Natureza humana vs. Tecnoloxía I.

 

 

Neste momento que estamos a vivir apareceu unha necesidade (que sempre estivo aí) do medio natural. Esta pandemia empuxounos a saír moito máis ao exterior nas escolas, a facer a escola fóra,  no xardín, no patio, … Alí comemos, descansamos, cambiamos o cueiro, xogamos, estamos, somos e VIVIMOS.

 

Vivimos as relacións entre os iguais, con nós, cos materiais naturais, coa flora, coa fauna que vive na herba, nas árbores, na terra. Sempre coa meteroloxía como testigo e como modulador do que acontece. Sentimos o aire, a auga, a terra … Estamos en contacto cos elementos fundamentais da VIDA. Contexto multiplicador de relacións e aprendizaxes, de múltiples intelixencias e capacidades, de respecto polos ritmos e tempos de cada un. A natureza axústase á individualidade e forma conxuntos de sorpresas, curiosidades, efectos dominó da emoción de coñecer e aprender.

 

Como vimos facendo ao longo deste curso é moi importante manter e enriquecer esa relación e a vivencia coa natureza, eixes fundamentais da educación saudable que debemos fomentar, potenciar e promover. Como educadoras, somos referentes para as familias ao respecto de indicarlles coas nosas accións a importancia do contacto das crianzas co medio natural.

 

Dándolle unha volta ao concepto, imos aproveitar para falar da natureza humana e relacional en sincronía co medio esencial para dar resposta as necesidades básicas da infancia. Diferentes experimentos realizados sobre o apego e a vinculación afectiva, veñen a demostrar que na naturaleza humana o establecemento de vínculos afectivos estables e continuados coas persoas de referencia son básicos para construír o resto das capacidades humanas e permitir un desenvolvemento saudable

A maduración e o desenvolvemento saudable só ten senso dende o apego. Calquera alteración significativa neste proceso supón deixar desprotexidos á/ao nosa/o bebé, sen o alimento afectivo, que é o alimento esencial. A inanición deste alimento supón dunha eiva fundamental no seu desenvolvemento madurativo. O hospitalismo (Rene Spizté unha proba que deixa ben as claras a necesidade esencial de este aspecto para seguír madurando e crecendo saudablemente. A ausencia implica trastornos e/ou patoloxías que perxudican gravemente a saúde da pequena ou do pequeño (Experiencias de Harry Harlow.)

 

A chave do desenvolvemento nestas primeiras idades é o de vincularse para a construción do desenvolvemento psíquico. Sen vínculos non hai desenvolvemento. Polo tanto, a vinculación dependerá da capacidade que teña o adulto que fai as funcións de maternaxe para dar resposta axeitada ás suas necesidades.

 

O tempo que empregamos os adultos que somos de referencia para os nenos, en estar dispoñibles nas diversas interaccións con eles e a implicación na mediación, acompañamento e sostén dos mesmos, son elementos chave para que os pequenos vaian madurando a través da alimentación afectiva do apego. Os nenos necesitan sentir a seguridade e confianza de estar protexidos.

 

CONTINUARÁ…

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *