Un contexto de infancia: O ESPAZO EXTERIOR

Ao longo deste curso 2020-21 e ante a situación epidemiolóxica na que nos vemos  inmersas/os, queremos acompañarvos cunha serie de achegas sobre o emprego dos espazos exteriores, que vai ter que ser o noso espazo prioritario de acción educativa.

A concepción do espazo exterior en moitas ocasións estaba relegada a certos momentos da xornada e ao cumprimento de certas condicións metereolóxicas que permitisen, segundo o noso criterio o emprego do mesmo.

Na situación que nos atopamos agora mesmo esta concepción debe cambiar imperativamente debido á necesidade de que esteamos a maior parte do tempo no espazo exterior das nosas escolas desenvolvendo as nosas propostas educativas neste escenario de aprendizaxe. Por iso, é preciso trocar nalgún caso a perspectiva que temos sobre o exterior da propia escola e, noutros casos, ir enriquecendo as propostas do mesmo para desenvolver a nosa proposta pedagóxica de centro.

Isto implicaría sacar todos os momentos ao exterior, cando sexa posible. Podendo desenvolver calquera momento coas nenas e nenos neste espazo (momento de xogo, momento de comedor, momento de cambio, momento de descanso, …).

Esta concepción de que é posible extrapolar a acción educativa ao exterior é preciso de ser valorada en cada contexto polas posibilidades e/ou limitacións que cada escola poida ter. 

Outro dos elementos necesarios de facer partícipes da nosa acción educativa son as familias. As cales, coma sempre, terán que estar informadas desta proposta pedagóxica que poderemos ir desenvolvendo ao longo do curso, tendo como núcleo principal o espazo exterior da nosa escola, trasladando os seus beneficios, non soamente para o momento circunstancial que nos toca vivir se non a nivel xenérico para o desenvolvemento saudable das pequenas e pequenos. 

Sempre temos certos límites (reticencias) á hora de empregar este espazo en función da situación meteorolóxica na que nos atopemos e establecer fórmulas que nos permitan o desfrute do exterior como eixe principal da nosa acción pedagóxica coas nenas e nenos da escola. Imos cada ano facéndonos máis conscientes da prioridade do emprego do exterior na escola e da necesidade primordial de estar os pequenos o maior tempo posible neste espazo. Por iso, é preciso informar ás familias e incorporar á dotación de recursos das pequenas roupa de abrigo, calzado de exterior, roupa de auga,… que nos permita o aproveitamento máximo das nosas infraestruturas de exterior. 

Xogar ao aire libre aporta multitude de beneficios para o desenvolvemento  e saúde  integral da persoa, ademáis de proporcionar grandes posibilidades de exploración e aprendizaxe a todos os niveis. Resaltar que no exterior é máis fácil manter as distancias de seguridade, xa que as infeccións transmítense con máis dificultade e o contacto co aire e o sol fortalece as defensas, polo tanto constitúen espazos máis seguros que a propia aula.

De acordo coa observación que veñen realizando as/os grandes pedagogas/os, mestras/es ao longo da historia de pedagoxía, escribindo e describindo que o ser humano ten unha predisposición xenética cara ao mundo natural. Isto implica unha diversidade de aspectos no proceso de desenvolvemento do ser humano que dende xa hai máis de 20 anos a ciencia vén confirmando. As evidencias científicas realizadas mediante probas obxectivas e investigacións de como funciona o noso cerebro como as repercusións no noso desenvolvemento, veñen a certificar estas intuicións iniciais, así como as interacións e interdependencias existentes entre as súas diferentes funcións e os organismos que nos conforman a nivel físico, psíquico e social. 

Recollendo as evidencias que os científicos levan informando e divulgando neste últimos anos é preciso poñer o foco máis que nunca nestas primeiras idades e a súa necesidade de estar no espazo exterior e en contacto coa natureza.  Se non traballamos cara a esta dirección, os expertos xa veñen avisando/alertando, prodúcese unha afectación na saúde integral do ser humano (no sistema nervioso; nos cambios neurolóxicos; nas conexións neuronales; no equilibrio e re-equilibrio psíquico, psicolóxico, físico, social;…).

A posibilidade de que as nenas e nenos estean no exterior suporá unha potenciación das súas capacidades e unha activación dos mecanismos neurolóxicos e fisiolóxicos que fan que a pequena ou pequeno estea nun estado de sintonía consigo mesma/o (a natureza adáptase aos diferentes momentos madurativos e á diversidade dos mesmos) e co que lle rodea, o que inflúe cientificamente nun desenvolvemento saudable. 

Citamos algúns dos beneficios nos pequenos e pequenas:

  • Incrementa o benestar e mellora o estado de ánimo.
  • Fortalece o sistema inmunolóxico e incrementa as defensas
  • Reduce a ansiedade e o estrés (menos cortisol).
  • Mellora a capacidade cognitiva e dos procesos atencionais e a concentración.
  • Facilita unha aprendizaxe directa, empírica e autónoma (capacidade de observación e experimentación -método científico -).
  • Aumenta a confianza, autoestima e as habilidades sociais (capacidade de negociación co medio e cos outros, descubrimento das posibilidades e límites, empatía, solidariedade, compaixón, participación, colaboración,…).
  • Potencia o xogo simbólico e proporciona actividades menos estruturadas que facilitan a imaxinación e a creatividade 
  • Potencia a curiosidade como eixe motivacional para a aprendizaxe.
  • Mellora as habilidades motoras.
  • A través das accións físicas mellórase a capacidade cognitiva (xera endorfinas, disposición para a aprendizaxe a través de activar os procesos de concentración-atención,…).
  • A actividade física en espazos exteriores e naturais prevén o sobrepeso.
  • Aumenta a vitalidade xeral do neno/a.
  • Proporciona grandes posibilidades de exploración e movemento que axudan a que aprendan do mundo que lles rodea (capacidade nos procesos de aprendizaxe).
  • Activa os sentidos e desenvolve as súas habilidades perceptivas, grazas a multitude de estímulos que se poden atopar.
  • Sincroniza o estado físico coa acción motivada que vai desenvolver.

Non debemos esquecer que, ao igual que os espazos interiores, os espazos exteriores precisan de planificación, espazos versátiles e coidados que ofrezan diversas e múltiples posibilidades. Para esta planificación centrada no xogo pensada para os diferentes momentos madurativos e nos biorritmos individuais das pequenas e pequenos (momento de xantar, descanso, hixiene, …) iremos facilitando, a través do blog e das vosas achegas, propostas que  axuden a mellorar, enriquecer, crear,… diferentes zonas e ambientes de xogo.

Los espacios exteriores de la escuela son recursos educativos en potencia. Entre otras cosas son lugares privilegiados de contacto entre el centro educativo y el territorio, el social y el natural” .Penny Ritscher.

Enlaces web de interese:

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará