Horta solidaria

A Escola Infantil de Fene Barallobre invítanos a coñecer a súa proposta de horta solidaria

Á nosa escola é aberta á comunidade educativa e participativa coas familias, concienciada no respecto ao medio ambiente, na reciclaxe e no traballo diario con elementos naturais do noso contorno próximo. Na escola fomentamos nas cativas e nos cativos actitudes de colaboración, respecto e cooperación, ademais de inicialos na interiorización do concepto de autoconsumo. Do mesmo xeito, dende a escola potenciamos a educación medio ambiental e para a saúde familiarizando ós nenos/as coa práctica de levar unha vida saudable, así como conciencialos na importancia da conservación do medio natural próximo.

Por este motivo, o equipo educativo da escola valoramos positivamente desenvolver esta proposta titulada “O Noso Horto Solidario”, xa que resulta imprescindible favorecer nas meniñas e nos meniños o coidado e o respecto á natureza, así como dar valor a empregar elementos naturais e reciclados de xeito cotiá que posibilitan a importancia dos recursos naturais.

O horto da escola está localizado nunha pequena parte do espazo exterior da escola enriquecendo deste modo a zona verde da mesma. Temos dous tipos de hortos; un horto vertical e outro horizontal. Ámbolos dous hortos están construídos con técnicas e materiais reciclados para a súa creación contamos coa colaboración do Proxecto de Voz Natura.

O horto vertical, realizouse aproveitando botellas e garrafas de auga, así como con botas de auga vellas proporcionadas polas/os cativas/os para colgalas no enreixado do patio e plantar diferentes plantas aromáticas como ourego, lavanda, tomiño e romeiro e cultivar amorodos, perexil, pementos e tomates “cherry”.

O horto horizontal, elaborouse reciclando palés decorados polas nenas e nenos. Xogando coas distintas formas de colocar os palés reutilizados cultivaremos leitugas, cenorias, tomates, repolos, coliflor, brócoli, cebolas e amorodos.

As nenas e os nenos realizan o procedemento de plantar os diferentes cultivos no horto en colaboración coas familias, sendo tamén os encargados do seu coidado e regado cotiá, así como da recollida da colleita. Do mesmo modo, fomentarase o coidado polo medio ambiente, realizando tarefas de recollida de lixo e plásticos no horto, e resto do patio.

Unha vez recolectado todo faise unha doazón á Cociña Económica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará