Categoría: RECURSOS

Nova andaina dos Centros de Recursos da Rede de Escolas Infantís de Galicia, dependentes do Consorcio Galego de servizos de Igualdade e Benestar.

IMG_1060-1Os Centros de Recursos comezaron a súa andaina neste curso escolar. Trátase dun proxecto que busca achegar recursos educativos ás escolas e aos seus profesionais. As escolas de Ourense Barrocás, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo, Viana do Bolo, Ferrol, Silleda e Culleredo O Burgo, convírtense nos centros neurálxicos para a xestión do acceso a estes recursos, estando adscritas a eles todas as escolas de xestión directa da nosa rede.

É a través do sistema de xestión Kóha, e tras darse de alta e rexistrarse como usuarios, que se pode acceder ao catálogo público cos recursos existentes na actualidade.

O fondo bibliográfico consta de 50 títulos de recente publicación abordando diversas temáticas sobre o 0-3, tales como: psicomotricidade, movemento, xogo, psicoloxía, atención á diversidade, pedagoxía, historia da educación, etc. que pretenden contribuír ao coñecemento de investigacións, estudios, e experiencias sobre esta etapa da infancia. Deste xeito, as e os profesionais do 0-3, poden debater, desenvolver, reflexionar, compartir ou avaliar a propia práctica educativa diaria, e as necesidades educativas dos nenos e familias, sempre dun xeito respectuoso, crítico e responsable coa infancia en xeral, e estendendo as boas prácticas á sociedade no seu conxunto, unha sociedade cada vez máis informada e esixente coas necesidades e o coidado da infancia.

Agardamos que estes recursos se poidan seguir actualizando e implementando co tempo, para así favorecer a súa difusión, en aras de procurar unha aprendizaxe máis autónoma, capaz e satisfactoria cos nenos e as súas familias.

RELADEI, unha revista científica de educación infantil. Último número.

RELADEI (Revista Latinoamericana de Educación Innfantil), é unha revista científica en formato electrónico que se publica cuadrimestralmente, e é coordinada desde Santiago de Compostela e editada polo Instituto Latinoamericano de Estudios sobre a Infancia (ILADEI) http://iladei.net/.

Nesta ligazón http://redaberta.usc.es/reladei/index.php/reladei accédese publicamente a ela, coas opcións de lectura en castelán, inglés, portugués e italiano.

Presenta unha selección de contidos moi valiosos asinados por autores recoñecidos no mundo da educación infantil internacional.

Nesta ocasión o último número é un monográfico sobre “Espacios e tempos na Educación Infantil”, coordinado por Lina Iglesias e Quinto Borghi, con reflexións moi interesantes de María Antonia Riera Jaume, Clara Eslava Cabanellas, cunha presentación de experiencias de Ángeles Abelleira Bardanca e recensións de Javier Abad Molina entre outros.

Recomendamos a súa lectura.