Categoría: CONSTRUÍNDO ESCOLA

Natureza humana vs. Tecnoloxía II.

Como teñen que ser estes tempos de afectos, de interaccións afectivas, para asegurar a construción dos vínculos e o seu benestar?

 

A esta pregunta hai unha resposta moi clara, dende a etoloxía, a neuroloxía, a psicoloxía, a pedagoxía, a socioloxía, a antropoloxía, a medicina, a cultura, …, a educación que é a nosa condición natural como especie animal mamífera.

 

A importancia do que, como, para que, porqué, cando, …, o facemos, ten unha transcendia sen paragón, en relación con outras etapas do desenvolvemento dun ser humano. Por iso, a importancia de destacar, sempre, o traballo conxunto e coordinado coas familias, como primeiro axente socioafectivo da nena ou neno e o noso propio traballo no ámbito relacional socioafectivo dentro da escola infantil. Aí sempre ten que estar o foco do que facemos.

 

Partindo deste eixe común, vémonos na obriga de analizar a situación que estamos a vivir nestes últimos anos e concretamente neste último ano. A situación pandémica acelereu situacións que estaban no horizonte e que nese camiño poderíamos ir modulado para protexer a esta primeira infancia do uso das novas tecnoloxías. Xa levan moito tempo con nós e o avance tecnolóxico nesta última década achegou novos formatos cada vez máis accesibles para a infancia.

 

A ciencia xa avisa das contraindicacións destas ferramentas para estas primeiras idades e as súas repercusións que claramente os perxudican gravemente no proceso de apego e as interaccións afectivas. A persoa ou persoas de referencia afectiva teñen unha maior ocupación do seu tempo no uso a través das novas tecnoloxías e unha menor dispoñibilidade de tempo de interacción cos pequenos. Como empregamos o tempo é o que nos di a que lle estamos a dar importancia.

 

Ademáis, hai moitas circunstancias que incitan a dar acceso a estas novas tecnoloxías as nenas e nenos dende que teñen meses de idade, nalgunhas ocasións. Pasando a ser o rol desta ferramentas o de entreter as nenas e nenos cando a familia non pode facerse cargo de prestarlle atención, por motivos laborais (outras persoas que se fan cargo das pequenas/os, teletraballo, …) ou por outros motivos diferentes

 

Evidénciase, en certa maneira, o rol que están tomando estas ferramentas como “coidadoras” da primeira infancia. Esta situación implica ter un recurso moi cómodo para o adulto, para que a nena ou neno esté atento e concentrado nos contidos que lle propón esta ferramenta.

 

Un dos aspectos a salientar son os espazos e tempos de “soidade”, a través dos cales o bebé vai conseguindo unha autorregulación psicosomática, a integración e procesamento das súas vivencias (o seu corpo coa súa psique), así como os estímulos internos e externos. Un espazo de desvinculación e ensimismamiento. Hoxe en día, nalgúns casos e situacións, estes momentos tan necesarios para o desenvolvemento acaban invadidos porque lle poñemos diante o móbil, a tablet ou TV que o manteñen entretido e estimulado, “sine die”.

 

Tamén se emprega  no momento da xantar para que estea concentrada/o e ensimismado con estes dispositivos e suprimir os momentos de conflicto relacionados coa comida  (non quere comer porque non ten fame, porque non lle gusta, porque quere ir xogar, …). A nena ou neno non está sendo consciente do momento e da dinámica que está vivir porque está concentrada/o no dispositivo. Ademais, evítanse ter situacións, tan necesarias, como vivir o conflicto e a súa resolución, tanto para os nenos e nenas como para a familia, de cara escoitar e comprender ao outro. Esta é unha das partes máis importantes da aprendizaxe de vínculo relacional (posibilidades, limitacións, imitación de pautas de conducta, manexo da frustración, …)

 

A ciencia nos avisa e organimos internacionais informan de limitar de maneira absoluta os tempos de contacto con estes dispositivos tecnolóxicos durante os 2 primeiros anos de idade, modular de xeito moi esporádico e moi mínimo o contacto posterior.

 

Temos, máis que nunca, que poñer o foco na relación recíproca dos humanos, a bidireccionalidade é fundamental na construción do sí mesmo como un ser con consciencia do que lle rodea e a identidade propia, cuestión que a pantalla e/ou androide deteriora nestas primeiras idades. Faltan os esenciais (o sorriso, o enfado, a tristeza, a ledicia, o asco, o medo, a confianza, a seguridade, …, a pel emocional) que residen exclusivamente na interacción afectiva dos seres humanos, algo imprescindible, sempre, nestas primeiras etapas de desenvolvemento do ser humano.

 

Polo tanto, as eivas nestas primeiras idades teñen un perxuizo clave na formación dos elementos primarios do desenvolvemento dun ser humano e todo o que non é saúde é enfermidade: “A saude é un estado de perfecto (completo) benestar físico, mental e social, e non só a ausencia de enfermidade” (definción de saúde según a OMS).

 

Así nós, como escola infantil, temos unha gran responsabilidade de facer coñecedores ás familias do perxuizo que sería dar acceso nestes primeiros 3 anos de idade a estes dispositivos, facendo o contrapeso coa ponteciación de aqueles contextos que sí sabemos que son saudables para o desenvolmento das capacidades nestas primeiras idades: o ambiente natural, a relación e interrelación coa natureza (entendendo as relacións humanas como eixe relacional, acompañante e mediador desta relación e interrelación), o material natural, a flora e fauna que nos acompaña.

 

A continuación poñemos a vosa disposición unha serie vídeos e ligazóns, tanto de artigos, como comunicados de organismos internacionais e científicos que evidencian o perxuizo destas ferramentas para un desenvolvemento natural das nosas capacidades e as problemáticas de que isto non aconteza así.

  • webgrafía:

Recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) sobre o tempo que os nenos pequenos poden pasar vendo a tele ou xogando co teléfono.

https://news.un.org/es/story/2019/04/1454801

Os mitos sobre o uso das novas tecnoloxías a exame. Entrevista a Catherine L’Ecouyer.

https://www.unav.edu/web/vida-universitaria/noticia-pestanas6/2019/04/26/los-mitos-sobre-el-uso-de-nuevas-tecnologias-en-la-primera-infancia-a-examen?articleId=21598690

Influenza das novas tecnoloxías na estructuración do psiquismo. Grupo de psicoterapia psicoanálítica e adolescencia do Colexio oficial de psicólogos de Alicante.

https://www.cop-cv.org/db/areas/171212172855rKyvkerBbF.pdf

Adición ás novas tecnoloxías nos nenos/as

https://enfamilia.aeped.es/vida-sana/adiccion-nuevas-tecnologias-en-ninos

Como afectan as novas tecnoloxías dixitais á familia

https://epce.blogs.uoc.edu/ca/noves-tecnologies-digitals-familia/

 

 

Natureza humana vs. Tecnoloxía I.

 

 

Neste momento que estamos a vivir apareceu unha necesidade (que sempre estivo aí) do medio natural. Esta pandemia empuxounos a saír moito máis ao exterior nas escolas, a facer a escola fóra,  no xardín, no patio, … Alí comemos, descansamos, cambiamos o cueiro, xogamos, estamos, somos e VIVIMOS.

 

Vivimos as relacións entre os iguais, con nós, cos materiais naturais, coa flora, coa fauna que vive na herba, nas árbores, na terra. Sempre coa meteroloxía como testigo e como modulador do que acontece. Sentimos o aire, a auga, a terra … Estamos en contacto cos elementos fundamentais da VIDA. Contexto multiplicador de relacións e aprendizaxes, de múltiples intelixencias e capacidades, de respecto polos ritmos e tempos de cada un. A natureza axústase á individualidade e forma conxuntos de sorpresas, curiosidades, efectos dominó da emoción de coñecer e aprender.

 

Como vimos facendo ao longo deste curso é moi importante manter e enriquecer esa relación e a vivencia coa natureza, eixes fundamentais da educación saudable que debemos fomentar, potenciar e promover. Como educadoras, somos referentes para as familias ao respecto de indicarlles coas nosas accións a importancia do contacto das crianzas co medio natural.

 

Dándolle unha volta ao concepto, imos aproveitar para falar da natureza humana e relacional en sincronía co medio esencial para dar resposta as necesidades básicas da infancia. Diferentes experimentos realizados sobre o apego e a vinculación afectiva, veñen a demostrar que na naturaleza humana o establecemento de vínculos afectivos estables e continuados coas persoas de referencia son básicos para construír o resto das capacidades humanas e permitir un desenvolvemento saudable

A maduración e o desenvolvemento saudable só ten senso dende o apego. Calquera alteración significativa neste proceso supón deixar desprotexidos á/ao nosa/o bebé, sen o alimento afectivo, que é o alimento esencial. A inanición deste alimento supón dunha eiva fundamental no seu desenvolvemento madurativo. O hospitalismo (Rene Spizté unha proba que deixa ben as claras a necesidade esencial de este aspecto para seguír madurando e crecendo saudablemente. A ausencia implica trastornos e/ou patoloxías que perxudican gravemente a saúde da pequena ou do pequeño (Experiencias de Harry Harlow.)

 

A chave do desenvolvemento nestas primeiras idades é o de vincularse para a construción do desenvolvemento psíquico. Sen vínculos non hai desenvolvemento. Polo tanto, a vinculación dependerá da capacidade que teña o adulto que fai as funcións de maternaxe para dar resposta axeitada ás suas necesidades.

 

O tempo que empregamos os adultos que somos de referencia para os nenos, en estar dispoñibles nas diversas interaccións con eles e a implicación na mediación, acompañamento e sostén dos mesmos, son elementos chave para que os pequenos vaian madurando a través da alimentación afectiva do apego. Os nenos necesitan sentir a seguridade e confianza de estar protexidos.

