Arquivo da categoría: UN PROXECTO COMPARTIDO:AS FAMILIAS E A ESCOLA

Horta solidaria

A Escola Infantil de Fene Barallobre invítanos a coñecer a súa proposta de horta solidaria

Á nosa escola é aberta á comunidade educativa e participativa coas familias, concienciada no respecto ao medio ambiente, na reciclaxe e no traballo diario con elementos naturais do noso contorno próximo. Na escola fomentamos nas cativas e nos cativos actitudes de colaboración, respecto e cooperación, ademais de inicialos na interiorización do concepto de autoconsumo. Do mesmo xeito, dende a escola potenciamos a educación medio ambiental e para a saúde familiarizando ós nenos/as coa práctica de levar unha vida saudable, así como conciencialos na importancia da conservación do medio natural próximo.

Por este motivo, o equipo educativo da escola valoramos positivamente desenvolver esta proposta titulada “O Noso Horto Solidario”, xa que resulta imprescindible favorecer nas meniñas e nos meniños o coidado e o respecto á natureza, así como dar valor a empregar elementos naturais e reciclados de xeito cotiá que posibilitan a importancia dos recursos naturais.

O horto da escola está localizado nunha pequena parte do espazo exterior da escola enriquecendo deste modo a zona verde da mesma. Temos dous tipos de hortos; un horto vertical e outro horizontal. Ámbolos dous hortos están construídos con técnicas e materiais reciclados para a súa creación contamos coa colaboración do Proxecto de Voz Natura.

O horto vertical, realizouse aproveitando botellas e garrafas de auga, así como con botas de auga vellas proporcionadas polas/os cativas/os para colgalas no enreixado do patio e plantar diferentes plantas aromáticas como ourego, lavanda, tomiño e romeiro e cultivar amorodos, perexil, pementos e tomates “cherry”.

O horto horizontal, elaborouse reciclando palés decorados polas nenas e nenos. Xogando coas distintas formas de colocar os palés reutilizados cultivaremos leitugas, cenorias, tomates, repolos, coliflor, brócoli, cebolas e amorodos.

As nenas e os nenos realizan o procedemento de plantar os diferentes cultivos no horto en colaboración coas familias, sendo tamén os encargados do seu coidado e regado cotiá, así como da recollida da colleita. Do mesmo modo, fomentarase o coidado polo medio ambiente, realizando tarefas de recollida de lixo e plásticos no horto, e resto do patio.

Unha vez recolectado todo faise unha doazón á Cociña Económica.

É posible a actividade nos espazos exteriores da escola no inverno ??

 

Unha nova estación peta na porta. O inverno. Baixas temperaturas, menos horas de sol, precipitacións, … Son tempos de abrigarse, tempos onde a nosa cultura do sur de Europa cunha climatoloxía determinada foi incrustando un xeito de ver o frío, a chuvia, … , como unha ameaza para a nosa saúde física. Así, as expresións seguintes son parte da nosa cultura popular:

  • ¡Abrígate que  vas coller  un catarro!

  • ¡Abrígate que vas ter unha bronquite!

  • ¡Non teñas os pés espidos que vas coller gripe!

  • ¡Seca o pelo que te vas acatarrar!….

Habería un montón de expresións que poderiades engadir do voso peculio familiar que indican unha cultura popular ben arragaida no que respecta as accións que os adultos facemos para protexer as pequenas e pequenos para non ter enfermidades infecto-contaxiosas. Seguramente, moitas de vós e de nós poñemos en práctica esta cultura popular coas nosas fillas e fillos por que as raigames fondas das nosas crenzas son moi difíciles de arrincar.

Sen embargo a cultura científica indícanos que o frío por si mesmo non fai que collamos unha gripe, un catarro, bronquite, ..., ou outras enfermidades víricas ou bacteriolóxicas. Estas enfermidades danse por contacto directo cunha superficie ou con outra persoa que fai de transmisor destes “pequenos bichiños” que fan que desenvolvamos a enfermidade

Así o explican nos seguintes vídeos estes dous pediatras:

Dra. Lucía Galán Bertrand, pediatra e socia fundadora e directora del centro médico Creciendo

Dr. Roi Piñeiro, Xefe de Pediatría do Hospital General de Villalba.

 

Estes dous extractos son soamente unha pequena achega de como é a relación entre os virus e bacterias e o frío. Neste período de pandemia hai un bombardeo contínuo de información de como funcionan os virus e o seu xeito de difundirse, como ben xa sabedes, así como da importancia do exterior e do ambiente natural no só para o desenvolvemento saudable potencial das capacidades das nenas en nenos se non para minimizar as enfermidades infecto-contaxiosas, sempre coa imprescindible protección adaptada a climatoloxía existente en cada momento.

A asociación española de pediatría ( AEP) apunta:

” A epidemioloxía do virus indícanos que hai un risco 20 veces maior de infección en ambientes interiores. De feito todas as evidencias científicas apoian que hai unha menor transmisión de enfermidades en entornos ao aire libre, a luz solar directa pode suprimir a enfermidade en superficies máis rapidamente, redúcense as aglomeracións e concentración de persoas nun mesmo espazo,  mellórase o benestar en xeral das persoas tanto nenos/as como adultos, a motricidade, a atención e, en xeral, a actitude cara as aprendizaxes

O que deixan ben as claras é que frío non é igual a gripe, catarro, …, se non as persoas doutras climatoloxías máis frías ca nosas estarían todos os días con arrefriados. O frío non é o culpable de que as pequenas e pequenos está enfermos.

É moito máis importante entender que:

  • Hai que abrigar correctamente aos nenos e nenas. No abrigalos nin por exceso nin por defecto.

  • A contaminación en interiores é maior por falta de ventilación, xa que as nenas e nenos ao estar en contacto con outros iguais facilitan o contaxio e difusión do virus. É preciso ventilar os espazos interiores e,  sobre todo, estar no espazo exterior sempre que sexa posible, para evitar as concentración de nenos e nenas que se producen no espazo interior.

  • Ter un sistema inmunolóxico forte é o elemento fundamental para resistir mellor a entrada de virus ou bacterias externas, a través dunha alimentación nutricional axeitada para cada momento do seu desenvolvemento, como por exemplo nos bebés coa leite materna.

Podes ampliar a túa información nas seguintes direccións web:

Como vedes, hai moita literatura científica e un consenso que conflúe en que o frío non causa infeccións (gripe, catarros, bronquite, …).

Tanto, agora que veñen as baixas temperaturas do inverno, como noutros momentos do ano o importante e saber abrigarnos e ter a roupa axeitada para estar no espazo máis potencialmente rico para a infancia que é o espazo exterior da nosa escola.

Nalgunhas escolas da nosa Rede xa levan anos comezando a poñer en valor o espazo exterior e natural na escola infantil. Veñen tamén traballando cos diferentes axentes do contorno e coas familias para comprender esta transcendencia do exterior no desenvolvemento saudable das nenas en nenos, sendo consciente de que as achegas doutros axentes pódenos axudar a comprender a importancia do contexto exterior. Como sabemos é preciso ir da man coas familias neste tipo de accións que as veces poden parecer estrañas aos ollos dalgunhas familias cando saímos ao patio un día que vai frío, un día chove un pouco, un día que houbo xeada, , … Por iso, é tan importante xerar canles de comunicación fluídos coas familias para este e outras temáticas sexan coñecidas por elas e que entendan o que, o como, o porque e o para que o facemos.

Por iso, é preciso establecer un proxecto no que se contemple tamén a acción compartida coas familias, a opinión do pediatra ao que habitualmente levan os seus nenos e nenas é moi importante para elas. Así por exemplo a Escola Infantil de Meira, solicituoulle á pediatra do seu centro de saúde a redacción dunha carta para enviarlle ás familias  que axudara a modificar os mitos e crenzas en relación ao frío, e facilitase a comprensión e concienciación do proxecto que leva adiante á escola dunha maior utilización dos espazos exteriores agora no inverno.

A carta enviada pola pediatra foi:

Estimadas familias:

A directora da escola Infantil púxose en contacto comigo, como profesional da saúde infantil, sobre o uso dos espazos exteriores nestas circunstancias que desgraciadamente nos tocou vivir, e  a  verdade é que, despois de revisar a súa proposta, non podo estar máis de acordo.

Dende el punto de vista científico está sobradamente demostrado que a transmisión dos diversos virus, e concretamente o que nos acecha, redúcese substancialmente neste tipo de espazos y por elo, sempre que sexa posible, se deben primar as actividades no ambiente exterior.

Algo que me parece fundamental aclarar é que os nenos no se acatarran por saír ao patio (o que acotío se di como que “colleu frío”), sinon que a transmisión do arrefriado, y de outros procesos infecciosos, se produce con moitísima máis facilidade nos locais fechados, lugares nos que o contacto físico é máis estreito e ademáis, ao haber menos ventilación, a tose e os esbirros dos acatarrados cargan o ambiente de virus en suspensión, que inhalan o resto de nenos ate entón sans. Con isto no quero dicir que se vaian evitar todo tipo de infeccións  respiratorias, e máxime tendo en conta a época do ano na que estamos e cara á que vamos, pero sí estou segura de que se reducirán. Os espazos abertos e a axeitada hixiene de mans son as medidas que resultan más úteis para frear os contaxios, sobre todo nos nenos de curta idade, nos que o resto de medidas recomendadas son, o imposibles de realizar (uso correcto de máscaras) ou moi  complicadas (distancia social).

Para rematar, simplemente lembrar que: todos os que formamos parte, dunha forma u outra, das vidas dos vosos pequenos, e en definitiva, tamén das vosas, entendemos e compartimos  as vosas preocupacións, as vosas dúbidas  e inquietudes. Non olvidedes que estamos aquí para axudarvos en todo o que estexa nas vosas mans.

Ánimo familias! Entre todos poderemos con isto!

 

Espazos exteriores dialogando co medio

Nesta nova achega invitámosvos a  ver e a escoitar (lista de reprodución de vídeos: Espazos exteriores: dialogando co medio”) pequenos extractos de diferentes realidades dos espazos exteriores das escolas infantís e a súas dinámicas:

  • Escola Infantil de Tui

  • Escola Bressol JMCéspedes

    • No primeiro dos vídeos, Do patio ao xardín, móstranos, a a evolución e transformación do seu patio exterior a un xardín onde os elementos naturais están moi presentes con plantas, flores, …, xerando un espazo de vida onde as sensacions, a motricidade, a estética buscan un equilibrio ambiental que modifican e nutren significativamente este espazo exterior como eixe da acción educativa.

    • No segundo,O espazo exterior: un educador máis.”, móstranos, neste pequeno video, un xardín que está deseñado como un espazo para o xogo e as relacións, na procura dun ambiente de benestar, saúde e aprendizaxe baseado nas necesidades e intereses dos nenos.

  • Escola Infantil Mendillori de Pamplona (documental: ¡Que grande es la Infancia!):

    • Extracto do documental, ¡Que grande es la Infancia!, que foi realizado a través da investigación na escola infantil Mendillori na que se narra a riqueza das linguaxes interactivas das nenas e nenos.

Se queredes saber máis sobre cada un destas escolas e/ou vídeos completos, tedes na descrición (debaixo do vídeo) enlaces para obter máis información.

 

O outono unha estación para os cinco sentidos

 

Coa caída das primeiras follas no patio e coa recollida dos primeiros froitos do outono, na EI de Meira decidimos plantexar propostas de xogo e experiencias a partir dos materiais que o outono nos proporciona

No patio exterior da escola organizamos un espazo ambientado con elementos e propostas otoñais, consideramos que este espazo é o idóneo porque  posibilita que as nenas e nenos  esteñan en contacto directo coa natureza,  percibindo e vivenciando en primeira persoa multitude de sensacións e experiencias que se desenvolven na súa contorna máis inmediata, observan como  se vai transformando a paixase, os sons e os efectos do vento…os pequenos animais que nos rodean….O outono é unha estación cun gran potencial pedagóxico que nos permite ser vivenciada cos cinco sentidos: vista, oído, cheiro, gusto e tacto.

A través da vista  van apreciando na contorna como mudan as cores.

A través do oído, vivencian o asubío do vento, o cruxir das follas secas ao ser pisadas.

A través do cheiro: arrecenden ese cheiro dos primeiros días, a terra mollada despois dos meses de verán e os cheiros dos diferentes produtos e materiais.

A través do gusto: saboreando zumes e degustando puré de cabaza, biscoito de noces, castañas cocidas e asadas.

A través do tacto: manipulando toda clase de froitos e elementos propios da estación: noces, avelás, castañas, cabazas de tódolos tipos e formas, mazás de tódalas cores, mandarinas, pinas, madeiros, cortizas, follas…

Actividades a desenvolver hai tantas como poidamos imaxinar, e as experiencias propostas deron para multitude delas, tanto programadas como improvisadas: trasvase de froitos, rastrelado de follas, cata de noces e castañas…etc

Así os máis pequenos/as desfrutaron rompendo e pisando as follas secas rodeados de cabazas e outros elementos, facendo mandalas  coas follas e as pedras O vento que nos acompañou estes días facía mecer as teas penduradas do teito do patio

Cos medianos fomos máis alá, pois preparámoslles unha mesa outonal con cortizas, pinas, mazás de diferentes cores e diferentes tipos de follas. Tamén desfrutaron do trasvase destes froitos, xogando coas texturas, coas formas, cos tamaños, enchendo e baleirando cestos de bimbú, caldeiros e carretillas, polo que traballo houbo dabondo!

Para tomar folgos degustamos dunhas mazás doces e doutras non tanto!

Para desconectar de tanta labor puxémoslles un recanto “zen” con madeiros e pedriñas diferentes para apilar  e camiños para percorrer.

Agochar elementos foi outra das actividades propostas pois tiveron que ir descubrindo diferentes elementos outonais que as educadoras foron agochando detrás de cortizas e madeiros. Todo un descubrimento!

Tamén se lles ofreceu un cestiño con cogumelos de diferentes tamaños e texturas o contacto con estes…foi un tanto peculiar!

Os máis grandiños tamén tiveron os seus obradoiros e xogos, disfrutaron coas carretillas de aquí para aló, rastrelando as follas que o vento non paraba de arrancar! Vai ser cousa de nunca acabar! e, para repoñer forzas xantamos un biscoito de cabaza

Unha compañeira levou ourizos de castaña e foi todo un esforzo tratar de aplastalos e sacarlles proveito!

Convidade aos nenos e nenas a desgranar unha mazorca; a arrancar as pipas a un xirasol; a facer xogo heurístico con estes produtos; a crear un cordón otoñal con eles; a observar o ciclo da castaña…é toda unha experiencia!.

O dito: “o outono unha estación para os cinco sentidos” . Neste vídeo amosamos como quedou organizado o espazo cos distintos materiais.

 

Un contexto de infancia: O ESPAZO EXTERIOR

Ao longo deste curso 2020-21 e ante a situación epidemiolóxica na que nos vemos  inmersas/os, queremos acompañarvos cunha serie de achegas sobre o emprego dos espazos exteriores, que vai ter que ser o noso espazo prioritario de acción educativa.

A concepción do espazo exterior en moitas ocasións estaba relegada a certos momentos da xornada e ao cumprimento de certas condicións metereolóxicas que permitisen, segundo o noso criterio o emprego do mesmo.

Na situación que nos atopamos agora mesmo esta concepción debe cambiar imperativamente debido á necesidade de que esteamos a maior parte do tempo no espazo exterior das nosas escolas desenvolvendo as nosas propostas educativas neste escenario de aprendizaxe. Por iso, é preciso trocar nalgún caso a perspectiva que temos sobre o exterior da propia escola e, noutros casos, ir enriquecendo as propostas do mesmo para desenvolver a nosa proposta pedagóxica de centro.

Isto implicaría sacar todos os momentos ao exterior, cando sexa posible. Podendo desenvolver calquera momento coas nenas e nenos neste espazo (momento de xogo, momento de comedor, momento de cambio, momento de descanso, …).

Esta concepción de que é posible extrapolar a acción educativa ao exterior é preciso de ser valorada en cada contexto polas posibilidades e/ou limitacións que cada escola poida ter. 

Outro dos elementos necesarios de facer partícipes da nosa acción educativa son as familias. As cales, coma sempre, terán que estar informadas desta proposta pedagóxica que poderemos ir desenvolvendo ao longo do curso, tendo como núcleo principal o espazo exterior da nosa escola, trasladando os seus beneficios, non soamente para o momento circunstancial que nos toca vivir se non a nivel xenérico para o desenvolvemento saudable das pequenas e pequenos. 

Sempre temos certos límites (reticencias) á hora de empregar este espazo en función da situación meteorolóxica na que nos atopemos e establecer fórmulas que nos permitan o desfrute do exterior como eixe principal da nosa acción pedagóxica coas nenas e nenos da escola. Imos cada ano facéndonos máis conscientes da prioridade do emprego do exterior na escola e da necesidade primordial de estar os pequenos o maior tempo posible neste espazo. Por iso, é preciso informar ás familias e incorporar á dotación de recursos das pequenas roupa de abrigo, calzado de exterior, roupa de auga,… que nos permita o aproveitamento máximo das nosas infraestruturas de exterior. 

Xogar ao aire libre aporta multitude de beneficios para o desenvolvemento  e saúde  integral da persoa, ademáis de proporcionar grandes posibilidades de exploración e aprendizaxe a todos os niveis. Resaltar que no exterior é máis fácil manter as distancias de seguridade, xa que as infeccións transmítense con máis dificultade e o contacto co aire e o sol fortalece as defensas, polo tanto constitúen espazos máis seguros que a propia aula.

De acordo coa observación que veñen realizando as/os grandes pedagogas/os, mestras/es ao longo da historia de pedagoxía, escribindo e describindo que o ser humano ten unha predisposición xenética cara ao mundo natural. Isto implica unha diversidade de aspectos no proceso de desenvolvemento do ser humano que dende xa hai máis de 20 anos a ciencia vén confirmando. As evidencias científicas realizadas mediante probas obxectivas e investigacións de como funciona o noso cerebro como as repercusións no noso desenvolvemento, veñen a certificar estas intuicións iniciais, así como as interacións e interdependencias existentes entre as súas diferentes funcións e os organismos que nos conforman a nivel físico, psíquico e social. 

Recollendo as evidencias que os científicos levan informando e divulgando neste últimos anos é preciso poñer o foco máis que nunca nestas primeiras idades e a súa necesidade de estar no espazo exterior e en contacto coa natureza.  Se non traballamos cara a esta dirección, os expertos xa veñen avisando/alertando, prodúcese unha afectación na saúde integral do ser humano (no sistema nervioso; nos cambios neurolóxicos; nas conexións neuronales; no equilibrio e re-equilibrio psíquico, psicolóxico, físico, social;…).

A posibilidade de que as nenas e nenos estean no exterior suporá unha potenciación das súas capacidades e unha activación dos mecanismos neurolóxicos e fisiolóxicos que fan que a pequena ou pequeno estea nun estado de sintonía consigo mesma/o (a natureza adáptase aos diferentes momentos madurativos e á diversidade dos mesmos) e co que lle rodea, o que inflúe cientificamente nun desenvolvemento saudable. 

Citamos algúns dos beneficios nos pequenos e pequenas:

  • Incrementa o benestar e mellora o estado de ánimo.
  • Fortalece o sistema inmunolóxico e incrementa as defensas
  • Reduce a ansiedade e o estrés (menos cortisol).
  • Mellora a capacidade cognitiva e dos procesos atencionais e a concentración.
  • Facilita unha aprendizaxe directa, empírica e autónoma (capacidade de observación e experimentación -método científico -).
  • Aumenta a confianza, autoestima e as habilidades sociais (capacidade de negociación co medio e cos outros, descubrimento das posibilidades e límites, empatía, solidariedade, compaixón, participación, colaboración,…).
  • Potencia o xogo simbólico e proporciona actividades menos estruturadas que facilitan a imaxinación e a creatividade 
  • Potencia a curiosidade como eixe motivacional para a aprendizaxe.
  • Mellora as habilidades motoras.
  • A través das accións físicas mellórase a capacidade cognitiva (xera endorfinas, disposición para a aprendizaxe a través de activar os procesos de concentración-atención,…).
  • A actividade física en espazos exteriores e naturais prevén o sobrepeso.
  • Aumenta a vitalidade xeral do neno/a.
  • Proporciona grandes posibilidades de exploración e movemento que axudan a que aprendan do mundo que lles rodea (capacidade nos procesos de aprendizaxe).
  • Activa os sentidos e desenvolve as súas habilidades perceptivas, grazas a multitude de estímulos que se poden atopar.
  • Sincroniza o estado físico coa acción motivada que vai desenvolver.

Non debemos esquecer que, ao igual que os espazos interiores, os espazos exteriores precisan de planificación, espazos versátiles e coidados que ofrezan diversas e múltiples posibilidades. Para esta planificación centrada no xogo pensada para os diferentes momentos madurativos e nos biorritmos individuais das pequenas e pequenos (momento de xantar, descanso, hixiene, …) iremos facilitando, a través do blog e das vosas achegas, propostas que  axuden a mellorar, enriquecer, crear,… diferentes zonas e ambientes de xogo.

Los espacios exteriores de la escuela son recursos educativos en potencia. Entre otras cosas son lugares privilegiados de contacto entre el centro educativo y el territorio, el social y el natural” .Penny Ritscher.

Enlaces web de interese: