Nesta xornada formativa, María Antonia Riera Jaume, experta na pedagoxía aplicada e psicoloxía da educación da Universitat de les Illes Balears, compartiu cos profesionais da Rede de Escolas Infantís de Galicia, unha conferencia plenaria sobre esta temática e, a continuación, en cada un dos distintos grupos de traballo realizados coas persoas asistentes reflexionouse, debatiuse e espuxéronse unha serie de cuestionamentos e visións sobre o ambiente educativo na escola infantil 0-3. Para rematar a xornada formativa, elaboráronse unhas conclusións, a partir das achegas do conxunto de participantes e da relatora .
Cando falamos de planificación ambiental, de seguido xorden cuestións como: Que entendemos por ambiente?, crear un ambiente agradable é algo máis que decorar? Cómo organizamos os espazos, materiais e tempos?, que posiblidades de xogo ofrecen os nosos espazos?, que tipo de relacións posibilitan?, que situacións de seguridade e benestar se dan ?, que situacións emocionais e cognitivas se permiten?…Todas estas cuestións e outras se plantexaron no inicio da xornada.
E con posterioridade á xornada, puidemos concluír que:
- Para planificar verdadeiros ambientes de aprendizaxe nas escolas infantís 0-3, é necesario ter en conta tres eixos-chave: o espazo, o tempo e as relacións.
- O espazo, non é un simple “contedor, “ senón unha rede de relacións entre adultos, nenos e nenas, obxectos, materiais e acontecementos. Falar de espazo-ambiente no ámbito escolar é falar de valores, da identidade da comunidadade, das aprendizaxes que se queren promover e das relacións que se establecen.
- Cada escola ten a súa propia identidade e existe en relación a un pasado e a un presente. Tal e como di Anna Lía Galardini: ”o espazo revela a pedagoxía e a pedagoxía maniféstase no espazo”.
- Na construción do ambiente, familias, nenos, nenas e profesionais pensan, coidan e transforman os contextos educativos, é importante que se faga de xeito reflexivo e creativo, procurando evitar espazos só decorativos, espazos-lixo,mortos, neutros ou colonizados polos patróns estéticos da cultura globalizadora, paralizadores da expresión, para así favorecer as relacións, as percepcións sensitivas, o movemento, a exploración, en fin… a pluralidade das belezas da vida.
- Para o deseño de ambientes de calidade nas escolas podemos ter en conta diversos parámetros, tales como:
- Identidade: unha escola entendida como lugar de pertenza dunha comunidade cultural e pedagóxica, con espazos de comunicación e encontros, de transicións entre dentro e fora, e sempre respectando a idiosincrasia propia dos diversos grupos de nenos e nenas e adultos.
- De relacións: xerando intercambios de relacións e circularidade de ideas entre todos os seus habitantes. Procurando a horizontalidade dos espazos, entendendo que todos son educativos, buscando a transparencia, nos que todos poidamos facer visible o que está sucedendo en cada un destes espazos, e sempre dentro das posibilidades arquitectónicas da escola.
- Constructividade: empregando materiais e equipamentos que motiven a curiosidade e o desexo de aprender, promovendo lugares e situacións que poidan proxectar, plantexar hipótesis, resolver problemas e buscar estratexias de acción diversas, onde o neno poida construir o seu propio percorrido cognitivo, a partir dunha diversidade de propostas nos distintos espazos da escola.
- Polisensorialidade: combinando de xeito equilibrada estímulos sensoriais diversos, buscando paisaxes equilibradas dende o punto de vista sensorial e perceptivo, ricas en olores, sons , texturas…, e sen saturacións.
- Transformabilidade: concebindo os espazos da escola con capacidade para transformarse e adaptarse en función das necesidades e intereses dos nenos e adultos, espazos plurifuncionais.
- Narración: creando espazos que conten, que falen do que se vive na escola, que documenten o que se fai, o que se di, construindo unha conciencia colectiva de diálogo continuo.
- É fundamental que a planificación educativa sexa respectuosa cos tempos e ritmos da infancia, xa que moitas veces caemos nun activismo frenético, de tal xeito que lle roubamos aos nenos a posibilidade de profundar nas experiencias e aprendizaxes, e de ser eles mesmos os protagonistas da creación do ambiente.
En palabras de L. Malaguzzi, “ as relacións entre nenos, traballadores e pais, o espazo no que se estruturan, e os tempos nos que se realizan, determinan a calidade e identidade da propia escola”.
Comentarios recentes