 

CONTINUARÁ…

 

 

Proxectos Voz natura

A través dos Proxectos de Voz Natura  presentados en anteriores edicións algunhas escolas da Rede foron conseguindo mellorar os espazos exteriores da escola e enriquecer a súa proposta pedagóxica. Compartimos unha pequena mostradalgún destes proxectos.

ESCOLA INFANTIL DE MEIRA

Fai uns anos decidimos participar no proxecto de Voz Natura a través do noso propio proxecto Verdegal. Foi todo un reto pensar en cómo podíamos traballar a sostenibilidade,  crear novos espazos, elexir os materiais e recursos, como repartir as tarefas e o mantementos destes espazos, a implicación das familias… pero estábamos convencidas de que o terreo co que contaba a escola, e que daquela estaba en desuso, podía converterse nun espazo de coñecemento onde os ritmos e o paso das estacións estiveran presentes.

Desexábamos que as plantas, as árbores froiteiras e os pequenos animais estiveran ao alcance dos nenos e nenas, porque consideramos que só se pode querer e respectar o que se coñece ;  observar  os cambios que producen co paso das  estacións e poder vivilos en directo, é unha das aprendizaxes máis significativas que lles podemos ofrecer ás nosas crianzas, non esquezamos a teoría do asombro, as facianas das pequenas e pequenos así nolo recordan cada día cando saímos ao noso horto e observamos todos os cambios que nel se producen. É un espazo vivo que está en constante muda, sempre nos sorprende: aparecen e desaparecen elementos cos que non contábamos.

Os comezos foron difíciles pero  puxémonos mans a obra, empezamos por mover a terra (veu arar o tractor do Concello), e  fechamos cun valado  a  parte que nos faltaba, logo fixemos uns bancais para poñer o horto e fomos plantando árbores frutais mercados en comercio de proximidade, esta proximidade nos facilitou o asesoramento  nas terefas de horticultura, a implicación  das familias servíu de gran axuda, algunhas  aportaron traballo e coñecementos, outras mesmo plantas  e produtos varios.

Neste espazo preparamos diferentes recantos: espiral de aromáticas, espantallo, estación metereolóxica, bancais para cultivos, circuíto do equilibrio, rincón da fantasía (poboado en miniatude) e mesmo rincón de descanso do educador (lecer, reflexión…).

Progresivamente estes espazos  se foron enchendo de significado, onde cada día podíamos realizar e xogar a cousas diferentes: rastrelar a terra,  rega, quitar  as malas herbas, podar,  recoller diferentes cultivos, experimentar e xogar…!  Ao mesmo tempo que se foi  facilitando que  cada neno e cada nena atopara o seu lugar.

 

 

Destacar que o persoal de Voz Natura está para orientar e asesorar ademáis de vixiar e comprobar os proxectos nos que participan, trátase dun equipo de profesionais que sempre están a aclarar dúbidas e facilitan moito o traballo, tanto a nivel de administración (facturas, proxecto inicial, memoria final…) como a nivel persoal, xa que nas súas visitas sempre nos deixan con moi bo sabor de boca e con gañas de seguir traballando en ecolóxico e en contacto coa natureza

 ESCOLA INFANTIL DE GONDOMAR

Na escola dispoñiamos dun espazo exterior na entrada do recinto da centro que estaba inutilizado. Fai anos desenvolvimos un proxecto para crear un horto nesta zona e darlle unha utilidade educativa. Dende esta escola entendemos que os proxectos adquiren pleno sentido cando se traballa de forma conxunta con toda a comunidade escolar, como por este espazo as familias pasan preto tosos os días, resultaba sinxelo implicalos a  motivar a participación  do coidado do horto

As actividades que inicialmente nos plantexamos foron :

– Preparar a terra e acondicionala para poder darrle o uso de horto

– Nos meses de marzo/abril aproveitar para sacar a terra e abonala.

-Preparar as sementeiras

-Plantar ou sementar diversas plantas e cultivos

-Elaborar comidas coa colaboración dos nenos/as a partir dos cultivos recolectados na horta

As familias contan con pulverizadores, regadeiras… que usan seguindo os criterios establecidos de coidado, aproveitando a saída e entrada na escola.

Co grupo de 2-3 anos faranse quendas de pequeno grupo (4/5 nenos/as) para ir ó horto, quitar as malas herbas, recoller os froitos…

Tamén nos plantexamos  facer abono orgánico natural con todos os nenos e nenas da escola utilizando mondas das patacas, cáscara de ovo,… levando de forma organizada estes restos para o recipiente que temos no horto cheo de auga que serve de composteiro.

 

É posible a actividade nos espazos exteriores da escola no inverno ??

 

Unha nova estación peta na porta. O inverno. Baixas temperaturas, menos horas de sol, precipitacións, … Son tempos de abrigarse, tempos onde a nosa cultura do sur de Europa cunha climatoloxía determinada foi incrustando un xeito de ver o frío, a chuvia, … , como unha ameaza para a nosa saúde física. Así, as expresións seguintes son parte da nosa cultura popular:

  • ¡Abrígate que  vas coller  un catarro!

  • ¡Abrígate que vas ter unha bronquite!

