta de 50 títulos de recente publicación abordando diversas temáticas sobre o 0-3, tales como: psicomotricidade, movemento, xogo, psicoloxía, atención á diversidade,pedagoxía, historia da educación, etc. que pretenden contribuír ao coñecemento de investigacións, estudios, e experiencias sobre esta etapa da infancia. Deste xeito, as e os profesionais do 0-3, poden debater, desenvolver, reflexionar, compartir ou avaliar a propia práctica educativa diaria, e as necesidades educativas dos nenos e familias, sempre dun xeito respectuoso, crítico e responsable coa infancia en xeral, e estendendo as boas prácticas á sociedade no seu conxunto, unha sociedade cada vez máis informada e esixente coas necesidades e o coidado da infancia.
Agardamos que estes recursos se poidan seguir actualizando e implementando co tempo, para así favorecer a súa difusión, en aras de procurar unha aprendizaxe máis autónoma, capaz e satisfactoria cos nenos e as súas familias.
Hoxe compartimos con vós algunhas ideas da xornada formativa O xogo na escola infantil 0-3: O pensamento simbólico. Nesta ocasión, acompañounos Elena Lobo Aleu, psicóloga e orientadora do equipo de atención temperá de Torrelodones, da Comunidade Autónoma de Madrid, que compartiu unha conferencia na que afondou no fantástico mundo do xogo.
O xogo nos máis pequenos é unha necesidade, é a actividade fundamental que debemos favorecer e provocar, observar e escoitar. Forma parte da condición do ser humano, polo que o consideramos como unha conducta espontánea que move ás nenas e nenos a interactuar cos demais e cos obxectos por curiosidade innata e polo simple pracer de facelo.
A esencia deste tipo de xogos de imitación está na capacidade de simbolizar, isto é, de crear situacións mentais e combinar feitos reais con feitos imaxinarios, caracterizándose por un tipo de asimilación, asimilación do real ao eu.
Que é o xogo simbólico?
É experiencia vital. Posibilítalle aos nenos/as transformar, crear outros mundos, vivir outras vidas, xogar a ser outros e, en definitiva, a saber que existen formas de pensar e sentir diferentes á propia.
Ten un papel moi importante no desenvolvemento da personalidade e de moitas das súas habilidades: cognitivas, sociais, comunicativas ou afectivas.
A escola é o lugar onde tamén se aprende a vivir, e o xogo simbólico é un espazo de ensaio para a aprendizaxe da vida. Simbolizar, representar, ser quen non son para aprender a ser quen son.
Cal é a súa finalidade?
As nenas e nenos xogan por pracer, para expresar agresividade, para controlar a ansiedade, para adquirir experiencias, para establecer contactos sociais, para integrar a súa personalidade, para comunicarse cos demais, expresar sentimentos,….
Xogar é aprender a ser libres. Os nenos e as nenas necesitan liberdade para decidir o seu xogo. Tradicionalmente os/as profesionais solemos utilizar unha metodoloxía moi directiva no xogo, sendo fundamental que os/as pequenos/as teñan liberdade para decidir, o como e a que xogar nun marco de propostas variadas.
Cal é o papel do adulto?
Debe ser o de planificar, organizar, observar, facer un seguemento e documentar, así como interpretar e valorar todo o observado. Os adultos só participarrán no xogo cando sexa necesario, facilitando axudas puntuais cando se precisen para establecer determinados límites, animar ou motivar á algún pequeno ou pequena, reorganizar materiais, etc.
Que precisan para xogar?
1. Un espazo seguro e pracenteiro. Que lle permita o contacto ocular e cercanía corporal co adulto. Un ambiente ordenado, tranquilo, non ríxido.
Algunhas orientacións para as distintas etapas do desenvolvemento
Etapa 0-1: centrado na exploración multisensorial e motriz.
Etapa 1-2: espazos facilitadores das novas necesidades de maior movemento e exploración.
Etapa 2-3: incorporación de espazos mais variados para a simbolización – socialización.
Un tempo propio. Mentres dure o seu interese polo xogo e respectando o ritmo individual de cada nena e neno.
En canto aos materiais
É moi importante facilitarlles distintos tipos de materiais, tanto representativos como non representativos, ás veces un material non representativo como pode ser unha folla, un pau ou unha tea, ofrécenlle ao neno infinitas posibilidades de xogo creativo. Estes materiais débense presentar de xeito atractivo e motivador.
Os xoguetes non son os provocadores do xogo, o xogo é unha manifestación do seu mundo interior.
Etapa 0-1: Observación e manipulación. Diversidade de texturas, olores, sabores, sons, e posibilidades móbiles, así como espello para poder observarse, recoñecerse. A exploración e xogo co propio corpo.
Etapa 1-2: Materiais múltiples e variados para manipular, explorar e experimentar, de refugallo, da natureza, do contorno, etc..
Etapa 2-3: Xoguetes que favorezan a actividade simbólica ( reproduccións do mundo familiar, oficios, animais, transportes, imaxes, historias, contos , obxectos reais da vida cotiá, da hixiene, da natureza, marionetas, disfraces , materiais para modelar, construir e destruir, apilar,….
Frases para pensar: “Xogando para vivir, vivir para xogar.”
“ Mente e corazón abertos, guiados polas necesidades do neno”
Comentarios recentes