Arquivos mensuais: Xaneiro 2021

Horta solidaria

A Escola Infantil de Fene Barallobre invítanos a coñecer a súa proposta de horta solidaria

Á nosa escola é aberta á comunidade educativa e participativa coas familias, concienciada no respecto ao medio ambiente, na reciclaxe e no traballo diario con elementos naturais do noso contorno próximo. Na escola fomentamos nas cativas e nos cativos actitudes de colaboración, respecto e cooperación, ademais de inicialos na interiorización do concepto de autoconsumo. Do mesmo xeito, dende a escola potenciamos a educación medio ambiental e para a saúde familiarizando ós nenos/as coa práctica de levar unha vida saudable, así como conciencialos na importancia da conservación do medio natural próximo.

Por este motivo, o equipo educativo da escola valoramos positivamente desenvolver esta proposta titulada “O Noso Horto Solidario”, xa que resulta imprescindible favorecer nas meniñas e nos meniños o coidado e o respecto á natureza, así como dar valor a empregar elementos naturais e reciclados de xeito cotiá que posibilitan a importancia dos recursos naturais.

O horto da escola está localizado nunha pequena parte do espazo exterior da escola enriquecendo deste modo a zona verde da mesma. Temos dous tipos de hortos; un horto vertical e outro horizontal. Ámbolos dous hortos están construídos con técnicas e materiais reciclados para a súa creación contamos coa colaboración do Proxecto de Voz Natura.

O horto vertical, realizouse aproveitando botellas e garrafas de auga, así como con botas de auga vellas proporcionadas polas/os cativas/os para colgalas no enreixado do patio e plantar diferentes plantas aromáticas como ourego, lavanda, tomiño e romeiro e cultivar amorodos, perexil, pementos e tomates “cherry”.

O horto horizontal, elaborouse reciclando palés decorados polas nenas e nenos. Xogando coas distintas formas de colocar os palés reutilizados cultivaremos leitugas, cenorias, tomates, repolos, coliflor, brócoli, cebolas e amorodos.

As nenas e os nenos realizan o procedemento de plantar os diferentes cultivos no horto en colaboración coas familias, sendo tamén os encargados do seu coidado e regado cotiá, así como da recollida da colleita. Do mesmo modo, fomentarase o coidado polo medio ambiente, realizando tarefas de recollida de lixo e plásticos no horto, e resto do patio.

Unha vez recolectado todo faise unha doazón á Cociña Económica.

É posible a actividade nos espazos exteriores da escola no inverno ??

 

Unha nova estación peta na porta. O inverno. Baixas temperaturas, menos horas de sol, precipitacións, … Son tempos de abrigarse, tempos onde a nosa cultura do sur de Europa cunha climatoloxía determinada foi incrustando un xeito de ver o frío, a chuvia, … , como unha ameaza para a nosa saúde física. Así, as expresións seguintes son parte da nosa cultura popular:

  • ¡Abrígate que  vas coller  un catarro!

  • ¡Abrígate que vas ter unha bronquite!

  • ¡Non teñas os pés espidos que vas coller gripe!

  • ¡Seca o pelo que te vas acatarrar!….

Habería un montón de expresións que poderiades engadir do voso peculio familiar que indican unha cultura popular ben arragaida no que respecta as accións que os adultos facemos para protexer as pequenas e pequenos para non ter enfermidades infecto-contaxiosas. Seguramente, moitas de vós e de nós poñemos en práctica esta cultura popular coas nosas fillas e fillos por que as raigames fondas das nosas crenzas son moi difíciles de arrincar.

Sen embargo a cultura científica indícanos que o frío por si mesmo non fai que collamos unha gripe, un catarro, bronquite, ..., ou outras enfermidades víricas ou bacteriolóxicas. Estas enfermidades danse por contacto directo cunha superficie ou con outra persoa que fai de transmisor destes “pequenos bichiños” que fan que desenvolvamos a enfermidade

Así o explican nos seguintes vídeos estes dous pediatras:

Dra. Lucía Galán Bertrand, pediatra e socia fundadora e directora del centro médico Creciendo

Dr. Roi Piñeiro, Xefe de Pediatría do Hospital General de Villalba.

 

Estes dous extractos son soamente unha pequena achega de como é a relación entre os virus e bacterias e o frío. Neste período de pandemia hai un bombardeo contínuo de información de como funcionan os virus e o seu xeito de difundirse, como ben xa sabedes, así como da importancia do exterior e do ambiente natural no só para o desenvolvemento saudable potencial das capacidades das nenas en nenos se non para minimizar as enfermidades infecto-contaxiosas, sempre coa imprescindible protección adaptada a climatoloxía existente en cada momento.

A asociación española de pediatría ( AEP) apunta:

” A epidemioloxía do virus indícanos que hai un risco 20 veces maior de infección en ambientes interiores. De feito todas as evidencias científicas apoian que hai unha menor transmisión de enfermidades en entornos ao aire libre, a luz solar directa pode suprimir a enfermidade en superficies máis rapidamente, redúcense as aglomeracións e concentración de persoas nun mesmo espazo,  mellórase o benestar en xeral das persoas tanto nenos/as como adultos, a motricidade, a atención e, en xeral, a actitude cara as aprendizaxes

O que deixan ben as claras é que frío non é igual a gripe, catarro, …, se non as persoas doutras climatoloxías máis frías ca nosas estarían todos os días con arrefriados. O frío non é o culpable de que as pequenas e pequenos está enfermos.

É moito máis importante entender que:

  • Hai que abrigar correctamente aos nenos e nenas. No abrigalos nin por exceso nin por defecto.

  • A contaminación en interiores é maior por falta de ventilación, xa que as nenas e nenos ao estar en contacto con outros iguais facilitan o contaxio e difusión do virus. É preciso ventilar os espazos interiores e,  sobre todo, estar no espazo exterior sempre que sexa posible, para evitar as concentración de nenos e nenas que se producen no espazo interior.

  • Ter un sistema inmunolóxico forte é o elemento fundamental para resistir mellor a entrada de virus ou bacterias externas, a través dunha alimentación nutricional axeitada para cada momento do seu desenvolvemento, como por exemplo nos bebés coa leite materna.

Podes ampliar a túa información nas seguintes direccións web:

Como vedes, hai moita literatura científica e un consenso que conflúe en que o frío non causa infeccións (gripe, catarros, bronquite, …).

Tanto, agora que veñen as baixas temperaturas do inverno, como noutros momentos do ano o importante e saber abrigarnos e ter a roupa axeitada para estar no espazo máis potencialmente rico para a infancia que é o espazo exterior da nosa escola.

Nalgunhas escolas da nosa Rede xa levan anos comezando a poñer en valor o espazo exterior e natural na escola infantil. Veñen tamén traballando cos diferentes axentes do contorno e coas familias para comprender esta transcendencia do exterior no desenvolvemento saudable das nenas en nenos, sendo consciente de que as achegas doutros axentes pódenos axudar a comprender a importancia do contexto exterior. Como sabemos é preciso ir da man coas familias neste tipo de accións que as veces poden parecer estrañas aos ollos dalgunhas familias cando saímos ao patio un día que vai frío, un día chove un pouco, un día que houbo xeada, , … Por iso, é tan importante xerar canles de comunicación fluídos coas familias para este e outras temáticas sexan coñecidas por elas e que entendan o que, o como, o porque e o para que o facemos.

Por iso, é preciso establecer un proxecto no que se contemple tamén a acción compartida coas familias, a opinión do pediatra ao que habitualmente levan os seus nenos e nenas é moi importante para elas. Así por exemplo a Escola Infantil de Meira, solicituoulle á pediatra do seu centro de saúde a redacción dunha carta para enviarlle ás familias  que axudara a modificar os mitos e crenzas en relación ao frío, e facilitase a comprensión e concienciación do proxecto que leva adiante á escola dunha maior utilización dos espazos exteriores agora no inverno.

A carta enviada pola pediatra foi:

Estimadas familias:

A directora da escola Infantil púxose en contacto comigo, como profesional da saúde infantil, sobre o uso dos espazos exteriores nestas circunstancias que desgraciadamente nos tocou vivir, e  a  verdade é que, despois de revisar a súa proposta, non podo estar máis de acordo.

Dende el punto de vista científico está sobradamente demostrado que a transmisión dos diversos virus, e concretamente o que nos acecha, redúcese substancialmente neste tipo de espazos y por elo, sempre que sexa posible, se deben primar as actividades no ambiente exterior.

Algo que me parece fundamental aclarar é que os nenos no se acatarran por saír ao patio (o que acotío se di como que “colleu frío”), sinon que a transmisión do arrefriado, y de outros procesos infecciosos, se produce con moitísima máis facilidade nos locais fechados, lugares nos que o contacto físico é máis estreito e ademáis, ao haber menos ventilación, a tose e os esbirros dos acatarrados cargan o ambiente de virus en suspensión, que inhalan o resto de nenos ate entón sans. Con isto no quero dicir que se vaian evitar todo tipo de infeccións  respiratorias, e máxime tendo en conta a época do ano na que estamos e cara á que vamos, pero sí estou segura de que se reducirán. Os espazos abertos e a axeitada hixiene de mans son as medidas que resultan más úteis para frear os contaxios, sobre todo nos nenos de curta idade, nos que o resto de medidas recomendadas son, o imposibles de realizar (uso correcto de máscaras) ou moi  complicadas (distancia social).

Para rematar, simplemente lembrar que: todos os que formamos parte, dunha forma u outra, das vidas dos vosos pequenos, e en definitiva, tamén das vosas, entendemos e compartimos  as vosas preocupacións, as vosas dúbidas  e inquietudes. Non olvidedes que estamos aquí para axudarvos en todo o que estexa nas vosas mans.

Ánimo familias! Entre todos poderemos con isto!