  • ¡Non teñas os pés espidos que vas coller gripe!

  • ¡Seca o pelo que te vas acatarrar!….

Habería un montón de expresións que poderiades engadir do voso peculio familiar que indican unha cultura popular ben arragaida no que respecta as accións que os adultos facemos para protexer as pequenas e pequenos para non ter enfermidades infecto-contaxiosas. Seguramente, moitas de vós e de nós poñemos en práctica esta cultura popular coas nosas fillas e fillos por que as raigames fondas das nosas crenzas son moi difíciles de arrincar.

Sen embargo a cultura científica indícanos que o frío por si mesmo non fai que collamos unha gripe, un catarro, bronquite, ..., ou outras enfermidades víricas ou bacteriolóxicas. Estas enfermidades danse por contacto directo cunha superficie ou con outra persoa que fai de transmisor destes “pequenos bichiños” que fan que desenvolvamos a enfermidade

Así o explican nos seguintes vídeos estes dous pediatras:

Dra. Lucía Galán Bertrand, pediatra e socia fundadora e directora del centro médico Creciendo

Dr. Roi Piñeiro, Xefe de Pediatría do Hospital General de Villalba.

 

Estes dous extractos son soamente unha pequena achega de como é a relación entre os virus e bacterias e o frío. Neste período de pandemia hai un bombardeo contínuo de información de como funcionan os virus e o seu xeito de difundirse, como ben xa sabedes, así como da importancia do exterior e do ambiente natural no só para o desenvolvemento saudable potencial das capacidades das nenas en nenos se non para minimizar as enfermidades infecto-contaxiosas, sempre coa imprescindible protección adaptada a climatoloxía existente en cada momento.

A asociación española de pediatría ( AEP) apunta:

” A epidemioloxía do virus indícanos que hai un risco 20 veces maior de infección en ambientes interiores. De feito todas as evidencias científicas apoian que hai unha menor transmisión de enfermidades en entornos ao aire libre, a luz solar directa pode suprimir a enfermidade en superficies máis rapidamente, redúcense as aglomeracións e concentración de persoas nun mesmo espazo,  mellórase o benestar en xeral das persoas tanto nenos/as como adultos, a motricidade, a atención e, en xeral, a actitude cara as aprendizaxes

O que deixan ben as claras é que frío non é igual a gripe, catarro, …, se non as persoas doutras climatoloxías máis frías ca nosas estarían todos os días con arrefriados. O frío non é o culpable de que as pequenas e pequenos está enfermos.

É moito máis importante entender que:

  • Hai que abrigar correctamente aos nenos e nenas. No abrigalos nin por exceso nin por defecto.

  • A contaminación en interiores é maior por falta de ventilación, xa que as nenas e nenos ao estar en contacto con outros iguais facilitan o contaxio e difusión do virus. É preciso ventilar os espazos interiores e,  sobre todo, estar no espazo exterior sempre que sexa posible, para evitar as concentración de nenos e nenas que se producen no espazo interior.

  • Ter un sistema inmunolóxico forte é o elemento fundamental para resistir mellor a entrada de virus ou bacterias externas, a través dunha alimentación nutricional axeitada para cada momento do seu desenvolvemento, como por exemplo nos bebés coa leite materna.

Podes ampliar a túa información nas seguintes direccións web:

Como vedes, hai moita literatura científica e un consenso que conflúe en que o frío non causa infeccións (gripe, catarros, bronquite, …).

Tanto, agora que veñen as baixas temperaturas do inverno, como noutros momentos do ano o importante e saber abrigarnos e ter a roupa axeitada para estar no espazo máis potencialmente rico para a infancia que é o espazo exterior da nosa escola.

Nalgunhas escolas da nosa Rede xa levan anos comezando a poñer en valor o espazo exterior e natural na escola infantil. Veñen tamén traballando cos diferentes axentes do contorno e coas familias para comprender esta transcendencia do exterior no desenvolvemento saudable das nenas en nenos, sendo consciente de que as achegas doutros axentes pódenos axudar a comprender a importancia do contexto exterior. Como sabemos é preciso ir da man coas familias neste tipo de accións que as veces poden parecer estrañas aos ollos dalgunhas familias cando saímos ao patio un día que vai frío, un día chove un pouco, un día que houbo xeada, , … Por iso, é tan importante xerar canles de comunicación fluídos coas familias para este e outras temáticas sexan coñecidas por elas e que entendan o que, o como, o porque e o para que o facemos.

Por iso, é preciso establecer un proxecto no que se contemple tamén a acción compartida coas familias, a opinión do pediatra ao que habitualmente levan os seus nenos e nenas é moi importante para elas. Así por exemplo a Escola Infantil de Meira, solicituoulle á pediatra do seu centro de saúde a redacción dunha carta para enviarlle ás familias  que axudara a modificar os mitos e crenzas en relación ao frío, e facilitase a comprensión e concienciación do proxecto que leva adiante á escola dunha maior utilización dos espazos exteriores agora no inverno.

A carta enviada pola pediatra foi:

Estimadas familias:

A directora da escola Infantil púxose en contacto comigo, como profesional da saúde infantil, sobre o uso dos espazos exteriores nestas circunstancias que desgraciadamente nos tocou vivir, e  a  verdade é que, despois de revisar a súa proposta, non podo estar máis de acordo.

Dende el punto de vista científico está sobradamente demostrado que a transmisión dos diversos virus, e concretamente o que nos acecha, redúcese substancialmente neste tipo de espazos y por elo, sempre que sexa posible, se deben primar as actividades no ambiente exterior.

Algo que me parece fundamental aclarar é que os nenos no se acatarran por saír ao patio (o que acotío se di como que “colleu frío”), sinon que a transmisión do arrefriado, y de outros procesos infecciosos, se produce con moitísima máis facilidade nos locais fechados, lugares nos que o contacto físico é máis estreito e ademáis, ao haber menos ventilación, a tose e os esbirros dos acatarrados cargan o ambiente de virus en suspensión, que inhalan o resto de nenos ate entón sans. Con isto no quero dicir que se vaian evitar todo tipo de infeccións  respiratorias, e máxime tendo en conta a época do ano na que estamos e cara á que vamos, pero sí estou segura de que se reducirán. Os espazos abertos e a axeitada hixiene de mans son as medidas que resultan más úteis para frear os contaxios, sobre todo nos nenos de curta idade, nos que o resto de medidas recomendadas son, o imposibles de realizar (uso correcto de máscaras) ou moi  complicadas (distancia social).

Para rematar, simplemente lembrar que: todos os que formamos parte, dunha forma u outra, das vidas dos vosos pequenos, e en definitiva, tamén das vosas, entendemos e compartimos  as vosas preocupacións, as vosas dúbidas  e inquietudes. Non olvidedes que estamos aquí para axudarvos en todo o que estexa nas vosas mans.

Ánimo familias! Entre todos poderemos con isto!

 

Espazos exteriores dialogando co medio

Nesta nova achega invitámosvos a  ver e a escoitar (lista de reprodución de vídeos: Espazos exteriores: dialogando co medio”) pequenos extractos de diferentes realidades dos espazos exteriores das escolas infantís e a súas dinámicas:

  • Escola Infantil de Tui

  • Escola Bressol JMCéspedes

    • No primeiro dos vídeos, Do patio ao xardín, móstranos, a a evolución e transformación do seu patio exterior a un xardín onde os elementos naturais están moi presentes con plantas, flores, …, xerando un espazo de vida onde as sensacions, a motricidade, a estética buscan un equilibrio ambiental que modifican e nutren significativamente este espazo exterior como eixe da acción educativa.

    • No segundo,O espazo exterior: un educador máis.”, móstranos, neste pequeno video, un xardín que está deseñado como un espazo para o xogo e as relacións, na procura dun ambiente de benestar, saúde e aprendizaxe baseado nas necesidades e intereses dos nenos.

  • Escola Infantil Mendillori de Pamplona (documental: ¡Que grande es la Infancia!):

    • Extracto do documental, ¡Que grande es la Infancia!, que foi realizado a través da investigación na escola infantil Mendillori na que se narra a riqueza das linguaxes interactivas das nenas e nenos.

Se queredes saber máis sobre cada un destas escolas e/ou vídeos completos, tedes na descrición (debaixo do vídeo) enlaces para obter máis información.

 

Breves comunicacións sobre a importancia da interacción das/os nenas/os coa natureza e os espazos exteriores na escola infantil

Nesta nova achega invitámosvos a  ver e a escoitar (lista de reproducción de videos: “Breves comunicacións sobre a importancia  da interacción das/os nenas e nenos coa natureza e os espazos exteriores na escola infantil” ) pequenos extractos de persoeiros relacionados coa mundo da primeira infancia:

  • Álvaro Bilbao (neuropsicólogo)
  • Heike Freire (docente e investigadora)
  • José Martíns Filho (presidente da academia brasileira de pediatría)
  • Katia Hueso (bióloga)
  • Lucía Galán (pediatra)
  • Richard Louv (periodista especialista no trastorno do déficit da natureza)

Estas/es especialistas tocan temas como:

Se queredes saber máis sobre cada un destes referentes, tedes na descrición (debaixo do video) enlaces para obter máis información sobre elas/es e o seu traballo.

 

A quen tiña a infancia na voz

O día 2 de outubro haberá 10 anos que nos deixou Carlos Santos (técnico de atención educativa para quen nunca escoitara falar del), o proxecto da Rede de Escolas Infantís estaba nese momento nun proceso de cambio, estabamos nunha xornada de formación inicial (defendía con aínco a formación do profesorado e parecíalle fundamental dar a coñecer o proxecto da rede aos novos profesionais que se ían incorporando a ela), e foi Lois Ferradás, decano da facultade da USC naquel entón, mentor de moitos, quen se achegou a darnos a triste noticia; ao longo da xornada Isa enviaralle unha mensaxe de texto: “vai todo ben”, deulle tempo a que lla lerán como soubemos máis tarde, e a súa mensaxe reconfortouno nos seus últimos alentos.

É difícil non pensar de cando en vez, e máis agora nesta situación tan estraña que nos envolve a todas e todos, como sería a situación se estivera presente, estou segura que sobre moitas das cuestións que nos ocupan na actualidade matinaría algunha voltiña e intentaría atopar alternativas que reforzaran a importancia de garantir contextos de e para a infancia.

Co seu traballo, nun tempo curto porque non tivo oportunidade de máis, intentou por a semente dunha rede de escolas:

  • Que pensan na nena e neno como seres capaces de facer, respectando a súa autonomía, a súa curiosidade e a súa creatividade.

  • Abertas ás familias, que forman parte do proxecto educativo e onde a relación con elas ten o mesmo desexo: o benestar das súas cativas e cativos.

  • Que valoran o traballo en equipo, como unha forma de facer onde todo o equipo ten posibilidade de achegar ideas e propostas para mellorar e medrar no día a día.

  • Que participan e se integran na súa contorna, favorecendo as relacións cos concellos e aproveitando os recursos próximos como fonte de aprendizaxe para as crianzas e para os propios profesionais

E ao longo destes dez anos fomos regando dita semente, … na medida das nosas posibilidades, unhas con máis luz e auga se cabe ca outras, …

E seguimos nun proceso de construción, dunha forma de entender o ciclo 0–3 como unha etapa educativa en si mesma, intentando afastarnos da idea de garda e custodia das pequenas e pequenos pero tamén da idea de “canto antes mellor”, esforzándonos por defender unha etapa con identidade propia; a dos coidados.

Nun proceso de valorar a importancia da reflexión sobre o que estamos facendo, de documentar e avaliar as nosas propostas educativas para seguir mellorando no noso quefacer diario.

No percorrido deste proceso imos, pouco a pouco, recollendo o froito, este mes de setembro iamos falar sobre reflexionar os ambientes no 0–3 a outras e outros profesionais, un ambiente que intentamos que se caracterice por:

  • Devolver os tempos ás cativas e cativos, tempos para xogar, para medrar, para compartir experiencias, para rir e gozar cos seus iguais e cos seus adultos de referencia.

  • Asegurar o benestar das nenas e nenos.

  • Favorecer que as nenas e nenos teñan múltiples oportunidades de usar os seus sentidos aplicando as súas habilidades e destrezas físicas na exploración e manexo de obxectos do seu interese.

  • Ofrecer abundantes ocasións de utilizar e desenvolver as súas habilidades de movemento tanto no interior como no espazo exterior da escola.

Entre os moitos elementos a ter en conta para un ambiente de calidade está tamén o son, lembro que cando falabamos das visitas ás escolas, entre as súas preguntas estaba a de a que cheiraba a escola ou como era o seu ambiente acústico, consideraba importante ter en conta estes elementos a maiores doutros máis visibles como o exceso de decoración, a distribución dos espazos, a orde, ... a contaminación acústica é doada de evitar se o profesional ten claro o seu rol de acompañante, todo vai fiado, nada pode quedar á improvisación.

Compartimos coa rede este pequeno vídeo dunha infancia sonora, o son que pensamos lle gustaría ao noso compañeiro que reinara nas nosas escolas.


Un pequeno agasallo que sostén detrás o traballo en equipo das compañeiras e compañeiros da escola.                                                                   

                                                                                                   Cristina LLInares Francisco

        Na elaboración do video participou todo o equipo da Escola infantil de Vigo Valadares e foi editado por Iria Costa Ruíz.                                                                                            

Un contexto de infancia: O ESPAZO EXTERIOR

Ao longo deste curso 2020-21 e ante a situación epidemiolóxica na que nos vemos  inmersas/os, queremos acompañarvos cunha serie de achegas sobre o emprego dos espazos exteriores, que vai ter que ser o noso espazo prioritario de acción educativa.

A concepción do espazo exterior en moitas ocasións estaba relegada a certos momentos da xornada e ao cumprimento de certas condicións metereolóxicas que permitisen, segundo o noso criterio o emprego do mesmo.

Na situación que nos atopamos agora mesmo esta concepción debe cambiar imperativamente debido á necesidade de que esteamos a maior parte do tempo no espazo exterior das nosas escolas desenvolvendo as nosas propostas educativas neste escenario de aprendizaxe. Por iso, é preciso trocar nalgún caso a perspectiva que temos sobre o exterior da propia escola e, noutros casos, ir enriquecendo as propostas do mesmo para desenvolver a nosa proposta pedagóxica de centro.

Isto implicaría sacar todos os momentos ao exterior, cando sexa posible. Podendo desenvolver calquera momento coas nenas e nenos neste espazo (momento de xogo, momento de comedor, momento de cambio, momento de descanso, …).

Esta concepción de que é posible extrapolar a acción educativa ao exterior é preciso de ser valorada en cada contexto polas posibilidades e/ou limitacións que cada escola poida ter. 

Outro dos elementos necesarios de facer partícipes da nosa acción educativa son as familias. As cales, coma sempre, terán que estar informadas desta proposta pedagóxica que poderemos ir desenvolvendo ao longo do curso, tendo como núcleo principal o espazo exterior da nosa escola, trasladando os seus beneficios, non soamente para o momento circunstancial que nos toca vivir se non a nivel xenérico para o desenvolvemento saudable das pequenas e pequenos. 

Sempre temos certos límites (reticencias) á hora de empregar este espazo en función da situación meteorolóxica na que nos atopemos e establecer fórmulas que nos permitan o desfrute do exterior como eixe principal da nosa acción pedagóxica coas nenas e nenos da escola. Imos cada ano facéndonos máis conscientes da prioridade do emprego do exterior na escola e da necesidade primordial de estar os pequenos o maior tempo posible neste espazo. Por iso, é preciso informar ás familias e incorporar á dotación de recursos das pequenas roupa de abrigo, calzado de exterior, roupa de auga,… que nos permita o aproveitamento máximo das nosas infraestruturas de exterior. 

Xogar ao aire libre aporta multitude de beneficios para o desenvolvemento  e saúde  integral da persoa, ademáis de proporcionar grandes posibilidades de exploración e aprendizaxe a todos os niveis. Resaltar que no exterior é máis fácil manter as distancias de seguridade, xa que as infeccións transmítense con máis dificultade e o contacto co aire e o sol fortalece as defensas, polo tanto constitúen espazos máis seguros que a propia aula.

De acordo coa observación que veñen realizando as/os grandes pedagogas/os, mestras/es ao longo da historia de pedagoxía, escribindo e describindo que o ser humano ten unha predisposición xenética cara ao mundo natural. Isto implica unha diversidade de aspectos no proceso de desenvolvemento do ser humano que dende xa hai máis de 20 anos a ciencia vén confirmando. As evidencias científicas realizadas mediante probas obxectivas e investigacións de como funciona o noso cerebro como as repercusións no noso desenvolvemento, veñen a certificar estas intuicións iniciais, así como as interacións e interdependencias existentes entre as súas diferentes funcións e os organismos que nos conforman a nivel físico, psíquico e social. 

Recollendo as evidencias que os científicos levan informando e divulgando neste últimos anos é preciso poñer o foco máis que nunca nestas primeiras idades e a súa necesidade de estar no espazo exterior e en contacto coa natureza.  Se non traballamos cara a esta dirección, os expertos xa veñen avisando/alertando, prodúcese unha afectación na saúde integral do ser humano (no sistema nervioso; nos cambios neurolóxicos; nas conexións neuronales; no equilibrio e re-equilibrio psíquico, psicolóxico, físico, social;…).

A posibilidade de que as nenas e nenos estean no exterior suporá unha potenciación das súas capacidades e unha activación dos mecanismos neurolóxicos e fisiolóxicos que fan que a pequena ou pequeno estea nun estado de sintonía consigo mesma/o (a natureza adáptase aos diferentes momentos madurativos e á diversidade dos mesmos) e co que lle rodea, o que inflúe cientificamente nun desenvolvemento saudable. 

Citamos algúns dos beneficios nos pequenos e pequenas:

  • Incrementa o benestar e mellora o estado de ánimo.
  • Fortalece o sistema inmunolóxico e incrementa as defensas
  • Reduce a ansiedade e o estrés (menos cortisol).
  • Mellora a capacidade cognitiva e dos procesos atencionais e a concentración.
  • Facilita unha aprendizaxe directa, empírica e autónoma (capacidade de observación e experimentación -método científico -).
  • Aumenta a confianza, autoestima e as habilidades sociais (capacidade de negociación co medio e cos outros, descubrimento das posibilidades e límites, empatía, solidariedade, compaixón, participación, colaboración,…).
  • Potencia o xogo simbólico e proporciona actividades menos estruturadas que facilitan a imaxinación e a creatividade 
  • Potencia a curiosidade como eixe motivacional para a aprendizaxe.
  • Mellora as habilidades motoras.
  • A través das accións físicas mellórase a capacidade cognitiva (xera endorfinas, disposición para a aprendizaxe a través de activar os procesos de concentración-atención,…).
  • A actividade física en espazos exteriores e naturais prevén o sobrepeso.
  • Aumenta a vitalidade xeral do neno/a.
  • Proporciona grandes posibilidades de exploración e movemento que axudan a que aprendan do mundo que lles rodea (capacidade nos procesos de aprendizaxe).
  • Activa os sentidos e desenvolve as súas habilidades perceptivas, grazas a multitude de estímulos que se poden atopar.
  • Sincroniza o estado físico coa acción motivada que vai desenvolver.

Non debemos esquecer que, ao igual que os espazos interiores, os espazos exteriores precisan de planificación, espazos versátiles e coidados que ofrezan diversas e múltiples posibilidades. Para esta planificación centrada no xogo pensada para os diferentes momentos madurativos e nos biorritmos individuais das pequenas e pequenos (momento de xantar, descanso, hixiene, …) iremos facilitando, a través do blog e das vosas achegas, propostas que  axuden a mellorar, enriquecer, crear,… diferentes zonas e ambientes de xogo.

Los espacios exteriores de la escuela son recursos educativos en potencia. Entre otras cosas son lugares privilegiados de contacto entre el centro educativo y el territorio, el social y el natural” .Penny Ritscher.

Enlaces web de interese:

 

A EDUCACIÓN FEITA POESÍA

A poesía é un arte que vai máis alá de proporcionarnos beleza e un sentido estético a través da palabra, sírvenos para que a través dela vexamos, rescatemos ou nomeemos aspectos diversos do sentir, dos soños, da realidade. A poesía busca cuestionar a verdade e os seus problemas a través da emoción da vida.

A poesía é unha maneira de expresión pero tamén de reflexión, moitas veces xurde o debate de si a educación é unha “ciencia” ou é un “arte”, como “arte” a linguaxe poética é unha das mellores formas de transmitir o noso quefacer diario.

Por unha idea de neno
Por unha idea de neno rico,
na encrucillada do posible,
que está no presente
e que trasforma o presente no futuro.
Por unha idea de neno activo,
guiado, na experiencia,
por esa extraordinaria especie de curiosidade
que se viste de desexo e de pracer.
Por unha idea de neno forte,
que desdeña que a propia identidade
sexa permutada coa do adulto
para ofrecela, en cambio, aos xogos de cooperación.
Por unha idea de neno sociable,
capaz de atoparse e enfrontarse
cos outros nenos
para construír novos puntos de vista e novos coñecementos.
Por unha idea de neno competente,
artesán da propia experiencia
e do propio saber
preto de e xunto ao adulto.
Por unha idea de neno curioso,
que aprende a coñecer e a entender
non porque renuncie, senón porque nunca deixa
de abrirse ao sentido do estupor e a marabilla.

Aldo Fortunati

(máis…)

A FOTOGRAFÍA COMO DOCUMENTACIÓN NARRATIVA

Nunha entrada anterior falabamos da observación como estratexia fundamental para poder avaliar os procesos de aprendizaxe que se dan nas nosas escolas. Para que esta observación sexa enriquecedora é necesario empregar ferramentas que nos axuden a recompilar os datos do xeito máis obxectivo posible.

A documentación fotográfica debe ser unha oportunidade de narración, as imaxes tomadas pódennos contar, revelar, encontrar, capturar, contaxiar ideas, pensamentos, accións, supón conservar a memoria do vivido, sentido, experimentado,…

A cámara de fotos constitúe unha grande retina capaz de captar imaxes e retelas, facilitando a súa visualización unha e outra vez por diferentes persoas que achegan significados e opinións con diferentes puntos de vista que nos axudan a describir a realidade.

escola-infantil-de-gondomar2

  • A imaxe amósanos unhas nenas e nenos competentes, capaces e seguros, dentro dun contexto que estimula e potencia a súa creatividade.
  • A actividade desenvólvese ao aire libre, o grupo de nenas e nenos atópanse con material variado  para desenvolver a súa imaxinación,
  • Son libres para explorar, experimentar e crear, ante a presenza do adulto, que exerce un rol de guía, nun segundo plano observando cada situación de aprendizaxe.
  • As crianzas son capaces de concentrarse no que están a facer, interésalles, gozan, estano a vivir, prodúcese unha aprendizaxe significativa. Significativa por desenvolverse nun contexto de socialización, de liberdade de movemento, de posibilidades de acción.

Con esta proposta a escola ten en conta varios aspectos recollidos no currículo;

  • Os nenos e nenas constrúen as súas aprendizaxes en interacción co medio. Dependendo da calidade da interacción que establezan co medio, así será a calidade da súa construción.
  • A organización dos espazos debe garantir a súa flexibilidade, é dicir, debe posibilitar que non todas as nenas e nenos fagan o mesmo ao mesmo tempo, e tamén debe permitir unha variedade de usos dos diferentes espazos ao longo da xornada e mesmo ao longo do curso.
  • Os espazos exteriores deberán ser obxecto do mesmo coidado e planificación que os interiores, explorando as diversas posibilidades de aprendizaxe e interacción que ofertan, sobre todo nuns momentos en que a actividade se desenvolve maioritariamente entre iguais, libre da carga dirixista do adulto.
  • Deberán propoñerse situacións educativas que ofrezan múltiples posibilidades de percibir, actuar, experimentar e descubrir, aproveitando, deste xeito, a capacidade das nenas e nenos de aprender a través dos sentidos, actuando, manipulando e experimentando con obxectos e materiais diversos.

A documentación sistematizada das propostas e actividades que os nenos e nenas realizan na escola infantil constitúe unha parte importante do noso traballo educativo. As experiencias recollidas en imaxes posibilitan unha análise e avaliación continuas de cada un, da calidade das propostas e da posición da educadora, á vez que permiten poder compartir o noso traballo, con inmediatez e axilidade, coas nosas compañeiras, familias e outros profesionais.

Equipo de traballo da Escola Infantil Haurtzaro.

Páxina seguinte »