
Cando nos plantexamos a modificación dun espazo na escola e, neste caso do espazo de sesta na aula de bebés, temos que analizar e concretar cal vai ser a mellor distribución do espazo e dos elementos dos que dispoñemos para a súa organización.
É preciso facer unha xuntanza previa coas familias para argumentar cal vai ser a nova disposición do espazo e o por que do queremos levar a cabo explicando a importancia e os beneficios que vai ter para os seus fillos e fillas. Podemos aproveitar a xuntanza inicial de curso por aula ou ben a xuntanza do primeiro trimestre para expoñelo e coñecer a súa opinión.
É importante, antes de facer o cambio, analizar varias cuestións;
– Por que trasladamos aos bebés do berce ao colchón?
– Cando é o momento no que facemos o traslado do berce ao colchón?
– Cal é o rol do adulto en todo o proceso?
– Cal é o beneficio do mesmo para todos os implicados?
– Por que trasladamos aos bebés do berce ao colchón?
O colchón no chan, nun inicio colocase para que o bebé poida moverse con liberdade sen que resulte un perigo para o mais pequeno. É unha forma de que o neno ou nena interactúe co ambiente e comece a coñecer o seu entorno máis próximo, neste caso a aula de descanso da escola.
– Cando é o momento no que facemos o traslado do berce ao colchón?
O colchón no chan non se soe poñer para que durma nas súas primeiras semanas de vida, onde o neno ou nena pode correr risco dos demais iguais, posto que aínda non é quen de controlar os seus movementos. Nun primeiro momento, soemos empregar o berce como alternativa ao colchón no chan.
Non hai un momento preciso nin unha idade concreta para facer o cambio, neste caso como en tódolos cambios que se producen na escola en canto ao espazo, temos que ter en conta o momento evolutivo dos pequenos e pequenas. Cando consigan desprazarse sen axuda, ben co arrastre ou gatexo e sexan capaces de chegar ao colchón por sí sós podemos proceder ao cambio.
– Cal é o rol do adulto en todo o proceso?
Nun primeiro momento, a función principal do educador ou educadora é preparar o espazo de tal xeito que sexa seguro para os máis pequenos e pequenas.
Asegurarémonos que cando coloquemos o colchón no chan que este esté ben aillado e que teña unha superficie branda ao seu carón para que o neno ou nena poida baixar e subir sen ningún tipo de perigo.
O espazo debe estar decorado de xeito sinxelo e ordeado, empregando cores claros ou neutros de xeito que a estancia dos bebés sexa prancenteira, transmita tranquilidade e que sexa un espazo para desprazarse libremente. A importancia da orde radica en axudarlle ao pequeno ou pequena a ter puntos de referencia para poder ubicarse dentro do propio cuarto de sesta, por iso non convén demasiado mover os mobles de sitio, pois o feito de atoparse e devolver as cousas o mesmo lugar transmítelle estabilidade e estrutura.
Recomendase que o entorno se adapte ao nivel de desenvolvemento do neno ou nena, creando espazos que permitan liberdade de movemento dende que son moi pequenos para potenciar o seu desenvolvemento integral.
Os nenos e nenas máis pequenos precisan dun ambiente que favorezca o descanso e o sono, son eles quen nos mostran determinados indicios da chegada de este momento, nos temos que observalo para coñecer cal é o “momento preciso”. É moi importante empregar a información recollida das familias para poder orientarnos mentres non teñamos coñecemento das rutinas e costumes dos bebés.
O rol da educadora e educador, despois de ter claro a organización do espazo, será o acompañamento dos bebés en todo o proceso: o antes, o durante e o despois do momento de sesta.
– Cal é o beneficio do mesmo para todos os implicados?
Neste caso, temos dous axentes que se benefician directamente da reorganización do espazo de sesta, por unha banda os nenos e nenas e por outra banda as educadoras e educadores.
– Nenos e nenas
Unha vez que os máis pequenos e pequenas comezan a conquistar pouco a pouco o seu corpo, e comezan a ser conscientes do uso do mesmo: mans, pernas, boca…, creando así un grado máis de autonomía, o colchón a ras do chan serviralles para poder moverse libremente e cubrir as súas novas necesidades que serán exactamente a de comezar a exercitar e practicar toda a súa parte motriz e facelo dun xeito seguro.
Deste xeito, co colchón no chan o bebé poderá entrar e saír por si só tan pronto como estea preparado para gatexar, sen necesidade de chorar ou gritar para pedir axuda. Os berces con barrotes non permiten a adquisición deste nivel de independencia.
Isto está en consonancia coa idea de que a liberdade de movemento é crucial para o desenvolvemento do neno e da nena.
O bebé aprende a delimitar o seu espazo, o seu corpo e as súas capacidades. O neno ou nena xa é un ser pensador e isto permitiralle que obteña confianza en si mesmo e chegue a dominar ben o seu corpo. Ademais, potenciase a comunicación entre iguais, a afectividade “de bebé a bebé” creando un vínculo de “coidado mutuo”.

-Educadoras e educadores
Neste caso, o beneficio fundamental e máis importante é a cercanía e acceso que temos cara os máis pequenos e pequenas, o que nos permite estar preto de máis dun neno á vez podendo manter un contacto físico e visual que non nolo permite o berce.
Así, os bebés séntense acompañados e á súa vez fomentamos ese grado de autonomía, independencia e movemento libre que non poden conseguir co berce, sen esquecernos de que non é o mesmo ser autónomos que deixalos sós.
O respecto polo ritmo de cada neno ou nena é importantísimo. Algúns bebés soen durmir moito tempo mentres que outros espertan con moita asiduidade. Isto permítenos estar preto en todo momento duns e outros.
Ademais, facilita o control postural e movemento do adulto.
Comentarios recentes